Venres 26 Abril 2024

ViaExterior leva a 20 pemes galegas a mercados internacionais

A segunda edición da aceleradora da Zona Franca de Vigo contribuíu á expansión a través dun programa de formación de máis de sete meses

Durante o peche da segunda edición da aceleradora ViaExterior para a internacionalización, cuxo obxectivo é apoiar ás pemes galegas na súa saída a mercados exteriores, así como facilitar o seu acceso a financiamento, realizado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Delegado do Estado, David Regades, destacou que “o obxectivo desta aceleradora é que as empresas adquiran unha visión global, capacidade analítica e que dispoñan de ferramentas prácticas para entrar en novos mercados. En definitiva -dixo-pretendemos que sexan capaces de saír a novos países con menos esforzo, menos tempo e máis éxito”. David Regades subliñou o traballo realizado polas diferentes empresas participantes: “Todas traballaron intensamente e mostraron unha importante disposición á colaboración”.

Por outra banda, a directora do Departamento de Internacionalización, Débora Ramonde, engadiu que “desde as nosas orixes apoiamos a internacionalización, por ese motivo, realizamos numerosos programas para que especialmente as pemes sexan capaces de chegar a novos mercados”.

Publicidade

Os responsables de Zona Franca anunciaron tamén a súa vontade de dinamizar unha comunidade de empresas que pasasen polas diferentes edicións de ViaExterior, para seguir fomentando os vínculos comúns e continuar aumentando os seus contactos no exterior.

Ao acto de peche acudiron as entidades bancarias Sabadell, Abanca e Santander e as entidades públicas ICEX, IGAPE e Vigo Activo, así como investidores privados.
Moitos dos proxectos de internacionalización presentados polas empresas participantes nesta segunda edición de ViaExterior xeraron interese entre estas entidades, que mostraron a súa disposición para brindar o seu apoio ás empresas así como a estudar posibles acordos de colaboración.

Os resultados da segunda edición de ViaExterior

Empresas pertencentes aos sectores de turismo, TIC, a saúde e o benestar, así como a alimentación, constitúen o núcleo fundamental das empresas que conformaron a segunda edición de ViaExterior.

Un titor especialista por cada empresa e un equipo de mentores con ampla experiencia internacional, coaches e formadores apoiaron a estas empresas na mellora competencial e na definición dun plan de internacionalización durante os últimos 7 meses.

Tras o seu paso pola aceleradora, as empresas conseguiron consolidarse en novos países de Europa e de Latinoamérica fundamentalmente. Por outra banda, abríronse portas en Asia e mesmo en África, un continente no que, ata o momento, as empresas galegas carecen dunha presenza destacada pero que a xuízo das entidades participantes no foro presenta importantísimas oportunidades para as empresas galegas. Un dos exemplos é Used World Parts, que tras o seu paso por ViaExterior chegou a 7 novos países, contemplando o continente africano como unha área xeográfica cun potencial de crecemento moi relevante.

Por outra banda, ViaExterior facilitou ás empresas establecer un marco de colaboración para poñer en marcha novos proxectos colaborativos. A modo ilustrativo as empresas Mar Ceibe e Adegas Celeirós, conxuntamente lanzaron unha oferta de ostras e caviar de albariño, coa que entrarán nos mercados de Xapón e China.

Formantia e TokApp son outro claro exemplo colaborativo grazas a ViaExterior II. Neste caso, ambas están a abordar un acordo de colaboración en materia de desenvolvementos tecnolóxicos para para acceder a mercados de maior dimensión.

Do mesmo xeito, seis empresas participantes da segunda edición de ViaExterior xa presentaron unha candidatura conxunta ante a Xunta de Galicia para a realización de actividades de promoción gastronómica e marítima vinculadas ao Camiño de Santiago. Concretamente, son Dieta Coherente, TokApp, Bonos Benestar, Veu Celeirós, Bran Serigrafic e Galiwonders.

Os logros empresariais da segunda edición de ViaExterior van alén. A aceleradora facilitou que os seus participantes lancen novos produtos adaptados aos mercados interncionales. Colibri chegou a Suíza e Austria grazas ao deseño de novos produtos da súa liña de scooters. Pola súa banda, Beta Implants, premiada recentemente polo programa Via Galicia polos seus innovadores implantes para animais, continuou durante o programa ViaExterior reforzando a súa liña de actividade para abordar novos mercados.

Hai que destacar que durante a duración de Via Exterior II as empresas lograron abrir novas sedes: Dieta Coherente en Braga; Imatia no mercado de centro Europa; Mar Ceibe está a constituír unha sede en Hong Kong para abordar os mercados de Asia e Photon ten xa un acordo con Costa Rica.

A aceleradora tamén permitiu reforzar a presenza noutros países. Empresas como Inertial Performace ou Blimey Manufacturing conseguiron consolidarse nun mercado tan competitivo como o do Reino Unido. Outros proxectos, como Beimar Suppliers consolidouse nos mercados do Norte de Europa, onde o seu produto está a rexistrar taxas moi importantes de crecemento.

Destacar como outro caso de éxito o feito de que a empresa Barrakuda formalizou un proxecto internacional nun porto deportivo de Porto Rico, ademais de estar presente con distribuidores en México ou Chile.

As empresas da primeira edición

A maioría das empresas da primeira edición de ViaExterior lograron estar presentes en, polo menos, un novo mercado a través de exportación directa, de creación de filiais ou con novos distribuidores. Ademais, nalgún caso, a facturación online aumentou ata un 60% o último ano.

Sinalar igualmente que como aspecto destacado a maior parte das empresas ampliaron o seu equipo humano na área de internacionalización ben a través da contratación de novos profesionais ou ben ampliando a súa rede de distribuidores e axentes no exterior.

ViaExterior III

Durante o evento, o Delegado do Estado anunciou a próxima apertura dunha nova edición da aceleradora ViaExterior, que se consolidará na que vai ser a súa terceira edición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:16

ViaGalicia, dez anos impulsando ás empresas do futuro

O programa de aceleración da Zona Franca recibiu máis de mil propostas nunha década de existencia, coa innovación como denominador común das ideas seleccionadas

Beta Implants recibe o premio ViaGalicia 2019

A empresa nacida ao abeiro da aceleradora da Zona Franca e a Axencia Galega de Innovación deseña e elabora implantes para animais

Run4Life: como converter as augas domésticas en fertilizantes

O Consorcio Zona Franca de Vigo e a USC colaboran nun proxecto que avoga pola recuperación destas augas para contribuír á economía circular

Chega a 6ª edición de ViaGalicia, a xanela empresarial para o I+D

A aceleradora, que impulsou 68 empresas e 340 novos empregos. abre ata o vindeiro 1 de abril o prazo de presentación de proxectos