Pertence a unha familia de libélulas apenas estudada e é unha especie que só pode atoparse en República Domincana e Haití. A Phylolestes ethelae presenta un comportamento ata agora nunca detectado nos odonatos, como retrasar o apareamento ata última hora da tarde ou mesmo despois do anoitecer. Este foi o principal descubrimento do estudo do comportamento desta especie levado a cabo polo grupo de investigación EcoEvo da Universidade de Vigo (UVigo) na illa da Hispaniola.
“Non sabemos doutras especies con actividade nocturna dentro dos odonatos”, sinala o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, que asina o artigo no que se presentan as conclusións deste traballo xunto cos investigadores dominicanos Juan Carlos Núñez, do Jardín Botánico de Santiago Profesor Eugenio de Jesús Marcano Fondeur, e Carlos Suriel, do Instituto Tecnolóxico de Santo Domingo.
Como explica Cordero, o estudo recentemente publicado na revista científica Animal Biodiversity and Conservation é resultado dos traballos de campo realizados na illa de Hispaniola nos anos 2017 e 2019, co obxectivo de analizar tanto o comportamento xeral como reprodutivo desta especie da familia Synlestidae. Inserido nun proxecto de investigación do grupo EcoEvo sobre a diversidade de comportamentos en comunidades insulares e continentais de libélulas e aves, os investigadores levaron a cabo este estudo no Parque Nacional Armando Bermúdez, onde observaron os comportamentos de preto de 200 machos e máis de 70 femias de Phylolestes ethelae, mediante técnicas de marcaxe e recaptura.
Un conxunto de especies apenas estudado
Como sinalan os autores deste estudo, “os odonatos son coñecidos pola súa diversidade de comportamentos reprodutivos”, o que motivaba que a hipótese de partida desta investigación fose que “a singularidade filoxenética” da Phylolestes ethelae, sumada o feito de que só pode atoparse na illa que comparten República Dominicana e Haití, podería ter producido “comportamentos novos que vale a pena protexer, xa que forman parte da biodiversidade”.
Neste senso, “o resultado máis sorprendente” foi ter observado cópulas despois do anoitecer, a pesar de que os machos agarraran as femias para reproducirse horas antes. De feito, sinala Cordero, tamén se detectaron cópulas durante o día, pero o “máis sorprendente” é que varios machos non se apareasen ata a noite, nalgúns casos “esperando moitas horas en tándem coa femia”, dado que isto implica que, durante horas, non poden “dedicarse a outras actividades como comer, poñer ovos ou aparearse con outros individuos”.
Nese senso, o responsable do grupo EcoEvo sinala que é posible que o illamento desta especie, a única da familia Synlestidae que pode atoparse en América, podería ter influído neste comportamento. Non obstante, trátase dun grupo de libélulas, do que forman parte outras 32 especies que poden atoparse en África, Australia e China, do que “non se sabe nada”, o que leva o investigador a sinalar a posibilidade de que outras libélulas desta familia “poidan tamén ter un comportamento similar”.
Os primeiros datos sobre unha especie ameazada
Recollida na lista vermella de especies ameazadas da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza), a Phylolestes ethelae é unha libélula que só pode atoparse nalgúns puntos da illa de Hispaniola e da que este estudo é pioneiro porque recolle os primeiros datos do seu comportamento. Como sinalan os seus autores, trátase dunha especie cunha longa esperanza de vida, de 20,6 días, na que os machos amosaron unha “alta fidelidade ao sitio”, podendo detectarse individuos que retornaban a un mesmo punto día tras día, pero que, á súa vez non poderían describirse territoriais, posto que “raramente se vían envoltos en encontros agresivos”.
No referido ao seu comportamento reprodutivo, o estudo sinala que os machos agarraban as femias para o tándem precopulatorio sen cortexo previo, en calquera momento do día. Mais, se ben nalgúns dos casos o apareamento tiña lugar poucos minutos despois, outros exemplares permanecían en tándem “durante varias horas”, chegando mesmo ao anoitecer, observándose tamén como as femias depositaban posteriormente os ovos en ausencia do macho.
Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.