“De ningunha maneira debemos vacinar a poboación xeral contra a varíola do mono”

A inmunóloga África González indica que xa hai unha vacina específica contra a doenza, pero que só debería inocularse aos contactos estreitos

Cada vez hai máis información nos medios sobre a varíola do mono, unha enfermidade xa coñecida pola comunidade científica dende mediados do século XX. Os últimos datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) apuntan a case un cento de casos confirmados en 15 países do mundo. Preocupa a dispersión xeográfica dunha doenza que, salvo gromos esporádicos, é endémica da África occidental e central. Malia isto, os expertos instan á calma. A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González tamén lanza esta mensaxe e recorda que, de momento, non debemos preocuparnos. E que a vacinación masiva, tal e como a recordamos para a covid, está moi lonxe de volver converterse en realidade.

—A comunidade científica di que a vacina da varíola humana ten unha eficacia do 85% á hora de protexer contra a varíola do mono. É certo?

Publicidade

—Si, a vacina da varíola humana púxose a unha gran parte da poboación ata que, a partir dos anos 70, se deixou se inocular porque a enfermidade se considerou erradicada nos 80. Polo tanto, as persoas maiores de 50 anos que teñan a vacina da varíola humana están protexidas entre un 80% e un 85% contra a varíola dos monos.

—Os expertos están a recomendar a vacinación dos contactos estreitos. É certo que non hai unha vacina nin tratamento específicos para a varíola dos monos?

Publicidade

—Non é certo. Hai dous antivirais e unha vacina específica para a varíola do mono. A empresa que a desenvolveu é danesa, chámase Bavarian Nordic, e fabrica a única vacina que hai no mundo contra esta enfermidade. O seu nome é Jynneos e rexistrouse en 2019. Serve para tratar tanto a varíola xeral como a do mono. Preparouse porque xa se detectaran casos fóra de África, de feito chegou a Estados unidos en 2003 porque houbo persoas contaxiadas por contacto con cans da pradaría, que á súa vez se infectaran a través duns animais exóticos.

“Hai que buscar o paciente cero ou o animal cero. Temos que atopar o foco”

—De feito, un dos aspectos que máis preocupa agora é a dispersión xeográfica dos casos. Ata o momento foran gromos relacionados con viaxes a África ou contacto con animais infectados. 

—Si, houbo algún gromo en Singapur e en Inglaterra, onde se detectaron tres casos importados en Nixeria. Pero eran iso, casos importados. O problema agora é que hai que buscar o paciente cero ou o animal cero. Temos que atopar cal é o foco. De momento estanse a ver lugares onde puideron empezar os contaxios pero o paciente cero aínda non se coñece. Houbo algunha festa compartida entre Italia e España, pero segue sen estar claro cal foi o primeiro caso.

—De feito, cada vez son máis países os que notifican casos. 

—Si, a última actualización da OMS describiu 92 casos confirmados e 28 sospeitosos en 15 países. España, Inglaterra e Portugal son os que teñen máis casos, entre 20 e 30 cada un deles. Pero tamén hai en Australia, Bélxica, Canadá, Francia, Alemaña… Está bastante distribuído.

—Sábese xa se todos eses casos pertencen ao mesmo foco?

—Estase a estudar e xa se secuenciou en Inglaterra e Bélxica. En España estase secuenciando e imaxino que xa terán os datos. Onde xa se secuenciou parece que todos proceden de África occidental. Hai dous tipos de virus de varíola do mono: un que afecta máis ben á República Democrática do Congo (RDC) e o outro á África occidental, que é máis benigno. O que está secuenciado indica que provén de África occidental.

“Na meirande parte dos casos o sistema inmunitario é suficiente para pasar a enfermidade leve e incluso asintomatica”

—Serían como as variantes dun mesmo virus?

