O certame ‘Youtubeiros’ chama á creatividade en galego

A iniciativa chega a súa terceira edición convocada polos servizos de normalización lingüística, a Deputación da Coruña e 13 concellos

O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades, de 13 concellos e a Deputación da Coruña, lanza a súa terceira edición coa meta de consolidar a comunidade de youtubeir@s que naceu, participou e medrou ao abeiro desta iniciativa nos últimos anos.

“Este obxectivo únese así á esencia última do proxecto, que non é outra que promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube”, sinalou a coordinadora do proxecto, Mónica Fernández Valencia, quen presentou na Facultade compostelá de Ciencias da Comunicación o groso de actividades desta edición xunto ao vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijóo; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti San Martín Rei. O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de setembro.

Publicidade

Máis 400 persoas participaron nas edicións pasadas nos Premios Youtubeir@s, unha das liñas de acción deste proxecto que agora incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 aos 6.500 euros así como as categorías, que suman ás de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle a de vídeo-cantarmos.

Esta última é a gran novidade deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en Youtube. A estas catro hai que engadir outras tantas que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. Hai tamén o premio do público –chamado #propostayoutubeira–co que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico (proposta@youtubeiras.gal) un vídeo do que sexan seareiros/as.

Publicidade

Formación
Outro dos piares do Proxecto Youtubeir@s dedícase á formación, que este ano centrará parte dos seus esforzos na comunidade educativa. Aínda que se trata dunha iniciativa interxeracional, son precisamente as xeracións máis novas -as que naceron xa como nativas dixitais- as que converteron Youtube nunha plataforma de encontro na que intercambiar opinións, inquedanzas ou amosar os seus coñecementos, impulsando así o concepto de youtubeir@s como novos axentes de comunicación.

Por ese motivo, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.

Youtubeir@s en conexión
Outra vía de traballo do programa para esta nova edición titúlase Youtubeir@s en conexióne o seu obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate. Con esas metas, desenvolveranse no mes de xuño na Coruña dous grandes eventos. No primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede.

O segundo será a Xornada para Youtubeir@s, na cal se convoca a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis (lingüístico, temático, creación de públicos), de xeito que se propicie un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras.

A estas tres liñas de acción –as actividades, os premios e a formación– cómpre engadirlles outras iniciativas de visibilización, como a acción nas redes sociais, a presenza en festivais e eventos culturais ou programas de accións de difusión da lingua que se darán a coñecer e se desenvolverán ao longo deste novo ano.

Organización
Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sen voz pasiva nin frases longas: as pautas que propón unha tese para redactar textos sinxelos en galego

Cristina López Canabal elabora unha guía para facer máis comprensible a literatura mentres se afasta dos estigmas sociais en torno ás obras adaptadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX