Solidariedade viguesa contra o cancro de pulmón

A entidade Vigo contra o Cancro doará os seus beneficios de 2019 ao proxecto Octopus, que impulsa un equipo de científicos galegos

No ano 2017, tres persoas morreron cada día en Galicia debido a un cancro de pulmón. En España, falece unha persoa cada 20 minutos por esta doenza, e preto de 27.800 persoas recibirán ao longo de 2019 este diagnóstico. Estes datos sitúan aos tumores de pulmón como o terceiro en incidencia (segundo no caso dos homes) e a primeira causa de morte por cancro en España. É, por tanto, unha liña na que se centran os esforzos de moitos médicos e investigadores para mellorar as perspectivas dos seus pacientes. Un proxecto con selo galego, Octopus (Oncoloxía Customizada para Tratar os Pulmóns), busca solucións personalizadas en cada paciente para prepararse mellor contra estes tumores. E este vai ser o proxecto que Vigo contra o Cancro, a entidade que todos os anos organiza unha carreira benéfica contra a doenza na cidade, financiará neste 2019.

Así o anunciou esta semana a asociación, que celebrará a carreira o vindeiro 20 de outubro en Coia, no marco do programa municipal de carreiras populares Run Run Vigo. O ano pasado, a entidade acadou máis de 60.000 euros coas súas iniciativas, que despois de deducir os gastos de organización se traduciron en 42.200 euros entregados ao proxecto Breogán, que investiga o cancro de mama, e 4.773 para as actividades cos nenos e nenas que reciben atención no servizo de Oncoloxía do Álvaro Cunqueiro.

Publicidade

O proxecto Octopus

A iniciativa Octopus baséase na medicina personalizada contra o cancro de pulmón, para predicir o mellor tratamento e monitorizar a resposta de cada paciente. Faino mediante a técnica da biopsia líquida, unha técnica non invasiva que permite detectar e caracterizar xeneticamente cada tumor con só unha pinga de sangue. Forman parte deste equipo o grupo de Oncoloxía Translacional do Hospital Álvaro Cunqueiro, liderado polos doutores Martín Lázaro e Gerardo Huidobro, o grupo de Filoxenómica da Universidade de Vigo, liderado polo doutor David Posada, o grupo de Oncoloxía Molecular Translacional do CIMUS (USC), liderado pola doutora Mónica Martínez-Fernández.

Con esta técnica, segundo explican desde Vigo Contra o Cancro, poderase seguir en tempo real a resposta de cada paciente ao tratamento, para tentar predicir que pacientes poden desenvolver resistencia en función das súas mutacións detectadas mediante secuenciación masiva.

Publicidade

A doazón que Vigo Contra o Cancro destina ao proxecto Octopus supón o 90% dos beneficios xerados durante o ano actual. Estes proceden de diversas actividades organizadas pola Asociación, así como do seu evento principal, a carreira, que celebrará a súa VII edición o próximo 20 de Outubro en Vigo, e cuxas inscricións se abrirán nos vindeiros días. O ano pasado, máis de 5.000 persoas participaron na cita.

O 10% dos beneficios restantes son destinados a actividades cos nenos de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro. Nas últimas semanas, realizáronse con eles varias accións; tanto no hospital (campamento de verán con diversas opcións de lecer; surf, música, xardinería, manualidades…) como fóra del (excursión ao Porto de Vigo ou xornadas de tenis e pádel en  URECA da man de Carla Barciela…).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O risco de cancro de pulmón por exposición ao radon é maior en homes que en mulleres

Un novo estudo feito en Galicia conclúe que a intensidade da exposición é tan relevante como tempo á hora de acabar padecendo un cancro de pulmón

Identificada unha diana terapéutica para o cancro de pulmón máis frecuente

Un estudo do CSIC revela que a inhibición dunha proteína clave na sinalización do crecemento celular bloquea a progresión tumoral

Demostrada a eficacia dun novo fármaco nun cancro de pulmón resistente

Un equipo do CSIC liderou dous estudos que presentan novas abordaxes en dúas mutacións de tumores que non responden a terapias dirixidas

Un equipo galego avanza no estudo do cancro de pulmón microcítico, un dos máis letais

Investigadores do IDIS participan nun proxecto nacional para afondar na distribución, tendencias e carga do tumor e así mellorar a supervivencia e calidade de vida dos pacientes