Martes 23 Abril 2024

Drons con garras bioinspirados en paxaros: “Serán máis seguros e eficentes”

Aníbal Ollero, eminencia mundial dos vehículos aéreos non tripulados e novo membro da Real Academia Galega de Ciencias, vislumbra as posibilidades do sector

No mes de febreiro incorporábase á Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) Aníbal Ollero, director do Laboratorio de Robótica GRVC da Universidade de Sevilla e asesor científico do Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais. Toda unha eminencia dos vehículos aéreos non tripulados e robótica aérea, como así o demostran as súas máis de 800 publicacións neste campo e os seus máis de 25 anos de experiencia no sector.

Foi catedrático en las ETSII de Vigo e Málaga, investigador no Robotics Institute de la Universidad Carnegie Mellon (Pittsburgh, USA) e en LAAS-CNRS (Toulouse, Francia). Na actualidade é o investigador con máis publicacións relacionadas con vehículos aéreos non tripulados e con robótica aérea en todo o mundo, pero non por elo se sinte menos orgulloso de formar parte da Academia. “É unha honra  para min”, confesa.

Publicidade

Cando Ollero comezou a traballar no desenvolvemento de drons, as expectativas eran moi inferiores ao que despois depararía a evolución da tecnoloxía. Nas súas propias palabras: “Eu sabía que dalgunha forma había que desenvolver novos sistemas neste eido, pero non me imaxinaba que poderían chegar a ter tantas aplicacións como na actualidade”.

Panorámica galega

Hai unha iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para atraer inversións no sector aeroespacial e desenvolver solucións innovadoras no ámbito da industria de sistemas e vehículos non tripulados, denominada Civil UAVs Initiative. No marco desta acción participan máis de 50 axentes —universidades, centros de coñecemento, empresas tractoras e pymes— e estanse a desenvolver máis de 35 proxectos de I+D+i, cunha inversión público-privada de 164 millóns de euros.

Segundo Ollero, a iniciativa da Xunta é “unha forma de mobilizar o sector e conseguir máis influencia no desenvolvemento desta industria dentro da comunidade galega”. Aínda que Galicia empezou hai relativamente pouco neste campo, o novo membro da RAGC cre que “pode consolidar a súa posición nos próximos anos, xa que a tendencia é boa”.

Amplo abano de aplicacións

A industria de sistemas e vehículos non tripulados ofrece numerosas aplicacións. Durante os primeiros anos, destacaron os usos no marco de defensa e as actividades de filmación —tanto en reportaxes como en cine—, pero a súa utilidade vai xa moito máis alá na actualidade. Aínda que podería falar de moitas delas, Ollero sinala tres. A primeira, a loxística. A posibilidade de transportar de forma segura paquetes, e co tempo, ata persoas. A segunda é a protección do medio ambiente. Isto é posible porque cos drons poden tomarse medidas do entorno, tanto da flora como da fauna, para comprobar se se produciron alteracións e levar a cabo un control máis exhaustivo. E a terceira, a inspección e mantemento de infraestruturas, tanto civís como industriais. Neste sentido, ata o momento, para poder controlar instalacións como tuberías elevadas e tomar as medidas pertinentes é necesario que o persoal faga traballos de altura, cos perigos que iso supón.

“O futuro dos drons pasa pola gravación de imaxes, a protección do medio ambiente e o mantemento de infraestruturas”

Os traballos en altura son das principais causas de morte por accidentes laborais en moitos países, polo que desenvolver sistemas que permitan a inspección das infraestruturas sen expoñer ás persoas a riscos suporía unha enorme vantaxe. O proxecto AERIAL-CORE, do que Ollero é coordinador, emprega a robótica aérea con intelixencia artificial para a inspección de instalacións. Unha das aplicacións que están a desenvolver é o control de liñas eléctricas fóra do campo de visión e de forma automática, é dicir, sen necesidade de piloto. “É un proxeto importante no que participan 15 socios de 9 países europeos diferentes, e no que agora mesmo se está a traballar en que o vehículo se pose na propia liña para realizar tarefas de mantemento”, sinada Ollero.

Drons bioinspirados que voan como paxaros

Ollero tamén participa no Proxecto Griffin, subvencionado pola ERC Advanced Grants, e que ten por obxectivo crear unha nova xeración de vehículos aéreos non tripulados bioinspirados en paxaros. Isto débese a dúas razóns. “A primeira é a seguridade: que non teñan hélices permitirá que poidan voar cerca das persoas sen causar danos”, indica Ollero. A segunda, é que melloraría a eficiencia enerxética dos vehículos, xa que como os paxaros, poderían empregar as correntes de aire para planear e así aforrar enerxía.

Un dos vehículos non tripulados bioinspirados do Proxecto Griffin.

Outro dos elementos nos que están traballando é na creación dunhas garras que permitan posarse, incluso no brazo das persoas. Ollero comenta: “Xa hai prototipos voando de forma experimental, levamos máis de tres anos con este proxecto e aínda nos quedan case dous para seguir avanzando”. O feito de que estes drons bioinspirados pesen pouco é un aliciente para que se lles permita voar cerca da poboación, xa que aínda que poidan levar pouca carga, teñen menos probabilidades a facer dano.

Seguridade

Non a todas as persoas lles inspira confianza o feito de ver voar pola súa cidade vehículos áreos non tripulados. E ante a idea de que este sexa o futuro próximo, hai quen se estremece. Ollero, gañador o ano pasado do Premio Nacional Leonardo Torres Quevedo —premio de Enxeñería convocado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España— intenta mandar unha mensaxe tranquilizadora recordando que “a aeronáutica sempre se basou na seguridade”.

O experto asegura que a nova normativa da Comisión Europea pretende estudar de forma detallada o risco que poida xerarse coa circulación destes vehículos. Así, só se conceden permisos cando se garantiza que non hai perigo ou é mínimo. No caso dos drons que vaian a transportar máis peso, serán necesarias análises e probas máis exhaustivas, incluso certificacións especializadas.

Perfís especializados

Segundo Ollero, xa no presente se requiren miles de postos de traballos neste campo da aeronáutica. “Con total seguridade este é un dos sectores que máis está a crecer, polo que se van necesitar moitos especialistas; só Europa xa se requiren máis de 100.000 postos de traballo nesta industria”, sinala.

Os perfís principais que traballan con vehículos aéreos non tripulados e robótica aérea son aqueles titulados en enxeñería aeronáutica e en robótica. Para dar resposta a unha especialización máis concreta que formará ao estudantado nesta tecnoloxía, en Galicia existe dende o curso 2018-2019 o Mestrado en Operacións e Enxeñería de Sistemas Aéreos non Tripulados, na que participan a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios

As pemes e grandes empresas galegas superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

Un 14,8% das compañías dese segmento emprega algún tipo de solución baseada nas tecnoloxías intelixentes
00:05:05

Un voo de alto nivel para a loita contra os incendios

Investigadores da UVigo someten a unha proba final o dron intelixente que deseñaron para reforzar os sistemas de extinción e protexer os bombeiros

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia