Novo impulso para a lingua: o galego consegue entrar no PERTE e afiánzase na contorna dixital

O Proxecto Nós da USC recibirá apoio no marco do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica da Nova Economía da Lingua

Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial co que se pretende valorizar a lingua galega na contorna dixital e xerar os recursos necesarios para situala na vangarda das tecnoloxías intelixentes, acaba de recibir un novo pulo a través do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Nova Economía da Lingua.

Así, o financiamento aprobado polo Consello de Ministros no marco do PERTE apoia, entre outras tarefas, a recompilación dunha ampla variedade de recursos en galego de alta calidade (texto e voz) que se publicarán en formato dixital –baixo licenzas libres e en aberto– e que serán accesibles de forma gratuíta por empresas e institucións. Esta foi unha das cuestións abordadas polo reitor da USC, Antonio López, e polo delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, na xuntanza que mantiveron este mércores 16.

Publicidade

O obxectivo de Nós é que eses recursos e datos recompilados reforcen e impulsen o galego na contorna dixital, con especial énfase na intelixencia artificial, para dotar as máquinas dun adestramento maior con datos masivos en lingua galega e, por tanto, que se vexa incrementada a súa calidade no ámbito tecnolóxico. En total, o proxecto recibirá unha subvención de dous millóns de euros.

A infraestrutura lingüística apoiada economicamente polo Goberno permitirá dar un salto cualitativo na dixitalización da Administración pública, con servizos máis accesibles para os cidadáns. Tamén facilitará a dixitalización e a internacionalización das empresas, fará máis competitiva á industria do ámbito beneficiándose das oportunidades que ofrece actualmente a Intelixencia Artificial e as Tecnoloxías da Linguaxe e xerará novos postos de traballos cualificados.

Publicidade

O proxecto

Dentro do proxecto Nós vanse compilar recursos e desenvolver ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos. Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O proxecto é froito do traballo conxunto que está a desenvolver o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e que tamén conta con financiamento da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG