Venres 29 Marzo 2024

Estudantes da UVigo lanzarán un satélite co apoio de Zona Franca

O proxecto BIXO do UVigo SpaceLab prentende enviar ao espazo un cubesat para estudar os efectos de expor microorganismos ao medio espacial

A falta de concretar a fórmula a través da que se materializará, Zona Franca dará o seu apoio ao alumnado das escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo que conforman UVigo SpaceLab, que desde hai meses traballa no proxecto BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment), unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial. O delegado do Estado, David Regades, comprometeu, nunha reunión mantida co docente e investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Fernando Aguado e cos estudantes Manuel Diz e Alejandro Camanzo, o apoio do consorcio á asociación para que se poida lanzar o nanosatélite que analizará o comportamento de microorganismos no espazo.

Regades amosou o seu apoio a un proxecto innovador “cuns promotores tan dinámicos que permite colocar a Vigo á vangarda dos nanosatélites, ademais de permitir que o talento que se forma nas enxeñarías da Universidade de Vigo quede na casa”.

Publicidade

BIXO ten un horizonte temporal de tres anos e pretende entender como afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial, tanto nos humanos como nos organismos que viaxan con eles. Para cumprir este obxectivo, enviaranse cultivos bacterianos ao espazo a través de tarxetas de milifluídica nun CubeSat, un satélite de pequenas dimensións. A análise dos datos das mostras comezará cando este nanosatélite estea en órbita e, grazas aos seus sensores, terá en consideración distintos parámetros do comportamento dos microorganismos, como o seu crecemento ou a posible comunicación intercelular bacteriana.

Un proceso que se prolongará ata 2023

O calendario de traballo do proxecto BIXO conta con varias etapas, fixadas en base aos estándares ECSS, European Cooperation for Space Standardization, da Axencia Espacial Europea. Despois de acadar o primeiro punto do seu programa, o plan para este 2021 é completar as fases A e B, que supoñen o deseño preliminar e o prototipo da estrutura e os distintos subsistemas. En 2022, a asociación centrarase nos pasos C e D, comezando coa ensamblaxe e verificación da misión. Paralelamente, UVigo SpaceLab executará probas preliminares cos organismos que serán enviados no CubeSat, para asegurar que poderán sobrevivir á viaxe.

Na última etapa, non antes de 2023, lanzarase o CubeSat a súa órbita obxectivo. O experimento prolongarase entón nove meses, que é o tempo que duraría unha viaxe entre a Terra e Marte na actualidade, como explican os estudantes. Nese tempo, as investigadoras e investigadores descubrirán as diferenzas entre os procesos ocorridos no espazo e os que suceden no contexto terrestre e poderán demostrar que o envío de microorganismos en viaxes longas é viable para a consecución doutros fines.

Estudantes da UVigo lanzarán un nanosatélite para estudar microorganismos no espazo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila