Unha idea na que se vai afondando durante moitos anos mediante a investigación pode acabar ofrecendo resultados que supoñan unha auténtica revolución nun sector económico. É o que pode acontecer co proxecto desenvolvido pola spin-off da Universidade de Santiago (USC) Neutron Insights, que con pouco máis dun ano de vida está a espertar grandes expectativas de negocio no sector da radiografía industrial. A proposta acaba de ser galardoada co Premio GCiencia Galicia Spin-Off no apartado de Idea Emerxente.
Pablo Cabanelas, fundador e socio da empresa xunto a Yassid Ayyad, explica que o proxecto baséase na idea de utilizar a radiación mediante neutróns para obter unhas radiografías moito máis precisas das que se fan cos raios X. “Vemos o que os raios X non ven” é un dos lemas que utiliza esta nova empresa que está a desenvolver un produto con múltiples aplicacións no terreo industrial: dende a soldadura á impresión 3D, pero tamén noutros sectores como a construción ou a minería.
O IGFAE como punto de partida
Cabanelas apunta que nos últimos meses están a descubrir novas aplicacións desta idea que se basea no coñecemento xerado no seo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC ao longo de 25 anos. “Inicialmente centrámonos máis nas posibilidades que tiña esta idea para empregar no sector industrial pero estamos a ver que hai moitas outras aplicacións, como empregala para escanear e comprobar a calidade dos minerais que saen dunha mina ou para ver o estado da tubaxe nunha parede”, explica Cabanelas.
Nestes momentos a empresa está a traballar no deseño dun dispositivo portátil que permita levar esta tecnoloxía xa desenvolvida no laboratorio ata as sedes dos propios clientes e así aumentar as posibilidades de comercialización. “Estamos a desenvolver o dispositivo nós, de xeito integral, e agardamos poder ter listo o primeiro prototipo ao longo do ano 2025”, sinala o cofundador de Neutron Insights.
A curta andaina dunha prometedora spin-off
Mentres tanto, malia a corta vida do proxecto —a empresa constituíuse en outubro de 2023— Neutron Insights xa conta con algúns clientes que levan as pezas industriais para ser analizadas no seu laboratorio. Ademais, a aposta da empresa pola investigación non termina con desenvolvemento desta nova tecnoloxía baseada nos neutróns. Tamén están a avanzar noutras liñas como o emprego de raios ultravioletas para a análise de metais pesados ou a detección de focos de ignición.
A investigación en materia de sistemas de detección é algo no que o IGFAE leva traballando máis de dúas décadas e xa hai uns anos creouse unha spin-off, Intera, dedicada ás medicións de radon en vivendas que acadou un crecemento importante nos últimos anos.
Ademais de aproveitar o coñecemento xerado no IGFAE nas últimas décadas, Cabanelas destaca a importancia que tivo para Neutron Insights a fase de aceleración levada a cabo no programa Vía Galicia, xa que lles permitiu realizar moitos contactos e compartir experiencias con outros emprendedores cos que atoparon puntos en común para traballar conxuntamente. A empresa formou parte do programa Argos da USC que tamén supuxo unha gran axuda para o desenvolvemento do proxecto.
Importancia dos programas de aceleración
“O máis complicado para un investigador”, explica Cabanelas, “é adaptarse ao ritmo que hai no mundo empresarial porque é moi distinto ao que temos na investigación. No mercado as cousas van moito máis rápidas e necesitas obter outros coñecementos como a parte comercial, financeira os estudos de mercado, etc. Por iso foi moi importante o que puidemos aprender nos programas de aceleración”.
O certo é que Neutron Insights está a desenvolver unha idea empresarial totalmente baseada no coñecemento e a innovación e o xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off decidiu concederlle o galardón na categoría Idea Emerxente. Outorgoulle o recoñecemento pot tratarse tamén dunha iniciativa emprendedora procedente da investigación no campo da Física, un sector no que non é tan habitual que xurdan ideas que poidan concretarse en empresas con boas posibilidades de crecemento, como ocorre neste caso.














