Esta semana o nanosatélite Serpens, desenvolvido por científicos da Universidade de Vigo, chegou á Estación Espacial Internacional (ISS). En algo máis de dous meses será lanzado en órbita e comezará a recibir os datos enviados por sensores ambientais instalados en diversos puntos da Terra. Isto permitirá monitorizar parámetros climáticos e industriais de calquera zona do mundo.
O cargueiro xaponés Kounotori 5 completou o pasado luns a manobra de acoplamento á Estación Espacial Internacional (ISS). Entre os 16 cubesats que transportaba atopábase o Serpens, un pequeno satélite en cuxo desenvolvemento interveu a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo, xunto coa Axencia Espacial Brasileira.
Trátase do terceiro nanosatélite galego que se pon en órbita, tras Xatcobeo e Humsat, tamén desenvolvidos por Vigo. Serpens está destinado a converterse na segunda nave do proxecto Humsat, dirixido a coñecer se unha constelación de pequenos satélites podería permitir o fomento das capacidades do sector espacial en países emerxentes.
Pero isto será na fase final dun proxecto que, agora mesmo, completou a súa primeira etapa despois de que os astronautas da Estación Espacial incorporasen o cargueiro que o transporta a un brazo robótico da nave. Segundo explica Fernando Aguado, director do proxecto, haberá que esperar mes e medio para o que sexa deixado en órbita autónoma, momento no que dará comezo unha ‘fase de posta en marcha do satélite’, chamada LEOP (polas súas siglas en inglés: Launch&Early Operations Phase), na que se realizan “as probas de comprobación de que a plataforma e a carga útil do satélite están en perfecto funcionamento”.
O Serpens ten dúas partes; Vigo deseñou a de comunicacións coa Terra
Tras esta fase de probas, que durará aproximadamente tres semanas, pasarase xa á de funcionamento ordinario, na que o Serpens comezará a recoller información de sensores de baixo custo instalados en diferentes zonas do planeta, para logo retransmitila tanto a Brasil coma a Vigo. Con estes datos poderanse comprobar as melloras realizadas ao sistema de comunicacións deseñado para o Humsat.
Nese sentido, Aguado explicou que “ao ser unha colaboración con Brasil, a nosa idea é facer probas para poder monitorizar, por exemplo, parámetros da conca hidrográfica do Amazonas“.
Pero ao mesmo tempo, o nanosatélite ofrece tamén a posibilidade de coñecer “parámetros climáticos ou industriais en calquera parte do mundo”, como engadiu o coordinador da agrupación. Con ese obxectivo, o proxecto Serpens considera a instalación de 15 terminais en diferentes puntos do Brasil, aos que sumarán tamén os existentes nas cidades Vigo e Pontevedra.
Esperan mellorar a comunicación cando hai interferencias no hemisferio norte
Para completar esta tarefa, o cubesat Serpens está dividido en dúas zonas: un sector A dirixido a probar en órbita unha plataforma de baixo custo; e un sector B, deseñado polos enxeñeiros vigueses, que inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada do Humsat, que ten por obxectivo recoller os datos dos sensores.
“Incorporamos mecanismos para que, en presenza desas interferencias, as comunicacións entre os sensores e o satélite sigan funcionando”, apunta Aguado. O investigador incide en que a experiencia vivida co Humsat permitiu comprobar que “existían máis dificultades” para esa comunicación en determinadas zonas do hemisferio norte, polo que o Serpens podería contribuír ao desenvolvemento “dun sistema máis fiable en situacións afectadas por altos niveis de interfencias”.