Primero foi a investigación: como era o ron que bebían os piratas fai centos de anos? E despois chegou o proceso de creación. Así naceu “Burla Negra“, o ron coa esencia do Atlántico, e de Galicia, que desenvolveron os tamén creadores da afamada xenebra Nordés, a empresa Galician Orixinal Drinks, que desenvolveu unha investigación científica para darlle unha volta a esta bebida.
“Burla Negra” ten un sabor intenso cun certo sabor salino. Para a súa preparación, empregan ron de alta calidade procedente do Caribe, mesturado con auga do océano recollida fronte ás Illas Cíes. O ron é envellecido en barricas que con anterioridade foron usadas para a produción de viño albariño.
“Todos estes factores danlle a ‘Burla Negra’ un sabor diferente e único” explicaba o catador e co-propietario de Galician Orixinal Drinks Xoán Cannas. E a aposta pola salinidade é un exemplo da procura dese sabor: os barrís nos que os barcos piratas almacenaban as bebidas da tripulación nas súas singraduras transatlánticas enchíanse con auga de mar cada vez que se acababa o seu contido. Deste xeito, actuaban como lastres na embarcación. Pero ao chegar a porto e ser enchidos de novo, achegábanlle esa salinidade ás bebidas.
“Por iso é polo que quixemos integrar no ron ese matiz salino, para recuperar a salinidade que debeu ter o ron que bebían os piratas. Por iso empregamos auga do océano”, comenta Cannas.
O nome de ‘Burla Negra’ recorda a Benito Soto, o galego que foi o derradeiro pirata do Atlántico
O nome deste novo ron galego, ‘Burla Negra’, apóiase na recuperación da figura do pirata galego Benito Soto, que segundo a lenda bautizou como ‘Burla Negra’ o bergantín que o converteu durante varios anos no pirata máis temido do mundo. Soto criouse no barrio mariñeiro pontevedrés da Moureira. Desde alí emigrou cara ao Caribe. E desde o Caribe comezou a forxar a súa lenda. “Ese punto de irreverencia de Benito Soto, de desafío, de burla, é algo que en certo xeito quixemos traer a este ron”, explica Xoán Cannas.
Na procura do seu sabor, o mestre destilador Pepe Alvela optou por barricas para o envellecemento como as usadas hai séculos para os licores producidos para exportar a outros países.
O ron ‘Burla Negra’ foi presentado este mércores en Vigo e comezará a distribuírse en toda Galicia nas primeiras semanas de agosto. “Pouco despois, chegará ao mercado nacional e máis tarde ao internacional” engade Juan Luís Méndez, co-propietario de Galician Orixinal Drinks. Outros produtos anteriores da empresa, como Nordés, están hoxe presentes en máis de 20 países.