Venres 19 Abril 2024

Un estudo galego sobre a bacteria que mata libélulas en Fixi

A investigadora Olalla Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, coordina un traballo que publica "Scientific Reports"

A pesares de ser tratarse dunha área xeográfica relativamente pequena, no arquipélago de Fixi existen mais de 30 especies de libélulas do xénero Nesobasis, endémico destas illas, das que nalgúns dos casos só se detectou a existencia de femias. Analizar os posibles efectos que neste grupo de odonatos podía ter a presencia de Wolbachia, unha bacteria que pode atoparse en moitos tipos de insectos, foi o obxectivo central do estudo realizado por investigadores e investigadoras de España, Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Canadá, Bélxica e Cuba.

Coordinado por Olalla Lorenzo Carballa, investigadora do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), da Escola de Enxeñaría Forestal, os resultados deste traballo, recollidos nun artigo publicado na revista Scientific Reports, do grupo Nature, constatan a “alta incidencia” da bacteria nas diferentes especies deste xénero, sendo ademais un dos primeiros estudos que confirma a presenza de Wolbachia en odonatos. Por outra banda, o feito de que esta elevada incidencia se detecte nun xénero caracterizado pola existencia dun amplo número de especies “xeneticamente próximas”, levou aos investigadores e investigadoras a formular a hipótese de que esta bacteria podería estar relacionada coa especiación neste xénero de libélulas.

Publicidade

O estudo ten como punto de partida o traballo de campo realizado en 2006 en Fixi por Christopher Beatty, que naquel entón traballaba na Universidade de Carleton en Canadá. Este traballo fixo posible a posterior análise de 178 exemplares pertencentes a 25 especies diferentes de libélulas do xénero Nesobasis e outras cinco do xénero Melanesobasis, co propósito de coñecer se nelas estaba presente ou non a Wolbachia, unha bacteria cuxa incidencia neste grupo de insectos non fora apenas estudada. Ademáis de Lorenzo e Christopher Beatty, o estudo contou coa participación dos investigadores Adolfo Cordero, coordinador do grupo EcoEvo, Greg Hurst e Kirsty Heaton, da Universidade de of Liverpool; Sylvain Charlat, da Universidade de Lyon; Yusdiel Torres Cambas, da Universidad de Oriente en Cuba; Tom Sherratt, da Universidade de Carleton en Canadá, e Hans Van Gossum, da Universidade de Antwerp en Bélxica.

Máis do 70% das especies están infectadas

O feito de que “nunha área limitada” como Fixi existise “unha diversidade de especies tan grande”, sumado a que “nalgunhas delas era rara a presenza de machos ou estes non se atopaban” levou aos investigadores e investigadoras a preguntarse se poderían nesta área existir libélulas partenoxenéticas, femias que se reproducen sen necesidade de machos, como a propia Lorenzo detectara no seu día nas Azores, na investigación que levou a cabo para a súa tese de doutoramento coa libélula Ischnura hastata.

Coa idea de “explorar as distintas hipóteses” o punto de partida do estudo foi comprobar se nas especies de Nesobasis estaba presente ou non a Wolbachia, dado que esta bacteria “pode producir alteracións na reprodución, que xeralmente tenden a que haxa máis femias na poboación, porque a bacteria transmítese de xeración a xeración por vía materna”. Alteracións como a “partenoxénese ou a feminización dos embrións machos” que os resultados desta análise levaron a descartar. “Non parece que a bacteria teña ver con alteracións na proporción de sexos”, salienta Lorenzo Carballa, xa que á vez que nalgunhas especies “tanto os machos como as femias tiñan a bacteria”, nalgunhas das especies nas que “non se describiron os machos, atopámonos con que as femias non tiñan Wolbachia”.

De feito, os resultados permitiron constatar que a bacteria tiña unha das incidencias “máis elevadas que hai recollidas na literatura científica”, xa que o 71% das especies de Nesobasis estaban infectadas por esta bacteria. A isto súmase ademais unha “elevada prevalencia” da Wolbachia nas diferentes especies, nas que a porcentaxe de individuos infectados se situou en varios dos casos no 100% e noutros por riba do 90%. “Son moitas as especies infectadas e dento delas, moitos os individuos infectados”, explica Lorenzo acerca dunha investigación que abrangueu tamén o estudo de cinco especies de Melanesobasis, na que incidencia de Wolbachia foi do 40%.

Múltiples especies de libélulas, diferentes liñaxes da bacteria

Outra das posibles alteracións que a Wolbachia pode producir nas especies nas que hospeda en Fixi é a chamada “incompatibilidade citoplasmática”, un fenómeno que impide que o cruce entre individuos con “liñaxes incompatibles da bacteria” produza descendencia, aínda que ambos individuos sexan da mesma especie. Esta alteración pode potencialmente favorecer a especiación, xa que “contribúe ao illamento reproductivo entre individuos infectados por tipos incompatibles de Wolbachia, mesmo cando estes son da mesma especie”. De feito, o estudo permitiu constatar a presenza neste xénero dun elevado número de liñaxes desta bacteria “completamente diferentes”, apunta Lorenzo. O estudo conclúe que, do mesmo xeito de que a diversidade de especies de Nesobasis podería ter contribuído á elevada incidencia da bacteria neste xénero, o feito de que existan diferentes liñaxes de Wolbachia indica que a esta podería ter sido un factor que contribuíse a esa maior diversidade de especies, “aínda que isto é algo moi difícil de probar experimentalmente, xa que require o cruzamento de libélulas infectadas con distintos tipos de Wolbachia no laboratorio e as Nesobasis son moi difíciles de manter en catividade”, recoñece a investigadora.


Referencia: Widespread Wolbachia infection in an insular radiation of damselflies (Odonata, Coenagrionidae) (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos describen unha nova especie de libélula das illas Fixi

O insecto destaca por ter un abdome moi longo, os dentes finos e a parte externa das ás de cor rosada

Un mapa forestal de Galicia para loitar contra os incendios

A investigadora Laura Alonso propón a creación dun inventario específico para non depender do español, que está desactualizado e non ten en conta o minifundio galego

As 37 especies de libélulas que viven na parte galega do Xurés

O catedrático Adolfo Cordero codirixe a primeira guía que compila a diversidade de cabalos do demo presentes no Parque Natural Baixa Limia

Investigadores galegos descobren unha nova especie de libélula no arquipélago de Fixi

Os estudos do grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da UVigo describen a "Nesobasis rito", un tipo de insecto nunca antes descrito na literatura científica