Xoves 28 Marzo 2024

Unha tese presentada en Lugo detecta en elefantes de Kenia parasitos de interese zoonótico

O científico Edward Muteathia King’ori analizou os parasitos presentes nas carrachas de elefantes nunha tese dirixida pola catedrática Patrocinio Morrondo

A pandemia da Covid-19, producida polo coronavirus SARS-CoV-2, de posible orixe animal, puxo o foco no traballo das ciencias veterinarias como axente de prevención de enfermidades infecciosas que poden acabar transmitíndose de animais a humanos. Son as coñecidas como zoonoses. Neste sentido, facultades como a de Veterinaria, no campus de Lugo da USC, teñen unha longa traxectoria no estudo destas patoloxías. Unha das últimas investigacións aborda as enfermidades de etioloxía parasitaria e infecciosa que están a acentuar o declive das poboacións de elefantes en Kenia, no corazón de África.

Así, a tese presentada polo científico Edward Muteathia King’ori do Servizo de Fauna de Kenia, permitiu detectar en carrachas de elefantes africanos hemoparasitos de interese zoonótico. O estudo realizado en Kenia sobre a relación entre elefante-carracha-patóxeno é pioneiro a nivel mundial e constitúe unha ferramenta que proporciona un punto de referencia para outros países do continente nos que o elefante africano (Loxodonta africana), o mamífero terrestre máis grande do mundo e unha especie emblemática en África, tamén afronta múltiples desafíos para garantir a súa conservación.Tanto as áreas de distribución desta especie como as súas poboacións diminuíron nas últimas décadas debido a diversas causas antropoxénicas. Ademais, o elefante africano figura na lista de especies ameazadas, en parte polos efectos do furtivismo, que diezmou as súas poboacións e reduciu o número de exemplares.

Publicidade

Nas súas pescudas, King’ori analizou analizou mostras fecais, sanguíneas, así como as carrachas e os patóxenos que viven en elefantes procedentes de catro parques nacionais de Kenia (Maasai Mara, Tsavo East, Laikipia-Samburu e Amboseli). Ademais,  tamén tivo en conta a estrutura social dos elefantes, a fin de determinar se estes vivían en grupos familiares (femias coas súas crías) ou machos solitarios.

Unha vez rematado este traballo de campo e logo da análise dos datos recadados, a investigación permitiu determinar patróns de infección por helmintos, a filoxeografía e a estrutura xenética da carracha Amblyomma tholloni. Asemade, tamén se indentificaron a nivel molecular diversas especies de hemoparasitos (Ehrlichia, Anaplasma, Babesia e Theileria) tanto nos elefantes como nas carrachas.

As conclusións da investigación apuntan que a prevalencia de trematodos varía coa zona de procedencia dos elefantes, pero non cos grupos sociais (familias de elefantes ou machos solitarios). Pola contra, a prevalencia dos nematodos é semellante ao considerar a zona e os grupos sociais. Respecto da diversidade xenética de A. tholloni, que é a principal carracha que parasita os elefantes en Kenia.

A tese de doutoramento elaborada por King’ori ao abeiro do programa de doutoramento en Medicina e Sanidade Veterinaria da USC, constata tamén que son os factores agroecolóxicos os que máis inflúen na súa distribución, mentres que o movemento do gando conforma a estrutura xenética desta carracha. King’ori sostén asemade que é probable que o uso extensivo de acaricidas en Kenia estea a impulsar a selección das carrachas.

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, King'ori; Samer, Angelone e Morrondo. Foto: USC.
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, King’ori; Samer, Angelone e Morrondo. Foto: USC.

A investigación de doutoramento desenvolvida por King’ori foi dirixida pola catedrática da área de Sanidade Animal da USC na Facultade de Veterinaria Patrocinio Morrondo; do profesor de Investigación da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC), Ramón Soriguer Escofet, e do investigador da Universidade de Zurich, Samer Angelone. Este traballo é resultado da colaboración que mantén desde hai anos o Grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC, coordinado polo catedrático Pablo Díez Baños, co Servizo de Fauna de Kenia (Kenya Wildlife Service).

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por King’ori estivo presidido polo catedrático da Universidade de Córdoba Ignacio García-Bocanegra. O catedrático de Parasitoloxía da Universidade de Trás-Os Montes e Alto Douro, Luís Cardoso e a profesora da área de Sanidade Animal da USC Rosario Panadero Fontán completaron a composición dun tribunal que acordou por unanimidade cualificar esta tese de doutoramento de sobresaínte cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC vincula os produtos cárnicos con infeccións no tracto urinario

O estudo demostra que os animais destinados á produción de alimentos poden ser unha fonte de cepas bacterianas que causen doenzas extraintestinais

A técnica dun científico lugués axuda á detección precoz do circovirus porcino nas granxas

A tese de Gonzalo López Lorenzo expón que o uso de mostras de aire permite detectar a infección ata dúas semanas antes

Unha cunicultura con máis algas para usar menos antibióticos

Veterinaria da USC implementa técnicas innovadoras para mellorar a saúde dixestiva dos coellos e aumentar a rendibilidade dos cunicultores

A USC colabora nun proxecto europeo de conservación das turbeiras

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural é o único socio internacional do plan liderado polo Goberno de Irlanda cun orzamento de 20,6 millóns