A Academia de Ciencias premia a transferencia de tecnoloxía

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, convoca a primeira edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, dotados con 22.000 euros en dúas modalidades: mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada e mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. O prazo de presentación de candidaturas queda aberto ata o 29 de outubro.
Estas dúas entidades, representantes do Sistema Galego de I+D+I, colaboran na posta en marcha deste certame baixo a premisa de que a axeitada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo está considerada unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. No caso de Galicia, estes procesos veñen sendo impulsados con resultados que convén recoñecer a través de casos de éxito que sexan difundidos á cidadanía e sirvan como referencia inspiradora para investigadores e empresarios.

A iniciativa pretende difundir casos de éxito e expoñelos como referencia

A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación do premio ascenderá a 6.000 euros netos, aos que se sumará unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.
A modalidade empresarial busca o caso de éxito máis representantivo de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Concederaselle á peme galega (incluíndo as micropemes) que acredite a mellor innovación procedente da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascenderá a 12.000 euros netos.
O detalle das bases e da documentación a entregar pode consultarse nas webs da RAGC (ragc.cesga.es) e da GAIN (gain.xunta.es).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a oceanógrafa Aida Fernández Ríos

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco referentes galegos de diferentes áreas de coñecemento

Aida Fernández Ríos: da produtividade das rías á acidificación oceánica

A traxectoria da Científica Galega do Ano 2026 representa unha contribución destacada ao coñecemento do océano no sistema climático. Por Fiz Fernández Pérez

Un libro lembra a figura da Científica Galega do Ano

A publicación, producida por GCiencia, presentouse no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo como acto inicial da homenaxe
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto