O investimento da Xunta en ciberseguridade acadará os 12 millóns de euros ata 2025

Arredor de 1.400 persoas participaron no Ciber.gal, o primeiro encontro galego para abordar as cuestións sobre ciberseguridade

A loita contra a ciberdelincuencia seguirá sendo unha prioridade para a Administración galega e por iso nos tres próximos anos se van investir un total de 12 millóns de euros nas infraestruturas tecnolóxicas, servizos e modelos de colaboración público privada, segundo anunciou onte na clausura do encontro Ciber.gal a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Tamén lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo galego de Ciberseguridade, Ciber.gal, impulsado dende a Xunta. Na súa constitución en xullo do 2020, participaron o Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Dende entón, ademais, sumáronse ao nodo máis de 40 entidades privadas e as tres universidades galegas.

Publicidade

Construción dun centro de ciberseguridade

Ademais, estase a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade,  tanto para sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos, grazas a un acordo marco aprobado no Consello da Xunta.

Nesta liña, ademais está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que aglutinará a prestación destes servizos especializados así como reforzará a actividade do Centro de Resposta a Incidentes, que funciona dende 2018 e centraliza a mitigación do impacto dos incidentes de seguridade no ámbito da Administración autonómica. As tecnoloxías e servizos vinculados á ciberseguridade xunto coa intelixencia artificial e as posibilidades sobre as tecnoloxías 5 G, constitúen un dos tres alicerces da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Publicidade

1.400 inscritos no Ciber.gal

Preto de 1.400 persoas inscritas tomaron parte no primeiro encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal que reuniu a cidadáns, profesionais de distintos ámbitos empresariais e do sector público. No transcurso das duas xornadas do encontro celebráronse paneis, conferencias e outras actividades sobre os retos da seguridade na contorna dixital. O encontro celebrouse no novo Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia.

O evento estivo estruturado en tres bloques. O primeiro deles englobou actividades destinadas ao tecido empresarial con paneis e charlas sobre axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, os riscos aos que se enfrontan as empresas e as obrigas legais en materia de ciberseguridade.

Máis actividades

Para o colectivo da cidadanía, que se desenvolveu na tarde do 10 de novembro, celebrouse a final do concurso Ciberseguridade no cole!, destinado aos menores e organizado por Telefónica; e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Ademais, interveu Gianluca D’Antonio, presidente de ISMS Forum.

A segunda xornada do encontro estivo destinada á administración pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun debate que agrupa os máximos responsables de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat de Valencia e a Amtega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O centro galego Gradiant desenvolve unha neurona fotónica capaz de operar sen enerxía externa

A aposta está en proceso de patente e abre novas posibilidades para deseñar sistemas máis sostibles e autónomos, sobre todo en contornas remotas

A Xunta lanza unha iniciativa para modernizar a Administración con tecnoloxías disruptivas

A iniciativa solucionará as necesidades do sector público con IA, datos e 5G para mellorar os servizos e a relación coa cidadanía

Da saúde á loita contra os incendios: estas son as máis de 20 iniciativas con uso de IA da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anuncia dez proxectos en fase de produción, e o resto en desenvolvemento, pilotaxe ou proba

A galega Alén Space participa nunha misión europea para reforzar a ciberseguridade dos sistemas espaciais

A posta en órbita do satélite marca o inicio dunha iniciativa pioneira na ESA, para a que a empresa de Nigrán deseñou a plataforma CubeSat 3U