Luns 29 Abril 2024

Martín Llamas, director de atlanTTic: “2024 será o ano da intelixencia artificial xenerativa”

O catedrático da UVigo fai un repaso dos proxectos que se levan a cabo no centro, como a rede 6G e a exploración de covas lunares

As intelixencias artificiais (IA) acadaron grandes avances este ano. Por primeira vez, a Unión Europa deseñou unha lei específica na materia que incluíu modelos xenerativos como ChatGPT, un dos grandes protagonistas este ano e que supuxo unha gran integración das IA na vida cotiá. A sociedade empeza a incoporalas no seu día a día e todo apunta a que 2024 traerá outra serie de progresos. AtlanTTic, pertencente á Universidade de Vigo (UVigo), é un dos centros de investigación nos que se cociñarán estes logros e o seu director, Martín Llamas, adianta que “2024 será o ano da intelixencia artificial xenerativa”.

Na seguinte entrevista, o tamén catedrático da UVigo fai un repaso polos eixos innovadores que consolidan a atlanTTic como un dos centros de referencia no sector das telecomunicacións, que traballan na actualidade na rede 6G e no ámbito aeroespacial con proxectos tan ambiciosos como a exploración de covas lunares. Ademais, repara na importancia da participación da cidadanía no ámbito investigador para unha mellor valoración da ciencia.

Publicidade

– Este ano foi o ano de Chat GPT. As intelixencias artificiais, que se constrúen en centros como atlanTTic, están producindo grandes cambios. Estamos preparados para o boom de robots?

Definir se estamos ou non preparados implica considerar diferentes aspectos que van desde o desenvolvemento da tecnoloxía e a infraestrutura ata as súas implicacións éticas e sociais. Probablemente sexan estas últimas as áreas clave para mitigar os desafíos que poidan supoñer na cidadanía, non só nas cuestións éticas asociadas ao uso de robots, aspectos como a toma de decisión autónomas e a privacidade. O seu impacto na vida laboral precisará a capacitación en novas habilidades e reubicación de traballadores. A nosa visión como centro de investigación baséase non só no desenvolvemento de novos ou mellorados algoritmos e aplicacións da intelixencia artificial e os necesarios esquemas de ciberserguridade para facer fronte ás ameazas e ataques destes robots, senón no aproveitamento das capacidades da intelixencia artificial como catalizador do desenvolvemento de diferentes tecnoloxías en eidos como as comunicacións, os servizos dixitais ou a ciberseguridade.

– Que evolución das intelixencias artificiais veremos o próximo ano?

A evolución específica da intelixencia artificial dependerá de varios factores, entre eles os avances tecnolóxicos, os desenvolvementos normativos e os cambios nas necesidades e demandas do mercado. O 2024 será o ano da intelixencia artificial xenerativa, grazas á súa acollida actual e impacto en tódolos ámbitos, tendendo a un modelo de intelixencia “multimodal” tal como revelan as liñas de traballo de Meta ou OpenAI. Nun futuro próximo será normal falar cunha intelixencia artificial sobre unha imaxe ou vídeo do mesmo modo en que podemos falar sobre un texto hoxe en día.

A rede 6G está poñéndose en marcha dende a UVigo. Que vai supoñer esta vangarda?

Se o 5G fixo que as redes celulares pasasen de ser unha tecnoloxía basicamente orientada aos teléfonos móbiles e smartphones para cubrir usos novos como as comunicacións fiables en industria ou o soporte ás comunicacións masivas da Internet das cousas (IoT), o 6G vai dar un paso máis aló grazas á súa maior velocidade de comunicación, menor latencia e o aproveitamento dos avances da intelixencia artificial. Deste xeito, poderá responder e adaptarse de forma instantánea ás necesidades dos usuarios e habilitará novos usos como a telepresenza inmersiva ou a conectividade ubicua. Neste contexto, o noso centro recibiu arredor de cinco millóns de euros para a instalación dunha rede 6G ultradensa no Campus da Universidade de Vigo que permitirá desenvolver novos experimentos avanzados, como casos de uso vehiculares e con drons que implican cambios de cela a alta velocidade. Os resultados das nosas investigacións chegarán ao sector produtivo e á cidadanía por distintas vías, como a colaboración directa con empresas e institucións, a transmisión de coñecementos do persoal investigador e docente nas aulas, e a través da creación de spin-offs

O 6G vai dar un paso máis aló grazas á súa maior velocidade de comunicación

O 2023 foi un ano no que se falou moito do espazo e dos descubrimentos dos telescopios como James Webb. Dende atlanTTic estanse levando a cabo proxectos moi ambiciosos no ámbito aeroespacial. Cales destacarías?

Entre os diferentes proxectos en curso, quizais o máis significativo sexa o chamado Antennas for Underground Communications financiado pola ESA para a exploración de covas lunares e desenvolvido en colaboración coa Universidade de Oviedo e a empresa EOSOL Ingeniería. O interese nestas covas é a súa posible utilización como refuxio en futuras exploracións planetarias ou no propio satélite terrestre, onde o acceso á zona subterránea será fundamental para garantir a súa habitabilidade, pois estas cavidades están protexidas da radiación, do bombardeo por micrometeoritos e das partículas do vento solar, ademais de ter unhas condicións térmicas máis estables. O primeiro paso para a súa colonización consiste na exploración robótica do seu interior e aí é onde se enmarca este proxecto, que ten como obxectivo deseñar, fabricar e probar antenas para vehículos non tripulados de exploración, rovers que se comuniquen dentro das covas e poidan enviar información do seu interior.

– Que papel cres que debe ocupar a cidadanía na investigación científica? 

Considero que a participación da cidadanía fomenta unha maior comprensión e valoración pública da ciencia, e a súa implicación non só amplía a base de coñecemento e recursos dispoñibles para a investigación, senón que tamén proporciona unha visión social das necesidades e retos a abordar. 

– Cal é o lugar de Galicia nas tecnoloxías da comunicación?

Galicia conta cun forte ecosistema do sector TIC que, segundo un informe da AMTEGA, representa preto do 3 % do PIB galego. O ecosistema tecnolóxico galego integra os centros de investigación CiTIUS, CITIC e por suposto nós mesmos, atlanTTic, así como os dous hubs de innovación dixital que suman as capacidades de empresas e diferentes entidades, e representan o 10% do emprego en Galicia.

– Cales son os retos de futuro de atlanTTic?

O centro atlanTTic nace co obxectivo de constituírse como un referente internacional no I+D no eido das tecnoloxías de telecomunicacións e os servizos dixitais. Un dos principais retos para a consecución deste obxectivo é a atracción e retención de talento científico, que asegure o relevo xeracional do persoal investigador e a excelencia na actividade investigadora. Para iso, será necesario avanzar na estabilidade e competitividade das carreiras científicas nun eido de especialización cunha grande demanda de profesionais. Por outra banda, plantéxase o reto de conseguir un marco continuo de financiación estrutural do centro, que garantice o seu funcionamento estábel, permita fortalecer as súas capacidades científicas, potenciar o seu liderado internacional e garantir o seu papel coma axentes tractores no sistema galego de I+D+i.  

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Como rexistrar a túa marca? Este proxecto de atlanTTic axudará a resolver as túas dúbidas

Unha ferramenta baseada na intelixencia artificial filtrará a sección de preguntas frecuentes sobre propiedade intelectual dun organismo da Unión Europea

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña