“En Silicon Valley encantoulles o noso proxecto e déronnos ideas para melloralo”

As tres mozas do colexio Peleteiro de Santiago que gañaron hai uns meses o concurso nacional Audi Creative Challenge (para estudantes emprendedores)  volveron hai unhas semanas da súa estadía en Silicon Valley, onde tiveron a oportunidade de presentar o seu proxecto de e-book educativo para o terceiro mundo, Globed, a representantes das empresas tecnolóxicas máis importantes do mundo como Google, Twitter ou Netflix, entre outras. Agora o desafío é o de incorporar as melloras que lles suxeriron nestas grandes compañías e poder obter os recursos suficientes para facer realidade o proxecto.

As mozas na sede de Netflix
As mozas na sede de Netflix

Clara Pantín, Paula Lamas e Nalú Rodríguez móstranse abraiadas pola acollida que tiveron en Silicon Valley e polo interese que espertou o seu proxecto entre algunhas das empresas máis coñecidas do mundo e que destacan, precisamente, pola súa creatividade. “O que nos impresionou e que á xente de alí encantáballes o noso proxecto e consideraban que podía ser moi útil. Ademais, mostraron a súa xenerosidade para aportarnos ideas que poden mellorar o dispositivo e que estamos a incorporar agora”, indica Paula Lamas.

Publicidade

O dispositivo ideado polas tres mozas de Santiago consiste nun pico-proxector (con sistema operativo Android), unha webcam, micrófono, altavoces e placas solares que permiten difundir contido educativo cun baixo custe. Está deseñado para permitir o acceso barato á educación a países do terceiro mundo e mesmo podería utilizarse tamén nos campos de refuxiados. Xa entraron en contacto cunha ONG presente nun campo en Grecia.

As mozas aínda non acaban de crer a oportunidade que tiveron para dar a coñecer a súa idea en Silicon Valley, pero xa están a traballar na procura de financiamento para facer realidade o seu proxecto, ao mesmo tempo que incorporan diversas melloras ao dispositivo, entre elas estudan a posibilidade de incluír contidos de ocio, unha idea que xurdiu despois da visita ás oficinas de Netflix.

Publicidade

As mozas están a traballar na procura de financiamento para facer realidade o proxecto

“Estamos pensando na posibilidade de crear unha fundación porque sería a mellor opción para que tanto empresas como particulares podan achegar fondos para facer realidade o proxecto”, sinala Paula Lamas. O propio colexio Peleteiro e a empresa Imagine (que organizou a viaxe a California) están axudándoas nesta tarefa. En outubro terán que viaxar a Barcelona para facer unha presentación final do proxecto e, ademais, en poucos días comezan de novo as clases polo que lles agardan unhas semanas con moito traballo.

A ilusión que mostran por sacar adiante a súa idea é a mellor garantía do seu éxito. Agardan que en novembro algúns prototipos do dispositivo podan viaxar a África para comprobar sobre o terreo o seu funcionamento. Outro dos retos pendentes e ir rebaixando o custe que terá o dispositivo. “En Silicon Valley dixérennos que aínda que o custe actual do prototipo supera os cen euros podería rebaixarse a unha cantidade entre os 40 e os 70 euros”, apunta Paula Lamas. Os que queiran ampliar información sobre o dispositivo poden consultar a páxina web do mesmo www.globed.school.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A IA de Google aprende galego: “É vital falalo para que a tecnoloxía non sexa unha barreira”

Gemini 3 integra o idioma por primeira vez, nunha actualización que reforza a comprensión multimodal á altura de competidores como ChatGPT e Copilot

Google ou ChatGPT: cal diagnostica mellor os teus síntomas? Un estudo galego ten a resposta

Unha investigación do CiTIUS determina que os modelos de IA teñen unha taxa de acerto de ata o 90% pero a súa fiabilidade dependerá do contexto

O estado do galego e Internet

A presenza do idioma é residual na web e atopa moitas barreiras, dende o seu emprego na publicidade ata nos motores de busca

Este era o rostro dunha muller neandertal que viviu hai 75.000 anos

O seu nome é Shanidar Z, ten unha expresión tranquila e considerada que se afasta do estereotipos