Galicia, á cola de España no uso de Internet

Xa era coñecido que Galicia tiña a peor velocidade de Internet en España, segundo o informe publicado en maio polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Un de cada tres galegos non pode dispoñer dunha velocidade maior aos 10 Mbps. Agora, os datos do INE sobre a Enquisa de Equipamento e Uso de Tecnoloxías de Información e Comunicación nos Fogares, publicados esta semana, evidencian unha situación canto menos mellorable no noso país.

Galicia está no vagón de cola en varios indicadores da enquisa. Un 79,4% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses, fronte ao 84,6% do total estatal. Só queda por debaixo Castilla-La Mancha, cun 78,3%. En canto aos usuarios frecuentes, que acceden á Rede unha vez á semana, a cifra galega é a máis baixa, cun 72,1% fronte ao 80% do total de España. Amais, só un 32,1% dos galegos comprou por Internet nos últimos tres meses – a terceira porcentaxe máis baixa despois de Canarias e Ceuta – fronte a un 40% do total estatal.

Publicidade

Preto de 16.000 vivendas galegas non teñen acceso á banda ancha

A situación é algo mellor na presenza de computadoras nas vivendas, pero aínda así está por debaixo do conxunto do Estado. O 74,6% dos fogares galegos conta cun ordenador, fronte ao 78,4% da media estatal.  Fican por debaixo Andalucía, Canarias, Castilla-La Mancha, Estremadura e La Rioja.

Sobre o acceso a Internet en Galicia, evidénciase o problema de acceso a conexións de calidade noutra das respostas da enquisa. Así, das preto de 200.000 vivendas galegas que non dispoñen de acceso a Internet, un 8,7%, algo menos de 16.000 vivendas, sitúanse en zonas nas que a banda ancha aínda non está dispoñible.

Publicidade

Os nenos galegos, a excepción

Os nenos galegos, con todo, non notan tanto a fenda. Así, as porcentaxes de utilización e acceso na franxa de 10 a 15 anos están por riba da media española. Cabe subliñar o espectacular aumento nos últimos 10 anos.

Así, un 94% dos nenos e nenas galegas desta idade utilizou un ordenador nos últimos tres meses, fronte ao 92,4% de España. En canto aos usuarios de Internet, un 96,1% dos galegos de 10 a 15 anos accedeu á rede, fronte ao 95,1% do Estado. En 2007, só eran un 74,3%. A menos subida produciuse no caso da porcentaxe de nenos con teléfono móbil. En Galicia era dun 64,1% en 2007 e de 69,7 en 2017.

Podes consultar a enquisa ao completo na web do INE.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga