Proxecto Candela: un sistema de alumeado intelixente para as cidades galegas

Un consorcio formado por empresas de enxeñaría e investigadores da Universidade de Vigo e de Gradiant leva un ano traballando nunha iniciativa innovadora para deseñar un sistema de xestión intelixente do alumeado público para as cidades galegas. O proxecto Candela foi un dos seleccionados na convocatoria ConectaPeme e ten como obxectivo avanzar no eido das smart cities (cidades intelixentes) coa creación dun conxunto de solucións que permitan medir, modelar, optimizar e actuar en tempo real sobre todo o sistema lumínico público urbano. O consorcio está formado por catro empresas galegas (Setga, que lidera o proxecto, Sistemas Audiovisuales Itelsis, Inteco Ingeniería Avanzada e Ingeniería Insitu)  xunto cos grupos de Tecnoloxía Enerxética e de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo e Gradiant. Neste proxecto, os membros do consorcio empregan as últimas tecnoloxías dixitais como os sensores Lidar (Light Detection and Ranging), o big data, o IoT e as novas tecnoloxías de LED.

O proxecto propón un modelo de “luminaria intelixente e conectada, seguindo os conceptos do internet das cousas“, como explican os investigadores, que permita realizar a avaliación de estado actual e teña capacidade de control e comunicación dende un centro de control dentro dun concepto de cidade intelixente. É dicir, trátase de que a propia lámpada calibre o seu estado, medindo o consumo, a esperanza de vida, etc. para adaptar a iluminación ás necesidade de cada momento e de cada lugar e para contar cun sistema de control máis eficaz e automatizado. Ata o de agora, cos sistemas actuais de luminarias convencionais “non é posible a optimización das redes adaptándoas ás demandas e ao espazo urbano ao que se pretende dar servizo”.

Publicidade

O traballo está apoiado pola Axencia Galega de Innovación

Candela, subvencionado pola Axencia Galega de Innovación, arrancou en febreiro de 2016 con dous anos de medio de duración total e un orzamento de 863.442,78 €. Con este proxecto, empresas e centros de investigación tratan de reducir o custe enerxético do alumeado público mediante a mellora da súa regulación a través de controis en liña e automatizados, ao tempo que se mellora tamén o mantemento das instalacións a partir de detección temperá de incidencias. Por outra banda, tratarase de mellorar a percepción visual que a cidadanía ten das instalacións, optimizando a súa xestión e aumentando a seguridade viaria, apostando por unha regulación da iluminación adaptativa a condicións climatolóxicas cambiantes e polo deterioro progresivo das instalacións. Ao tempo, esta iniciativa persegue aumentar a precisión do coñecemento das condicións reais das instalacións de luminarias nas vilas e cidades a través da automatización do inventario e do proceso de auditoría continuada e busca optimizar de forma continua o gasto enerxético da infraestrutura mediante o uso de procesos de simulación. Paralelamente, traballan para facilitar a toma de decisións administrativas a partir da xeración de información visual entendible, así como para facilitar e axilizar a toma de decisións técnicas a partir da xeración de baterías de simulacións e para mellorar a comunicación coa cidadanía relativa aos servizos de alumeado público existente e posibles melloras.

Os investigadores destacan que os desenvolvementos que están levan a cabo permitirían acadar catro obxectivos prioritarios. O primeiro deles é a redución do tempo de operacións durante o ciclo integral de proxecto nun 97%, diminuíndo o número de horas e meses empregados de 30 meses a un mes en infraestruturas medias de 30.000 puntos de luz. Por outra banda, buscan a conectividade participativa con toda a infraestrutura de alumeado a través dunha rede IoT – LPWA, así como a adaptación dos parámetros lumínicos aos ritmos circadianos da poboación e os niveis de actividade urbana mediante sistemas de sensorización integrada IoT. Finalmente, o cuarto obxectivo é potenciar a capacidade de implementar unha auditoría verificadora sobre os niveis lumínicos na totalidade da infraestrutura de alumeado público, corrixindo instantaneamente as desviacións reais experimentadas polos principais parámetros luminotécnicos ata o final da vida útil, dende o fluxo lumínico á temperatura de cor.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A biotecnoloxía galega lanza a súa ofensiva en BioSpain para captar investimento

A feira que se celebra en Barcelona estima bater o récord da última edición, que contou con case 1.000 empresas e máis de 2.200 profesionais

Galicia impulsa unha nova era dixital coa combinación de ‘edge computing’ e 5G

Investigadores da Universidade de Vigo están a desenvolver edgeContinuum, unha plataforma pioneira, financiada a través do programa Ignicia da Xunta de Galicia, para optimizar custos e mellorar o control sobre os datos

Proxecto GOTIS: así é o fármaco galego que pode reducir as lesións do ictus isquémico

Un equipo do IDIS, apoiado polo plan Ignicia da Xunta, entra na fase preclínica para protexer ás neuronas dunha posible obstrución

MytUniSex impulsa as liñas unisex que marcarán o futuro do mexillón galego

O proxecto da Universidade de Vigo, beneficiario do programa Ignicia da Xunta, permite producir semente en laboratorio e escoller exemplares máis atractivos para o mercado a través da selección xenética natural