A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) activou unha alerta sanitaria por un brote de intoxicación alimentaria provocado por toxina botulínica detectada no atún en conserva en aceite de xirasol da marca DIA e elaborado pola conserveira galega Frinsa del Noroeste S.A., con sede na Coruña.
O brote detectouse tras enfermar catro persoas, das que tres xa foron dadas de alta, que inxeriron unha ensalada rusa caseira elaborada co citado atún. A toxina botulínica é unha neurotoxina, unha proteína producida pola bacteria denominada Clostridium botulinum.
A inxestión de alimentos contaminados por toxina botulínica produce botulismo, unha enfermidade que se caracteriza por alteracións vexetativas como a sequedade de boca, náuseas e vómitos, e por unha parálise muscular progresiva. É a toxina máis agudamente mortal que se coñece, cunha dose letal media en humanos (LD-50) de 1,3–2,1 ng/kg por vía intravenosa ou intramuscular e 10–13 ng/kg inhalada. Isto significa que moi poucas moléculas poden ter moi graves consecuencia para a saúde humana.
O produto afectado é unha conserva de atún en aceite de xirasol formato RO 900, da marca Dia, con lote 19/154 023 02587 elaborado en Frinsa do Noroeste S.A. con data de consumo preferente 31/12/2022.
O produto foi distribuído pola plataforma Dia a establecementos das comunidades autónomas de Asturias, Castela e León, Cataluña, Aragón, A Rioxa, Murcia, Navarra, Castela-A Mancha e Valencia, onde xa foron inmobilizados e retirados os produtos afectados.
Dos catro casos de botulismo detectados, tres dos pacientes xa foron dados de alta
Como medida de precaución retirouse o produto afectado das canles de comercialización, e as autoridades sanitarias recomendan ás persoas que teñan no seu domicilio o produto afectado por esta alerta que non o consuman.
A Aesan tivo coñecemento o pasado día 9, a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (Sciri), dunha notificación feita polas autoridades sanitarias de Castela e León relativa a un brote de intoxicación alimentaria, provocado por toxina botulínica asociado ao consumo de atún en conserva coa que se elaborou unha ensalada rusa caseira.
Ese mesmo día, a Aesan activou a alerta a nivel nacional e o produto implicado na investigación foi inmobilizado. E onte, 29 de agosto, as análises practicadas no Centro Nacional de Alimentación aos produtos sospeitosos confirmaron a presenza de toxina botulínica na lata de atún consumida.
“O brote está limitado a catro casos, tres dos cales foron dados de alta, e non hai constancia de máis afectados”, aseguran dende a Aesan. De feito, este caso amosa a eficacia do sistema de alerta ante intoxicacións alimentarias, activando un protocolo que retira os produtos sospeitosos en moi pouco tempo en canto se detecta un caso.