—Non exactamente. Nestes virus coñécense como clades e son cepas bastante diferentes. É dicir, chámase cepa cando o comportamento que teñen é moi distinto. No caso da varíola do mono, unha clade é moitísimo máis grave que a outra. O que chegou aquí é máis leve, máis benigno. De feito, a meirande parte dos casos están sendo leves e incluso se describiron algúns casos asintomáticos. En Estados Unidos estudouse xente que estivera en contacto co virus e que non desenvolveran manchas nin vexigas. E, pola contra, si desenvolveran anticorpos e linfocitos fronte ao virus. Coma sempre, pode haber asintomáticos.

Na meirande parte dos casos o sistema inmunitario é suficiente para pasar a enfermidade leve e incluso asintomática. De todas formas, case todos os estudos que temos son recentes. Hai poucas investigacións porque se notificaron poucos casos ao longo destes anos e porque onde máis se analizou foi fóra de África, onde semella ser máis leve e onde tamén hai mellores sistemas sanitarios. Ademais hai antivirais específicos e as persoas maiores de 50 anos teñen certa inmunidade, polo que é esperable que a enfermidade sexa máis leve do que podería ser.

—Con todo, hai certa alarma social. Debemos preocuparnos?

—Primeiro, tranquilidade. Non é un virus novo, non estamos falando do SARS-CoV-2. Segundo, non se transmite polo aire, non ten unha capacidade de transmisión como a gripe ou o saramplelo. Transmítese por fluídos, feridas, por comer animais infectados, a través da roupa da persoa infectada, pola saliva… Basicamente a través de fluídos pero non hai transmisión por aire a distancia, ten que haber un contacto estreito coa persoa contaxiada. Temos antivirais e unha vacina e estamos en mellores circunstancias que coa covid grazas a que se investiu nese momento; a que se desenvolveron estudos a nivel científico estamos mellor preparados.

“A transmisión da varíola dos monos non é comparable á da covid”

—De feito, o Ministerio de Sanidad e outras institucións científicas anunciaron a posible compra de vacinas da varíola. 

—E iso incrementou as accións de Bavarian Nordic porque é a única empresa que produce a vacina.

—De momento, a idea só é vacinar aos contactos estreitos?

—Cando unha persoa xa está contaxiada non ten sentido vacinala porque o seu sistema inmunitario xa está reaccionado ante a enfermidade. A vacina é preventiva e interésanos protexer as persoas que están en contacto coa persoa contaxiada. Se houbera máis casos poderíase pensar en vacinar o persoal sanitario que tivera que traballar con estes doentes, sobre todo se son xente nova que non recibiu a vacina da varíola. É dicir, os menores de 50 anos porque algunhas comunidades xa deixaron de inoculala arredor do 74. De todas maneiras, hai que ir vendo a evolución porque se os casos son leves e cos antivirais é suficiente e se fai unha vixilancia epidemiolóxica, con iso chegaría. Así se fixo noutros gromos, como en Estados Unidos, onde houbo casos esporádicos. É dicir, optaron por vixilancia e control nas persoas que o necesitaban.

—É dicir, cos datos actuais descartamos a vacinación en masa que si tivemos para a covid.

—Non é necesario vacinar á poboación xeral. Agora mesmo hai que abordar distintos aspectos, como a vixilancia epidemiolóxica, buscar o paciente cero, todos os contactos e telos trazados ao longo destes días, posto que pode ter un período de incubación longo. É máis, unha persoa que estivo con outra infectada non ten ningún síntoma, pero pode aparecer incluso pasadas as catro semanas. Pode que continúen a incrementarse o casos pero de forma lineal, nunca exponencial, porque non hai transmisión aérea, e é moi difícil que haxa unha explosión de casos.

