Venres 29 Marzo 2024

Un enxeñeiro galego idea unha ‘app’ con gafas intelixentes para controlar o consumo enerxético

O traballo de Óscar Blanco foi recoñecido como o mellor proxecto de fin de mestrado polo Colexio de Enxeñería Informática de Galicia

A intelixencia artificial chegou para quedar, e cada vez estará máis presente en moitos dos aspectos da vida cotiá. O internet das cousas, vinculado a medios de transporte ou electrodomésticos, avanza xa entre nós, e vai mudar, con toda seguridade, moitas das tarefas que realizamos. Por outra banda, a emerxencia climática obriga a buscar novos camiños para aforrar enerxía e, deste xeito, reducir as emisións de combustibles fósiles. Estas dúas premisas impulsaron o traballo de fin de mestrado do enxeñeiro informático Óscar Blanco (A Coruña, 1992), que acaba de ser recoñecido como Premio Fin de Mestrado que outorga o Colexio Profesional en Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

A idea de Óscar Blanco, presentada como o seu proxecto final de mestrado na Universidade da Coruña, baséase nun sistema domótico de eficiencia enerxética co que se pode medir o consumo de diversos aparellos, así como encendelos e apagalos en base a diferentes parámetros, como o custo enerxético. Do mesmo xeito, Blanco inclúe tamén unha aplicación de realidade aumentada para as gafas Microsoft HoloLens que controlar o sistema e comprobar os datos en tempo real. Do mesmo xeito o proxecto permite a integración con diferentes sistemas de terceiros mediante a utilización de protocolos e APIs estándar.

Publicidade

Segundo informa o CPEIG, Óscar Blanco explica que a motivación principal do proxecto xurdiu debido á necesidade, cada vez máis urxente, de ferramentas de planificación enerxética nas cidades. “Desprazar a carga de consumo dunha parte dos aparatos conectados á rede de forma intelixente permite realizar unha produción da enerxía máis eficiente e aproveitar mellor as renovables. Con este obxectivo, en diferentes países, incluído España, fixáronse tarifas enerxéticas, cun prezo que varía cada hora, co obxecto de incentivar o consumo nas franxas de tempo na que é máis barato. Non obstante, estas tarifas demostraron non ser o suficientemente efectivas debido á incomodidade dos usuarios de consultar constantemente os prezos”, conta o premiado.

Así o propio usuario pode establecer preferencias, como que a lavadora funcione a calquera hora entre as 8 e as 12 e o sistema encárgase de prendela nese período cando se minimiza o custo. Óscar Blanco lembra que este aspecto aínda é máis importante no caso dos coches eléctricos, xa que se a carga se realiza de forma planificada, o usuario aforra diñeiro e realízase un aproveitamento máis sustentable da enerxía, favorecendo a carga cando hai exceso de renovables.

Por outro lado, gracias ás gafas de realidade aumentada, o enxeñeiro destaca que se pode interactuar co sistema dunha maneira totalmente diferente. “Coas gafas de realidade aumentada postas poden verse os historiais de consumo dos aparatos directamente sobre eles e prendelos e apagalos remotamente” –apunta–. Ademais, destaca que este tipo de interfaces, ben executadas, ofrece unha serie de características interesantes que aínda se están explorando, tanto en investigación como na industria, e poden ser máis inclusivas que as tradicionais favorecendo unha interacción máis intuitiva.

O premio do CPEIG

O Premio Proxecto Fin de Carreira/ Mestrado en Enxeñaría Informática, que cumpre este ano a súa décima edición, está dotado con 1.000 euros para o traballo gañador, e quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Mestrado en Enxeñaría Informática.

Ademais, os tres finalistas deste certame –o gañador Óscar Blanco Novoa, o segundo clasificado Marcos Horro Varela e o terceiro clasificado Alejo Pacín Jul– beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta no CPEIG. Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.

Noite da Enxeñaría Informática

Óscar Blanco recibirá o seu recoñecemento no marco dos premios anuais da XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que terá lugar este venres, 28 de xuño, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Alí tamén estará o galardoado este ano como Colexiado de Honra, Carlos Grau Lara, director xeral de Mobile World Capital Barcelona (MWCapital). O CPEIG recoñecerá así o seu labor profesional no ámbito da tecnoloxías da información e as comunicacións, así como no desenvolvemento de negocio dixital.

A enxeñeira ferrolá Mónica Fernández Bugallo, Premio Ada Byron

Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Xunto a Óscar Blanco ou Carlos Grau, estarán presentes tamén as outras persoas e institucións premiadas polo CPEIG, como o colexio Ponte dos Brozos de Arteixo, premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino, o proxecto “Camino de los Satélites”, premio e-Inclusión polo seu labor no uso de tecnoloxías socialmente responsables para facer accesible o Camiño de Santiago, o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA, Carlos Vázquez Mariño, premio Traxectoria Profesional, ou Mónica Fernández Bugallo, premio Ada Byron.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Guía para o Black Friday en Galicia: como evitar que te estafen

As principais ciberaemazas son a chegada de mensaxes de texto ou correos electrónicos con ligazóns a unha páxina falsa

“Chat GPT fascíname como investigadora, como usuaria dáme medo”

A informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo seu estudo dos algoritmos verdes e o fomento das vocacións STEM

Roubo de contrasinais e mensaxes fraudulentas: estas son as estafas máis comúns do Black Friday

O Coñexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia alerta dos enganos máis habituais nestes días de ofertas e compras en liña

Así é The Waylanders, un videoxogo de fantasía na Galicia celta e medieval

O ambicioso proxecto de Gato Salvaje Studio, impulsado por micromecenado, gaña o premio dos enxeñeiros informáricos galegos