Grupo GTM de atlanTTic: tecnoloxía de vangarda para axudar aos que máis o necesitan

As persoas xordas e as que sofren deterioración cognitiva leve están no centro das súas investigacións

O grupo GTM da Uvigo aposta por desenvolver investigacións para resolver as dificultades de persoas con problemas. Foto: Grupo GTM

O Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM), integrado no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic da Universidade de Vigo, centra as súas investigacións dende os anos 90 no sinal de voz, acústica, imaxe e vídeo. Nos últimos anos traballa especialmente en liñas que apostan por mellorar a vida de colectivos como as persoas xordas e por avanzar na detección temperá da deterioración cognitiva. Sen dúbida que este grupo demostra cos seus proxectos como a investigación pode axudar á xente que máis necesita innovacións tecnolóxicas para mellorar a súa calidade de vida.

Un dos coordinadores do GTM, José Luis Alba, explica que entre as principais liñas de traballo do grupo se atopan as investigacións sobre recoñecemento biométrico a través de voz, a detección precoz do deterioro cognitivo pola voz do paciente, os efectos do ruído submarino sobre a vida nos océanos ou o control de calidade na industria mediante o uso de cámaras de vídeo.

Alba sinala que o principal proxecto no que están a traballar na actualidade chámase Speech&Signs e céntrase no recoñecemento da lingua de signos que empregan as persoas xordas. “Utilizamos técnicas de procesado de imaxe e vídeo para poder traducir a lingua de signos a textos. Estamos a facer un dicionario temático con termos médicos en lingua de signos e nun ano agardamos poder desenvolver unha aplicación. Agora temos cen palabras e iremos engadindo máis”.

Un proxecto único

O proxecto comezou a desenvolverse no ano 2019 e conclúe este mesmo ano, pero Alba apunta que van a solicitar máis financiamento para seguir traballando nesta liña xa que a súa aplicación espertou moito interese nas asociacións de persoas xordas de Galicia. “Agora mesmo non hai noutro lugar do mundo un proxecto no que se este a traballar nunha solución global como estamos a facer nós”, indica Alba. A investigación financiouse con fondos do Ministerio de Ciencia e na mesma colabora o grupo GRADES (Gramática, Discurso e Sociedade) da UVigo. Neste vídeo pode verse unha presentación sobre o proxecto Speech&Signs.

Outra das liñas de investigación na que o grupo ven traballando nos últimos tempos e na que tamén vai afondar é a creación dun modelo para a detección do Deterioración Cognitiva Leve (DCL) e a demencia a través da fala dos pacientes. Este proxecto, que se desenvolve en colaboración con outros investigadores de distintos puntos de Europa, aposta pola detección temperá da DCL e a demencia, unhas doenzas que afectan a máis de 50 millóns de persoas en Europa.

Nos vindeiros anos GTM seguirá a traballar en liñas de investigación para mellorar a vida da xente con problemas como a xordeira e o deterioro cognitivo

No grupo GTM traballan oito docentes da UVigo e contan ademais con entre oito e doce persoas máis para investigar nos distintos proxectos. Entre os froitos que deron as investigacións do grupo nestes anos destaca a creación de spin-offs como SON e RelEYEble, está última orientada cara a biometría facial. A empresa desenvolveu un software que permite ás empresas identificar cales son os puntos que máis lles interesan aos consumidores cando ven un anuncio do seu produto.

Cara aos vindeiros anos, Alba sinala que se vai a seguir afondando nestas liñas de investigación, moitas delas cunha orientación moi clara cara a mellorar a vida da xente con problemas como a xordeira ou o deterioro cognitivo. As investigacións de GTM demostran que é posible aplicar o coñecemento científico para desenvolver tecnoloxías e ferramentas que axuden a persoas con problemas que semellaban de moi difícil solución. Sen dúbida que ese é un dos obxectivos que debe de marcar a investigación científica en calquera terreo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.