Zona Franca acolle a Conferencia Internacional de Parques Tecnolóxicos

Os vindeiros días 16 e 17 de xuño terá lugar no Centro de Negocios de Porto do Molle a décimo terceira Conferencia Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos, evento que reunirá empresas e representantes de parques de toda España nunhas xornadas nas que destacados conferenciantes tratarán os conceptos de Organización 2.0, como ferramenta de innovación e competitividade.
Baixo o lema “Cara ao parque dixital. Transformacións que lideran” a conferencia reunirá a conferenciantes como Enrique Dans, Samuel Driessen (Entopic), Ana Neves (Knowman), Luís Suárez (Asesor en Novas Tecnoloxías) ou Joana Sánchez (Incipy), con empresas e outros axentes nun foro de difusión sobre os procesos de cambio cultural e métodos de xestión desenvolvidos nos parques tecnolóxicos.
Nesta edición viguesa os máis de 150 asistentes rexistrados debaterán sobre a implementación de estratexias online 2.0, tanto na xestión interna coma nas relacións cos clientes e mercados, así como a súa implementación nos parques científicos e tecnolóxicos, onde a aplicación da organización dixital pode mellorar aspectos tan importantes como a comunicación, a produtividade, a colaboración ou a aprendizaxe, ademais de actuar como elemento incentivador para a súa implantación nas empresas dos parques e os seus ámbitos.

Os premios APTE recoñecerán o mellor parque científico de España

Un total de 18 relatores intervirán nas principais sesións do evento que son: a transformación dixital dos parques científicos e tecnolóxicos, as organizacións que colaboran e a colaboración dixital para potenciar beneficios.
O día 16 ás 11 h 00 tamén terá lugar o acto de entrega dos Premios APTE á mellor práctica en parques científicos e tecnolóxicos, galardón que outorga a asociación para recoñecer as mellores novas prácticas levadas a cabo polas entidades xestoras dos parques no seu eido de actuación.
proveitando a celebración da Conferencia Internacional o luns, día 15, celebrarase a Asemblea Xeral da entidade, onde 50 representantes dos parques membros de APTE se darán cita en sesión pechada que se celebrará nas instalacións de Texvigo no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Zona Franca, para tratar os principais temas que afectan aos parques científicos e tecnolóxicos españois. Nesta xornada do luns presentaranse os datos estatísticos anuais que elabora a Asociación e que reflicten a evolución dos parques en 2014 en materia de emprego, facturación, creación de empresas, investimento en I+D, entre outros.
A Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) é unha rede de redes que actualmente conta con 68 parques membros repartidos polo territorio español, e o seu principal obxectivo é potenciar o desenvolvemento destes espazos de innovación e contribuír á difusión das súas actividades, a mellora da innovación e a competitividade do tecido empresarial mediante a interrelación nos diferentes membros e outros axentes do sistema español de innovación.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Un documento do século XVI localiza seis fortalezas medievais desaparecidas no Val Miñor

O historiador da USC Rodrigo Pousa rescata un texto de 1558 con testemuños que sitúan no mapa da comarca varias torres e castelos dos que, ata o de agora, se descoñecía a súa posición

Galicia será a primeira comunidade en contar cun centro de radioterapia de precisión no prazo dun ano

O Centro de Protonterapia de Santiago poderá atender anualmente ata 250 pacientes con cancros de especial complexidade

Ciencia e cooperación para unha alimentación sostible: os resultados de Net4Food

A rede de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal continuará a través do Iberian Food Lab