Martes 30 Abril 2024

“Os niveis reais de investimento en ciencia son os de hai 15 anos”

O científico Xosé Bustelo, presidente da Asociación Española de Investigación sobre Cancro, denuncia a situación límite de miles de equipos

A chamada de auxilio realizada a pasada semana por decenas de investigadores de referencia en España ante os retrasos no financiamento e a incerteza nas convocatorias das que dependen numerosos proxectos de investigación puxo no debate público a eiva crónica do apoio ao I+D+i por parte do Estado español. Un dos asinantes principais deste manifesto , que xa recibiu máis de 130.000 apoios, é o científico galego Xosé Bustelo (Padrón, 1962), presidente da Asociación Española de Investigación sobre Cancro (Aseica), e investigador do CSIC no Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca (CIC), onde actualmente exerce tamén como vicedirector.

Bustelo denuncia que respecto ao investimento en ciencia “hai unha política de ‘fake news’ onde se asignan partidas nos presupostos para fondos que non se poden usar realmente por parte dos grupos de investigación e onde, por riba, fican sen usar un 70% dos mesmos”.

Publicidade

– Falan de situación catastrófica. Tan cerca está o colapso?

– Nós cremos que si, e de aí a campaña que iniciamos a semana pasada. Como xa dixen eu algunha vez, coido que se creou a tormenta perfecta sobre o sistema de I+D+i do país nestes últimos anos ao confluíren varios factores ao mesmo tempo; por unha banda, un recorte severo dos investimentos en I+D+i na pasada década e, posteriormente, unha conxelación das mesmas, que dura ata agora. Isto fai que os niveis reais de investimento en ciencia e I+D+i sexan os de hai 15 anos no noso país. A isto hai que sumar una política de fake news onde se asignan partidas nos presupostos para fondos que non se poden usar realmente por grupos de investigación e onde, por riba, fican sen usar un 70% dos mesmos.

“Creouse a tormenta perfecta sobre o sistema de I+D+i do país nestes últimos anos”, lamenta Xosé Bustelo

Por outra banda, está a situación política que está a crear una gran inestabilidade en todo o sistema. Iso reflíctese en que non se sabe cando van saír as convocatorias dos proxectos, cando se van resolver e cal será a contía que se vai a adxudicar a cada proxecto. Por exemplo, a convocatoria de proxectos do ano pasado, que tiña que ser publicada o 1 de xaneiro do 2018, tardou sete meses en ser feita e, a día de hoxe, aínda non sabemos cando se vai resolver. Isto fai que un terzo dos grupos de investigación do país estean neste intre sen proxecto vixente ou co proxecto anterior prorrogado.

– En que se está traducindo isto?

– Pois nun financiamento descontinuo e decrecente dos proxectos de investigación. Un exemplo: na comisión de avaliación de proxectos de investigación de cancro vese unha caída de preto do 25% no financiamento medio dos proxectos ao longo destes cinco anos. Esta caída pode ser incluso maior no caso dos grupos máis grandes, onde ese recorte pode estar preto ao 50%.

Realmente, podemos dicir sen esaxerar que, nestes momentos, xa é imposible manter unha ciencia competitiva e de calidade no país a non ser que o financiamento dos grupos se complemente con outras partidas procedentes de fondos internacionais ou de entidades sen ánimo de lucro como, por exemplo, a Asociación Española contra o Cancro. Tamén se aprecia que, progresivamente, hai un número maior de grupos que fican sen financiamento malia ter una produtividade científica decente. Isto apréciase en todas as institucións pero, sobre todo, no eido universitario onde, cada vez máis, estase a ampliar o número de grupos que xa perderon o financiamento.

Os científicos alertan da situación “catastrófica” da investigación en España

A perda na continuidade dos proxectos debido aos retrasos na saída e resolución das convocatorias anuais está tamén a ter un impacto grande na viabilidade dos grupos pequenos e, sobre todo, dos liderados polos investigadores máis novos. Tamén, obviamente, na capacidade de retención de persoal científico cualificado nos grupos de investigación.

Finalmente, a este proceso de declive súmase a implantación de medidas burocráticas que fan cada vez máis difícil a xestión dos proxectos en cando á compra de produtos necesarios para a súa realización ou a contratación e estabilidade do persoal. Isto fai que sexa un auténtico pesadelo nestes momentos a xestión dos proxectos. Podo dicir, sen esaxerar, que nestes momentos os científicos estamos dedicando máis tempo á xestión dos proxectos de investigación en vez de pensar no que realmente importa: a propia ciencia e como abordar os retos que temos por diante a nivel de laboratorio e de contribucións á sociedade.

– Están en risco os avances en sectores como é o seu, o da investigación do cancro?

– Como dixen antes, é imposible nestes momentos facer ciencia competitiva se se depende exclusivamente do financiamento procedente dos plans nacionais do Goberno. O caso do cancro é paradigmático porque a súa investigación é cara por moitos motivos. Un deles é que, para sabermos seguro que un proceso patolóxico é relevante para esta enfermidade, necesariamente se teñen que analizar un número alto de pacientes e células derivadas dos mesmos que encarecen enormemente o proceso.