Polo tanto, busca do paciente cero, vixilancia epidemiolóxica, que os contactos usen máscara, laven as mans, laven ben a roupa de cama e as toallas, e que non se comparta ese tipo de material. E, tamén, que a persoa contaxiada se ille. Por outro lado, temos métodos para detectar a presenza do virus, igual que se fixo co SARS-COV-2 e as PCR. Non sei se se adaptarán centros específicos pero polo de agora é leve e non creo que se vaia facer. É dicir, que se determinen localizacións para centralizar os casos. Se fose así, o persoal sanitario e de apoio que estea axudando a estas persoas debería estar vacinado.

Así o entendo. Dende logo, de ningunha maneira debemos vacinar á poboación xeral porque non estamos nesa situación. Falamos tan só de 20 casos en España e é moi posible que a enfermidade se autolimite. Temos que seguir investigando, se é o mesmo virus en todos os países, se cambiou menos, ou non. O certo é que é un virus de ADN e muta menos. De aí que a vacina da varíola fose tan eficaz e foramos capaces de erradicala.

“Hai un neno infectado en Inglaterra e os nenos e os máis novos son as persoas ás que lles podería afectar máis a doenza”

—Pouca relación ten co SARS-CoV-2, entón? Un virus que muta moito máis.

—Si, coa covid vimos variantes como a delta, a ómicron… A xente contaxiouse dunha e doutra. Digamos que a parte positiva do virus da varíola do mono é que muta pouco porque é de ADN, diferente ao SARS-CoV-2. Outro aspecto a ter en conta é que agora estamos moi concienciados con todas as noticias que emite, por exemplo, a OMS. Pero xa houbo un gromo antes en Estados Unidos e nin se deu a coñecer, tan só se publicou en revistas científicas.

—Pódese dicir que dende que estoupou a pandemia de covid, os temas sanitarios forman parte da hexemonía informativa. 

—Por unha parte vemos que hai máis interese. Pero outra houbo, por exemplo, un artigo duns investigadores dicindo que o virus do mono estábase a incrementar. Houbo tantos casos en tal ano, isto está subindo moito, non se está a facer nada… Moitas veces o que din os científicos queda nas publicacións e, neste caso, estamos moito mellor que co SARS-CoV-2. O virus da varíola do mono é coñecido, xa sabemos como actuar. En África tivo unha alta letalidade, falamos nalgúns casos do 1%, pero fóra do continente, polo uso de antivirais e polas condicións sanitarias, é unha enfermidade leve. De momento hai menos de 100 casos. Agora parece que hai un neno infectado en Inglaterra. Iso é o importante porque os nenos e os máis novos son as persoas ás que lles podería afectar máis a doenza.

—É certo que cada ano, en África, hai uns poucos miles de casos? Como así o recollía un artigo publicado na sección de noticias de Nature

—Non, non tanto. Máis ben a centos de persoas. A veces por consumo de animais contaminados, por exemplo. Hai unha revisión na que se recollen os casos por décadas. Entre 1970 e 1979, por exemplo, o maior número de casos rexistrouse na República Democrática do Congo (RDC), cun total de 38, e outros poucos en países como Liberia, Nixeria e Camerún. Logo, nos anos 80, xa se rexistran uns 300 casos. Nos 90, máis de 500. Entre o 2000 e o 2009 houbo 47 nos Estados Unidos pero, sobre todo, na RDC, con 10.000 casos, aínda que nesa cifra tamén se contabilizaban os sospeitosos. E xa na última década, a RDC contabiliza máis de 18.000.

Haberá que ver que tipo de cambio houbo, se se produciu algunha mutación nese virus que fai que sexa máis contaxioso, se foi porque houbo máis movemento das persoas, que haxa determinadas prácticas como comer determinados alimentos que non están ben cociñados…. Haberá que ver por que houbo este incremento en tan pouco tempo.

“Xa estamos chegando tarde a combater as bacterias multirresistentes aos antibióticos”

—A varíola do mono, como a covid, é unha zoonose. Haberá cada vez máis?

