Venres 11 Outubro 2024

Vacinas da Covid-19 na infancia: que opinan os pediatras ao respecto?

Diante das primeiras autorizacións nos Estados Unidos para a rapazada de 5 a 11 anos, varios expertos expoñen as claves de cara á posible inmunización

Un artigo da Agencia SINC

Para Ángel Hernández Merino, do Comité Asesor de Vacinas da Asociación Española de Pediatría, o máis importante sobre unha vacina contra a Covid-19 dispoñible para nenos de entre 5 e 11 anos é “estar preparados”, segundo declaracións ao Covid-19 Vaccine Media Hub: “O primeiro é tela, logo xa veremos se hai que usala”. Iso implica ter “a máxima seguridade” de que a vacina é segura, “porque se trataría de vacinar nenos sans” a quen a Covid-19 afectaría maioritariamente de forma leve.

Publicidade

Francisco José Álvarez García, coordinador do Comité Asesor de Vacinas (CAV) da AEP, advirte que esta asociación só se pronunciará formalmente sobre este punto despois de que o faga a Axencia Europea do Medicamento (EMA), que empezou a mediados de outubro a avaliar o uso da vacina de BioNTech/Pfizer, Comirnaty, en nenos de entre 5 e 11 anos. Espérase a súa decisión dentro de ao redor dun mes.

Se o ditame fose positivo, “os pediatras sempre estaremos a favor de protexer a unha poboación vulnerable se hai unha vacina eficaz e segura”, afirma Álvarez García.

Publicidade

En Estados Unidos os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC, polas súas siglas en inglés) aprobaron o pasado 2 de novembro a vacina de BioNTech/ Pfizer para 5-11 anos, en dúas doses —cada unha cun terzo da cantidade inoculada en adultos— espazadas tres semanas.

“De maneira similar ao observado nos ensaios con adultos, a vacinación mostrou case un 91% de efectividade á hora de previr a covid-19 en nenos de entre 5-11 anos”, informaron os CDC nunha nota de prensa. Nos ensaios clínicos, os efectos secundarios foron leves, parecidos aos que se dan en adultos e con outras vacinas recomendadas para nenos”.

Factores a favor…

Na inmensa maioría dos nenos a infección é leve ou asintomática, pero “tamén hai casos graves”, lembra Álvarez García. Esta sería, para o coordinador do Comité Asesor de Vacinas (CAV), a principal razón para aprobar a vacinación en nenos, en caso dun ditame favorable da EMA.

Na inmensa maioría dos nenos a infección é leve ou asintomática, pero “tamén hai casos graves”, lembra Álvarez García.

Tamén, que hai aínda incerteza sobre síndromes como a Covid persistente. “Vacinamos a toda a poboación e imos deixar sen vacinar aos nenos de 5 a 11 anos?”, pregúntase. Este experto asegura que as vacinas contra a Covid-19 poderían administrarse xunto coas demais vacinas infantís.

Como indicaba a SINC Hernández Merino nesta tribuna, dentro dos beneficios indirectos podería incluírse o garantir o ensino presencial. Aínda que se demostrou que os contaxios na escola non foron ata o de agora importantes na pandemia, e que os nenos non son bos transmisores da Covid-19, a súa vacinación contribuiría a manter isto así no futuro.

… E en contra

A posibilidade de que aparezan efectos adversos tan infrecuentes que non emerxan nos ensaios clínicos sería o principal factor en contra que resalta Álvarez García. É o que ocorreu coa miocardite en adolescentes, detectadas mediante o sistema de farmacovixilancia só tras o inicio da vacinación.

Sobre este punto a AEP lembra na súa web que “a miocardite e pericardite ocorren moi raramente tras a vacinación, pero bastante máis frecuentemente cando se padece a infección natural por contaxio desde outra persoa infectada”.

Necesarios para a inmunidade de grupo?

Un dos factores que se terá en conta ao decidir sobre a vacinación en nenos será o seu papel para alcanzar a inmunidade de grupo. Hernández Merino e Federico Martinón, Xefe do servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago —e responsable dun dos ensaios da vacina Comirnaty en nenos en España—, resaltan a falta coñecemento neste punto, en parte porque aínda non hai datos sólidos sobre canto dura a inmunidade que proporcionan as vacinas.

Se os nenos non son inmunes poderían converterse no reservorio do virus e fonte de infección con novas variantes

Ademais “a inmunidade de grupo non é un concepto estático”, indica Hernández Merino, que varía en función de que proporción da poboación estea inmunizada. Para Álvarez García, o papel dos nenos pode ser importante dado que “son o 10% da poboación”, e que na franxa entre 20 e 40 anos aínda non se alcanza o 80% coa pauta completa.

Do que non hai dúbida é de que se os nenos non son inmunes poderían converterse no reservorio do virus e fonte de infección con novas variantes. “Este é un dos factores importantes a favor da vacinación”, di Álvarez García.

Prioridade sobre outras vacinas pediátricas non incluídas?

Federico Martinón chama a atención noutro artigo sobre a importancia doutras vacinas pediátricas: “…hai outras vacinas que aínda non están no calendario nacional, que lles proporcionan máis beneficios netos, como a do rotavirus, o meningococo B ou o virus papiloma humano en homes. Con todo, a vacinación da Covid-19 do neno tamén podería protexer unha vida máis normal e plena, sen necesidade de corentenas, e con mobilidade transfronteiriza libre”.

Máis do 82 % con pauta completa en maiores de 12

En Europa os maiores de 12 anos xa poden ser vacinados con Comirnaty (BioNTech/ Pfizer) e con Spikevax (Moderna). A dose é igual á dos adultos. En España máis do 82% da poboación entre 12 e 17 anos ten xa a pauta completa.

Nos EUA só está autorizada por agora a vacina Spikevax a partir dos 18 anos. A aprobación nos de 12-17 anos segue en espera desde o pasado xuño, despois de que a FDA estadounidense pedise máis estudos de seguridade.

E a vacina de Moderna en nenos de 5 a 11?

Moderna anunciou nunha nota de prensa o 25 de outubro de 2021 que unha versión coa metade da dose usada con adolescentes e adultos da súa vacina Spikevax aplicada en nenos de 6-11 anos de idade mostrou resultados sólidos en canto a inmunoxenicidade e reactoxenicidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

O Sergas vacinará a 15.000 nenos cunha dose máis eficaz contra a bacteria da meninxite

Sanidade decide incrementar a inmunización dos meniños de dous anos xa vacinados cunha protección catro veces maior

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres