O risco de ictus redúcese ata un 16% se vives preto de zonas verdes

Investigadores cataláns atopan que, a pesar de cumprir as limitacións europeas, os niveis de dióxido de nitróxeno e outras partículas poden ser perigosos

O risco de sufrir un ictus isquémico, o evento cerebrovascular máis común, é un 16% menor nas persoas que dispoñen de espazos verdes a menos de 300 metros das súas vivendas. Así o revela un estudo publicado en Environment International que analizou datos de poboación catalá entre 2016 e 2017, sendo o traballo máis importante neste campo a día de hoxe en Europa.

O estudo analizou o impacto dos niveis de tres contaminantes atmosféricos vinculados ao tráfico de vehículos —material particulado baixo 2,5 micras, dióxido de nitróxeno e partículas de feluxe— no lugar de residencia de cada unha das persoas estudadas. Tamén se tivo en conta o número e densidade de espazos verdes nun radio de 300 metros das súas vivendas.

O estudo

Os datos recollidos polos investigadores foron obtidos mediante referenciación xeográfica e mediante o deseño de modelos de exposición aos dous determinantes —contaminantes e zonas verdes— a partir de datos poboacionais obtidos mediante a reutilización de información sanitaria xerada en Cataluña e anonimizada polo polo programa de analítica de datos para a investigación e a innovación en saúde.

Proporcionalmente, cada microgramo por metro cúbico de feluxe aumenta máis o risco de ictus, seguido polo material particulado e, en terceiro lugar, do dióxido de nitróxeno

En concreto, o equipo científico seleccionou a algo máis de 3,5 millóns de persoas de entre os 7,5 millóns de habitantes da comunidade catalá. Con esta base, puideron extraer conclusións que indican unha relación directa entre o aumento dos niveis de dióxido de nitróxeno na atmosfera e o risco de accidente cerebrovascular isquémico: por cada aumento de dez microgramos por metro cúbico, o risco aumenta nun 4%.

Algo similar ocorre no caso dos outros contaminantes analizados. Mentres que o aumento de cinco microgramos por metro cúbico de material particulado baixo 2,5 micras supón un aumento do risco do 4%, as partículas de feluxe aumentan este nun 5% polo aumento dun microgramo por metro cúbico.

O risco calculado na investigación é independente de factores socioeconómicos, idade ou consumo de tabaco

Pola contra, considerouse que a exposición aos espazos verdes tiña efectos beneficiosos a través dunha variedade de mecanismos como a redución do estrés, o aumento da actividade física e o contacto social e inclusive a exposición a un microbioma enriquecido. Con todo isto, os investigadores puideron extraer que dispoñer de abundantes espazos verdes no mesmo radio da vivenda reduce directamente o risco de sufrir un ictus ata nun 16%.

É interesante sinalar que, segundo as conclusións dos autores, estas cifras son as mesmas para toda a poboación, independentemente doutros factores socioeconómicos, idade ou inclusive hábitos de consumo de tabaco. Por este motivo, os investigadores apuntan cara á implementación de medidas para reducir o uso do automóbil co obxectivo de minguar os múltiples riscos que estes contaminantes supoñen para a saúde das persoas.

Determinantes ambientais

Esta investigación foi levada a cabo de forma conxunta polo Instituto Hospital do Mar de Investigacións Médicas, o Hospital do Mar, a Axencia Catalá de Calidade e Avaliación da Saúde (AQuAS) e o Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), pero non é o primeiro realizado polo grupo de investigación Neurovascular do hospital, que xa achegou evidencias sobre a relación entre factores como o feluxe ou os niveis de ruído e o risco de sufrir un ictus e a súa gravidade.

Nos próximos anos, está previsto que aumente a incidencia, a mortalidade e a discapacidade atribuídas ao ictus

Carla Avellaneda, investigadora do grupo e unha das autoras principais do estudo, manifesta que este estudo vén de demostrar a importancia dos determinantes ambientais no risco do ictus. Ademais, sinala a importancia deste tipo de análises que permiten comprender todos os factores de risco implicados xa que existe a previsión de que, nos próximos anos, aumente a incidencia, a mortalidade e a discapacidade asociadas a esta enfermidade.

Máis medidas

Ante os datos extraídos da investigación, o equipo científico tamén sinala a necesidade de reflexionar sobre os niveis actuais de contaminación atmosférica considerados seguros. Polo momento, os limiares fixados pola Unión Europea (UE) son de 40 microgramos por metro cúbico para o dióxido de nitróxeno, mentres que a Organización Mundial da Saúde (OMS) reduce esta cantidade a dez.

No caso do material particulado baixo 2,5 micras, a UE estabelece un límite de 25 microgramos por metro cúbico, mentres que a OMS prefire limitalo a cinco. Actualmente non hai estabelecidos niveis para as partículas de feluxe.

A pesar de cumprir os límites fixados pola Unión Europea, os datos analizados na investigación sinalan un elevado risco para a saúde

Con todo, os niveis rexistrados durante o período analizado polos investigadores deste estudo foron, de media, inferiores aos fixados polas autoridades europeas: 35 microgramos por metro cúbico de dióxido de nitróxeno, 17 de material particulado e 2,28 no caso do feluxe.

Así, Rosa María Vivanco, investigadora de AQuAS e outra das autoras principais do estudo, sinala que, pese ao cumprimento dos niveis marcados, continúa existindo un risco para a saúde, polo que é necesario tomar moitas máis medidas, especialmente considerando o aumento na poboación urbana e o seu avellentamento.


Referencia: Air pollution and surrounding greenness in relation to ischemic stroke: A population-based cohort study (Publicado en Environment International)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.