Fronte ao estancamento dos fondos estatais, “o financiamento procedente de asociacións de pacientes e fundacións sen ánimo de lucro aumentou nestes dez anos case un 360%”, subliña o científico

Outro deles é que se necesita o uso de modelos experimentais que son intrinsecamente caros, como a secuenciación do xenoma, o uso de ratos Avatar, a utilización de modelos animais baseados na manipulación xenética ou o manexo e análise de células derivadas de pacientes.

Esta perda estase a compensar, no caso dos grupos máis competitivos, coa captación de fondos alternativos. Neste eido hai que subliñar, por exemplo, que o financiamento procedente de asociacións de pacientes e fundacións sen ánimo de lucro aumentou nestes dez anos case un 360%. Os investigadores españois tamén se caracterizan por teren un éxito por enriba da media na captación de proxectos internacionais. No meu caso, por exemplo, dificilmente podería subsistir sen esa financiación alternativa. Sen embargo, creo que a mensaxe que hai que transmitir é que estas fontes alternativas de financiamento teñen que ser para aumentaren as liñas de investigación, non para suplementar os fondos nacionais que nos faltan.

– Había un fío de confianza con algunhas medidas que se tomaron desde o Ministerio de Ciencia. Por que non se solucionaron os problemas básicos?

– Eu si creo que, en comparación co goberno anterior que foi un auténtico desastre para o sistema de I+D+i, o actual si tivo moita máis empatía coa ciencia como o demostra, entre outras cousas, a propia creación dun ministerio especificamente dedicado á ciencia e á innovación. O que fallou, na miña modesta opinión, é que os encargados de levar a cabo estas políticas nunca acadaron un peso político substancial a nivel de secretarías de estado e do propio consello de ministros. As típicas fotos dos Consellos de Ministros, onde Pedro Duque aparece sempre nas posicións máis afastadas da Presidencia, son sintomáticas deste pouco peso político.

“As fontes alternativas de financiamento teñen que ser para aumentaren as liñas de investigación, non para suplementar os fondos nacionais que nos faltan”, expón Xosé Bustelo

Outro erro foi caer en xestos cara a galería que non se traduciron en nada despois. Por exemplo, o famoso decreto de medidas extraordinarias para paliar algunhas das nosas reivindicacións foron auténticos brindes ao sol, ao dependeren da nova lei de presupostos ou ao seren, semanas despois, eliminadas por novas instrucións do Ministerio de Facenda.

Noutros eidos si houbo avances importantes, como foi a estabilización de case 1.400 científicos que estaban a punto de perder o seu posto de traballo por motivos burocráticos.

– Por que España e Galicia non son quen de acadar os niveis de investimento en I+D+i de Europa?

– Desde logo non se pode atribuír á crise económica. Nunca chegamos nin de cerca ao obxectivo da Axenda de Lisboa (3% do PIB adicado a I+D+i) nin nos momentos en que a nosa economía estaba a medrar. Ademais, durante a propia crise da pasada década, a maioría dos países do noso entorno aumentou, en vez de diminuír, a inversión en I+D+i. Ese aumento cuantifícase en torno ao 25% en toda a UE e, en casos máis específicos como  Alemaña, Reino Unido ou Países Baixos, en case un 40%. Na miña opinión, é un problema político e cultural: en España, desde o século XIX, a maior parte do impulso económico é sempre a curto prazo e baseado no pelotazo e na inversión especulativa. Con esa mentalidade, é difícil que o goberno e o sector industrial aposten decididamente pola I+D+i.

“Os científicos temos algo de culpa ao non sermos capaces de trasladar as nosas reivindicacións ao público en xeral”

Pero seguro que tamén os científicos temos algo de culpa ao non sermos capaces de trasladar as nosas reivindicacións ao público en xeral. Todo o mundo fala de pensións, da sanidade ou de empregos de calidade, con razón, pero ninguén fala de ciencia a pesares de que, sen ciencia, dificilmente poderemos pagar as nosas pensións ao longo prazo, avanzar no tratamento de enfermidades ou crear empregos de alto valor engadido.

– Hai un debate electoral feroz, pero da ciencia apenas ninguén fala, ou non se escoita. Que opinión lle merece isto?

– Coido que ten que ver coa pregunta anterior. Está claro que temos que facer un maior esforzo de concienciación a nivel social porque, mentres non se consiga, será difícil avanzar a nivel político. Sen isto, seguiremos a ter máis toureiros ca científicos no Parlamento español.

Equipo do laboratorio dirixido por Xosé Bustelo no CIC de Salamanca.
Equipo do laboratorio dirixido por Xosé Bustelo no CIC de Salamanca.

– Falando xa, como deberiamos, da propia investigación. En que liñas está centrado agora o seu equipo?

Estamos pechando varios proxectos moi interesantes sobre novos xenes implicados no desenvolvemento de diversos tipos de cancro e tamén sobre novas vías que afectan o crecemento e propiedades malignas dos cancros de pulmón e de cabeza e pescozo. Xunto ao interese desde un punto de vista básico, estes achados tamén nos permitiron descubrir novas formas de diagnosticar a pacientes, así como novas dianas terapéuticas potenciais. Esperamos publicar estes resultados neste ano. A máis longo prazo, estamos agora apostando bastante forte polo uso de ferramentas bioinformáticas para, a través dos datos derivados do proxecto Pan-Cancer (que contén datos xenéticos de miles de pacientes e unha gran variedade de tumores), identificar novos xenes, procesos patobiolóxicos e talóns de Aquiles terapéuticos en diversos tipos de cancros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia