O 47% dos internautas galegos sufriu problemas de ciberseguridade no último ano

Os problemas da seguridade na conexión á Internet son un asunto de preocupación crecente na cidadanía, ante o aumento da nosa dependencia á rede na vida cotiá. E parece ser un asunto que preocupa aos internautas galegos. A Xunta de Galicia, a través do Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acaba de presentar as conclusións do estudo “Ciberseguridade e confianza dixital nos fogares galegos”.

É o primeiro informe deste tipo que realiza a Xunta, e ten por obxectivo analizar o coñecemento en materia de ciberseguridade na sociedade galega. E o estudo achegou datos ben interesantes:

Publicidade

Os internautas galegos, os máis desconfiados

O 38,2% dos internautas galegos confían pouco ou nada en Internet. O grao de confianza dos galegos que navegan a través da Rede é a menor dos rexistradas en España, situándose 5,5 puntos porcentuais por baixo da media española.

Ademais un 28,9% dos internautas está moi preocupado pola privacidade en Internet e amósase preocupado ante a posibilidade de que as súas actividades en Internet poidan ser gravadas por outras persoas ou empresas.

Publicidade

O 47,4% sufriu problemas de seguridade

O 47,4% dos usuarios galegos declararon ter sufrido algún incidente coa seguridade en Internet no último ano. Os virus son os incidentes máis habituais (36,9%,) seguidos pola perda involuntaria de información (12%).

Un dos riscos asociados aos incidentes de ciberseguridade é facilitar información de carácter persoal a través de Internet. Neste senso, cabe salientar que un 67,2% dos internautas galegos facilitaron voluntariamente información de contacto (dirección, número de teléfono ou e-mail) e un 60,7% proporcionaron datos persoais (número do documento de identidade, data de nacemento,…). Ademais, catro de cada dez internautas (43,9%) facilitaron detalles de pago (por exemplo, número de tarxetas de crédito ou de contas bancarias).

A protección

O 69,1% dos internautas galegos empregaron algún tipo de software ou ferramenta de seguridade. A diferenza coa media española (71,8%) é de tan só 2,7 puntos porcentuais, aínda que en termos globais, sitúa aos internautas galegos nos últimos postos en canto ao uso de medidas de ciberseguridade.

Entre as medidas de seguridade e privacidade adoptadas polos internautas galegos, cabe salientar a denegación de permiso de información persoal para fins publicitarios (78,9%) e a limitación do perfil ou contidos das redes sociais (77,2%). Ademais, máis da metade dos internautas galegos (51,1%) realizan regularmente copias de seguridade da súa información persoal.

No caso concreto das medidas de seguridade aplicadas nos teléfonos móbiles ou tablets, o recurso de protección máis empregado polos internautas galegos é o uso do PIN de desbloqueo (81,6%), seguido a moita distancia polo uso da pegada dixital ou datos biométricos (23%).

Wifi pública

A desconfianza ante os posibles perigos da navegación ou uso de Internet, tamén incide nas redes sen fíos ás que se conectan. Así, un 40,2% dos internautas galegos verifica que as redes wifi distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes wifi con seguridade.

En relación ás cookies, as aplicacións que se instalan nos equipos dos usuarios e recaban información deles, un 64,1% dos internautas galegos manifesta que coñece as cookies, dos cales, máis da metade indicou que directamente deixou de navegar polos sitios web que empregan cookies.

Podes descargar o estudo completo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A revolución intelixente da Xustiza galega: o Plan Senda 2028 propón un sistema máis inclusivo

O Goberno galego aproba unha estratexia que introduce a intelixencia artificial no sistema xudicial, ten unha xestión bilingüe co programa Atenea e dota de ferramentas tecnolóxicas ás 268 oficinas municipais

A Amtega ofrece un catálogo de servizos para unha dixitalización inclusiva nos concellos

A axencia da Xunta ofrece máis de 40 solucións que engloban ámbitos como a administración dixital, a xestión do territorio, a ciberseguridade e a capacitación da cidadanía para a Internet

Madrid adopta tecnoloxía galega para xestionar as súas explotacións gandeiras

Amtega mantense como referente da xestión de recursos agrogandeiros coa sinatura dun novo convenio para ceder o uso de sistemas da oficina virtual de gandería