Sábado 27 Abril 2024

Pódese predicir o estrés emocional dos adolescentes a través da voz? Así o investiga un equipo de atlanTTic

Dende o centro da UVigo lidéranse varios proxectos nos que se utiliza a intelixencia artificial para analizar a fala e, así, mellorar a calidade de vida das persoas

A forma na que se fala pode dar moita información persoal: o lugar de orixe, a idade e incluso o estado de ánimo. A cuestión está en se, ademais de todos estes datos, a voz pode axudar a predicir o distrés emocional dos adolescentes. Isto é o que estudan os investigadores Laura Docío e Manuel Fernández no Centro de Investigación de Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo. “É un proxecto ambicioso. Intentamos prever a ideación suicida en adolescentes que non teñen unha boa saúde mental”, explica Docío. De momento o proxecto VISIA, que atlanTTic desenvolve en colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), está na fase de recollida de datos, que se leva a cabo por parte da comunidade médica. O seguinte paso consistirá na análise das voces e das expresións faciais para determinar se existen marcadores que permitan diagnosticar o “distrés” emocional dos adolescentes e a súa posible deriva cara ás ideacións suicidas.

O traballo de atlanTTic centrarase exclusivamente na análise pormenorizada dos datos, é dicir, das voces e dos vídeos recollidos. Neste momento, o persoal sanitario que participa no proxecto está a recompilar información dos seus pacientes, sempre a través de consentimentos informados e coa garantía de privacidade e de seguridade dos datos. “O obxectivo é determinar se hai posibilidades de desenvolver modelos que poidan detectar a ideación suicida en adolescentes”, aclara Docío. De momento, VISIA está nunha fase preliminar e o seu obxectivo final céntrase na busca deses marcadores tanto no sinal de voz coma nas micro-expresións faciais dos adolescentes. Ademais, vaise desenvolver un axente conversacional intelixente co que os adolescentes poidan interaccionar e, así, detectar os signos de alarma e darlle consellos para manexar as situacións emocionais nas que se atopan nese momento.

Publicidade

Detectar a deterioración cognitiva

VISIA non é o único proxecto de atlanTTic que está a usar bancos de voces para mellorar a vida das persoas. Unha das iniciativas nas que participa o centro da UVigo é o proxecto Medicina Personalizada (MedPer) na detección precoz da deterioración cognitiva (DC) preclínico. Desenvolvemento dun modelo preditivo de risco; un consorcio composto por once grupos de investigación distribuídos por toda a xeografía española e coordinado polo Instituto de Investigación Biomédica de Salamanca (IBSAL). O seu obxectivo é a detección precoz da deterioración cognitiva preclínica, malia que Docío recoñeza que se trata “dun proxecto moi ambicioso”. Para conseguilo, o consorcio analizará unha longa serie de datos, dende o sangue ata a motricidade dos participantes, para atopar marcadores de deterioración cognitiva. Dentro da gran cantidade de información que se revisará ao abeiro de MedPer, atlanTTic encargarase de estudar as voces para determinar se a deteorioración cognitiva dá sinais precoces na forma na que falan os pacientes.

“Intentaremos detectar marcadores na voz e na linguaxe para saber se de aí se pode extraer algún sinal de alarma”, apunta Docío. Igual que acontecía con VISIA, o proxecto MedPer ten unha función fundamentalmente investigadora e o seu principal obxectivo é a recollida de múltiples variables para buscar indicios temperás de deterioración cognitiva. De todos modos, cando se analicen todos os datos e se determinen os marcadores, este proxecto poderá servir para crear ferramentas orientadas á medicina personalizada. Con todo, Docío fai fincapé en que neste proxecto, pero tamén en VISIA, a análise dos datos sempre está apoiada por profesionais da sanidade, que son os que se encargan da recollida dos datos que posteriormente se analizan nos laboratorios de atlanTTic.

Máis (e mellor) presenza do galego

Ademais do carácter sanitario de VISIA e MedPer, atlanTTic tamén leva a cabo proxectos de carácter social. Un dos que rematou recentemente —e con récord de participación— foi FalAI, unha iniciativa desenvolvida polo centro da UVigo en colaboración coa empresa Balidea para recoller un corpus de fala en galego que cubra unha gran cantidade de posibles interaccións home-máquina que permitan logo desenvolver e avaliar axentes conversacionais baseados en tecnoloxía de aprendizaxe máquina. Neste proxecto, ademais do equipo de atlanTTic, participa o investigador e persoal do departamento de I+D+i de Balidea, Andrés Piñeiro Martín, que realiza a súa tese de doutoramento na UVigo.

“Recollemos voces en galego para desenvolver, nun futuro, sistemas conversacionais que entendan e usen o noso idioma”, sinala a investigadora de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Esta iniciativa, premiada co Paraugas de Ouro polo Clúster de Comunicación, apostou por unha estratexia de márketing potente, promovendo unha páxina web na que as persoas podían enviar mostras das súas voces de forma totalmente gratuíta e altruísta. Iso si, sempre en galego. Froito deste traballo, conseguiron preto de 250 horas de gravación, máis de 260.000 mostras e máis de 10.000 participantes.

Docío aprecia o esforzo de participación dado que os bancos de datos, máis aínda cando a información principal son voces, precisan de moita variedade. “Se non o facemos, o asistente pode entenderme a min pero non aos demais”, sostén a investigadora de atlanTTic, que subliña que non só se recolleron datos de persoas de entre 20 e 40 anos, senón de todos os grupos de idade. O proxecto, xa rematado, terá continuidade e probablemente sirva como base de datos para o desenvolvemento de axentes conversacionais personalizados. É dicir, que non sexan tan xenéricos como as archicoñecidas Siri e Alexa, senón que se enfoquen a un público obxectivo e funcionen en ámbitos máis pechados, dado que neste tipo de escenarios tamén se poden controlar máis as respostas. Docío exemplifícao con asistentes conversacionais que se poidan empregar no ámbito sociosanitario ou que estean enfocados nas persoas maiores.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Como rexistrar a túa marca? Este proxecto de atlanTTic axudará a resolver as túas dúbidas

Unha ferramenta baseada na intelixencia artificial filtrará a sección de preguntas frecuentes sobre propiedade intelectual dun organismo da Unión Europea

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña