A Cátedra de privacidad y Transformación Digital Microsoft, da Universitat de Valéncia e a Universidade de Santiago de Compostela organizan este xoves 27 e venres 28 en Santiago a terceira edición das xornadas “Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano“. Nesta cita, expertos de 20 institucións académicas españolas abordarán os retos que ofrece esta nova realidade no eido universitario. A actividade conta tamén coa colaboración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Inteligentes da USC (CiTIUS) e a Red Empresa y Administración (REA).
Tal e como expoñen desde a organización das xornadas, a intelixencia artificial ofrece xa importantes desafíos para a universidade española. Para abordalos de forma conxunta, esta iniciativa naceu a partir da experiencia de máis de 200 expertos de distintas áreas da investigación e a docencia universitaria que levan tempo debatendo sobre como deberían afrontar as políticas públicas nesta materia.
O sentir xeral dos expertos é que a intelixencia artificial xa é esencial para o futuro dos profesionais universitarios, tanto en termos de oportunidades e nichos de emprego como en termos de exclusión. Neste sentido, a universidade española enfróntase ao reto de ser un dos motores no liderado a investigación e a educación en IA. Iso esixe, segundo estes expertos, abordar un deseño educativo orientado ás competencias dixitais.
Neste senso, os expertos estableceron un conxunto de valores esenciais arredor do desenvolvemento da intelixencia artificial:
– Situar a dignidade do ser humano e a garantía dos dereitos fundamentais como límite infranqueable para o desenvolvemento da tecnoloxía.
– Asegurar a responsabilidade das persoas e entidades que desenvolvan algoritmos de intelixencia artificial.
– Garantir modelos de desenvolvemento baseados en datos lexitimamente obtidos, con procesos orientados a verificar a súa calidade, e con claros deberes de verificar as consecuencias do uso da IA en condicións de ensaio previo.
– Asegurar o principio de transparencia dos algoritmos que deben ser auditables.
– Obrigar á trazabilidade dos sistemas cando se poñan en xogo valores fundamentais como a saúde das persoas, a discriminación ou a vixilancia policial.
– Ordenar a nulidade de calquera decisión con consecuencias xurídicas e materiais, e particularmente das probas incriminatorias, cando vulneren estes principios básicos.
– Situar a garantía da autodeterminación individual, da liberdade das persoas e dos colectivos nos que se integran como un límite absolutamente intanxible.
Na xornada, que comezará o xoves pola tarde cun coloquio no Hotel Palacio del Carmen e continuará durante o venres no salón de graos da Facultade de Dereito de Santiago, os expertos abordarán as necesidades de transformación en tres áreas: a formación en IA de profesionais STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e do profesorado, no ámbito do dereito e da economía e a empresa.
O programa completo pode consultarse nesta ligazón.