—Claramente. Aínda que xa a meirande parte das nosas enfermidades infecciosas, como a rabia, o ébola, o SARS e a sida, que afectaba os monos, proveñen dos animais. A varíola dos monos, por exemplo, non só afecta os monos, tamén os roedores e outros animais, por iso hai que ter moito coidado coas mascotas. De feito en Estados Unidos infectáronse cans da pradaría domésticos e de aí saltou aos humanos.

As zoonoses poderían ser máis frecuentes por varias razóns. Ben porque estamos deforestando e acercándonos máis ao hábitat dos animais. Tamén polo transporte, o movemento de animais exóticos, máis lecer e movemento da poboación. Comer cousas crúas tampouco axuda. Estase vendo cun repunte na brucelose, ao volver tomar leite fresca, sen pasar polos procedementos requiridos. Ademais, as zoonoses son enfermidades que sempre estiveron con nós e entre os animais domésticos, como a gripe aviaria e a porcina. Tivemos moitas e seguramente teremos máis no futuro: hai máis poboacións, máis zonas urbanas e superpoboación. É dicir, máis posibilidades de contaxio.

Ademais, no século XX houbo cinco pandemias. E no que levamos de XXI xa levamos cinco tamén: o SARS-CoV-1, o MERS, o SARS-CoV-2, a gripe A e a sida, que seguimos con ela. E a tuberculose? Segue matando un millón e medio de persoas cada ano, e iso que hai tratamento e é bastante barato. Pero hai que aplicalo entre 6 e 9 meses. O que pasa é que moitas destas enfermidades son enfermidades de pobres. En África moitos teñen sida e inféctanse se tuberculose e é un círculo vicioso; un caldo de cultivo perfecto para que a enfermidade sexa moito máis grave. E as bacterias multirresistentes aos antibióticos, que xa chegamos tarde.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. O Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades ( ECDC) lanzou unha avaliación do risco, no que destaca que existe un risco potencial de transmisión de humano a animal en Europa, por tanto, “necesítase unha estreita colaboración intersectorial entre as autoridades de saúde pública humana e veterinaria que traballen desde unha perspectiva One Health” para atender ás mascotas expostas e evitar que a enfermidade se transmita á fauna silvestre. Iso si, sinalan que non teñen coñecemento ata a data de ningunha infección en animais (mascotas ou animais salvaxes) na Unión Europea.

    “As autoridades de saúde pública deben traballar xunto coas autoridades veterinarias para garantir que exista a capacidade de poñer en corentena e realizar probas a animais de compañía mamíferos que estivesen expostos ou estean en risco de exposición, é dicir, mascotas dun contacto próximo dun caso MPX”, explican.

    O centro de prevención de enfermidades apunta que se sabe pouco acerca da idoneidade das especies de animais peridomésticos (mamíferos) europeos para converterse en hospedadores do virus das vexigas do mono.

    Con todo, subliña que é probable que os roedores, e en particular as especies da familia Sciuridae (esquíos), sexan hóspedes adecuados, máis que os humanos, e que a transmisión de humanos a mascotas é “teoricamente posible”.

    “Tal evento indirecto podería levar potencialmente a que o virus se establecese na vida silvestre europea e a enfermidade convertésese nunha zoonosis endémica. Nos EE. UU., non hai evidencia de que o virus se haxa volto enzoótico na fauna silvestre, con todo, as autoridades de saúde animal levaron a cabo unha vixilancia sistemática e unha campaña agresiva para os animais expostos durante o brote de 2003. A probabilidade deste evento indirecto é moi baixa”..

  2. O concepto “One Health”, Salud Humana-salud Animal y Salud Medioambiental, precísa da existencia de equipos multidisciplinares e interdisciplinares (veterinarios, microbiólogos, inmunólogos, bioquímicos, xenetistas, zoólogos, ecoloxistas, ecoloxistas, estatísticos, etc.), para previr e combater as zoonoses e onde os veterinarios teñan unha especial relevancia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo