Xoves 25 Abril 2024

Novas plantas para unha loita contra as pragas máis sostíbel

As plantas, modificadas por un equipo do CSIC e da UPV, producen e liberan feromonas sexuais que poderían usarse nas técnicas de control de insectos

Malia que aínda só a nivel de laboratorio, un equipo conxunto do CSIC e da Universitat Politècnica de València (UPV) vén de desenvolver novas plantas capaces de producir e liberar feromonas sexuais que poderían axudar a combater pragas que afectan ás plantas herbáceas e semellantes, reducindo en consecuencia o uso de praguicidas. No estudo, os investigadores empregaron a Nicotiana benthamiana como planta modelo, modificándoa xeneticamente para codificar nela compostos volatis e convertíndoa nunha biofactoría de feromonas como as da couza.

Segundo explica Diego Orzáez, membro do Instituto de Biología Molecular e Celular de Plantas (UPV-CSIC), a bioprodución vexetal de feromonas sexuais de insectos é “unha estratexia innovadora e sostíbel para o control de pragas na agricultura”. Porque, amais de producir os compoñentes volatis, estes transxénicos son quen de liberalos na atmosfera, posibilitando que no futuro se poidan empregar en técnicas como a confusión sexual nos machos da praga. Unha técnica que, tal como explica Vicente Navarro, investigador do Centro de Ecología Química Agrícola (CEQA) do Instituto Agroforestal Mediterráneo da UPV, se produce cando a concentración atmosférica deses compoñentes dificulta que os machos atopen ás femias que emiten feromona para atraelos. Algo que evita ou retrasa as cópulas e reprodución da especie, reducindo paulatinamente a poboación e facilitando así un maior control da praga.

Publicidade

Un avance na protección dos cultivos

Até o momento, as feromonas obtíñanse vía síntese química, liberándose no ambiente mediante biodispensadores para conseguir atraer ou confundir aos insectos. Máis, como relata Orzáez, o que o grupo ten conseguido é que sexa unha planta modelo a que libere a feromona. “Un paso sen dúbida importante para a protección dos cultivos, se ben aínda é cedo para trasladar os resultados ao campo”, engade.

Un salto para o que aínda é necesario, entre outras melloras, aumentar a capacidade de emisión das feromonas. Deste xeito, o estudo formula un cambio das plantas a empregar, apostando pola do tabaco ou mesmo aquelas aromáticas que xa producen abundantes volatis de seu.


ReferenciaProduction of Volatile Moth Sex Pheromones in Transgenic Nicotiana benthamiana Plants (Publicado en BioDesign Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte