A saúde global afronta desafíos cada vez máis complexos que esixen novas tecnoloxías para a prevención e tratamento de emerxencias sanitarias e pandemias. Este foi un dos temas tratados na mesa redonda, liderada polo grupo Zendal e con destacados expertos de enfermidades e terapias, que se levou a cabo no foro RIES2024, onde tamén se falaron doutros asuntos como o impacto das enfermidades crónicas sobre o sistema de saúde, baixo o lema “Novas tecnoloxías e retos en saúde global”.
A mesa, moderada por Beatriz Díaz, compúxose de catro destacados profesionais: a viróloga molecular no Hospital Clínico de Barcelona e líder do grupo asociada no Instituto Bernhard Noch para a medicina tropical, Beatriz Escudero; a doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago e coordinadora do grupo de investigación BioFarma, Mabel Loza García; a doutora en Bioloxía pola Universidade da Coruña, subdirectora do Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina (CINBIO) e responsable do laboratorio de Enfermidades Raras do CINBIO, Diana Valverde; e o profesor na facultade de Medicina de Hannover, especializado en herpesvirus, Abel Viejo Borbolla.
Desenvolver sistemas de saúde máis elásticos
Os profesionais destacados analizaron como as novas tecnoloxías poden contribuir á prevención, tratamento e resposta ante emerxencias sanitarias e pandemias. Factores como o cremento demográfico, a mobilidade global e o cambio climático favorecen a propagación de enfermidades trasmitidas por vectores —como o dengue ou a malaria— polo que “é esencial facer máis eficientes os procesos para actuar con maior rapidez”, destacaba Mabel Loza. Os mesmos factores axudan ao rexurdimento de enfermidades crónicas de alto impacto en países avanzados, como a obesidade e a diabetes, polo que Diana Valverde destacaba que “o estudo de enfermidades raras ofrécenos claves para entender mellor doenzas crónicas que desafían os sistemas sanitarios”.
Ademais, os expertos coincidiron na necesidade de desenvolver sistemas de saúde máis elásticos, estratexias de respostas coordinadas e a importancia de tratar de forma global as ameazas sanitarias tendo en conta nun mesmo conxunto a saúde humana, animal e ambiental, o que se coñece como a visión ‘One Health’ .
Enfermidades tropicais presentes en España
A mesa redonde concluíu cunha chamada dos expertos á colaboración interdisciplinar para impulsar terapias innovadoras fronte a enfermidades trasmitidas por vectores, infeccións virais e patoloxías complexas que prevalecen na poboación. “Os herpesvirus, aínda que non son letais, están presentes en todos nós e actívanse especialmente en persoas inmunocomprometidas, como adultos maiores ou pacientes con enfermidades crónicas”, destacaba Abel Viejo Borbolla.
Pola súa banda, Beatriz Escudero aproveitou para resaltar que “debemos prestar atención non só ao virus, senón tamén ás defensas do paciente. As enfermidades tropicais, como o dengue, xa están presentes en países non tropicais, incluíndo España“, polo que se salientou a importancia de integrar a investigación básica con aplicacións prácticas que poidan mellorar a resposta sanitaria e reforzar os sistemas de saúde nun contexto global.