A biorremediación das augas: o superpoder das microalgas

Estudantes do IES Frei Martín Sarmiento compiten en Pontenciencia cunha investigación sobre a eliminación de contaminantes con Scenedesmus sp

Poden algúns microorganismos mellorar a calidade das augas? Poden eliminar   contaminantes? Pódese cuantificar a súa eficacia? Teñen o “superpoder” da biorremediación? Catro estudantes do Club de Ciencia do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra: Carmen Portela Medraño, Huda El Adrani Abibou (as dúas de 4º da ESO) , Laura Louro Esperón e Alberto Riveiro González (de 1º de Bacharelato), baixo a dirección da profesora Chus Doval Caramés, dan resposta a estas cuestións cunha investigación centrada na microalga Scenedesmus sp.

Durante máis de dous meses —e dentro do proxecto Pontenciencia— desenvolveron o proxecto Biorremediación coa microalga Scenedesmus sp, a elixida tras investigar que o ser vivo máis utilizado para eliminar contaminantes das augas eran as microalgas e, dentro destas, as especies do xénero Scenedesmus. E máis, após constatar que podían ter acceso a mostras deste microorganismo, solicitándoas ao Banco Español de Algas (BEA) da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Coa recepción dunha mostra numerada, con dúas alícuotas, comezou a fase experimental do proxecto co fin de determinar se a microalga Scenedesmus sp elimina (metaboliza) nitratos, amonio e fosfatos en distintos tipos de augas contaminadas” (hipótese)”.

Publicidade

O proxecto concorre, xunto con outros 12, aos Premios de Investigación “Homenaxe á muller investigadora” para alumnado de Secundaria

Os estudantes tomaron mostras das augas dos ríos Os Gafos de Pontevedra (no seu tramo urbano) e Almofrei, á altura de Carballedo, onde verten de novo ao leito as augas usadas na piscifactoría do lugar e tamén dunha fosa séptica. Ademais recrearon con refugallos de peixe unha mostra das augas dunha peixaría, xa que estes establecementos verten directamente á rede de sumidoiros. De maneira paralela, cultivaron as mostras de alga co fin de ter materia dabondo para experimentar e avaliar o seu poderío biorremediador en distintos escenarios.

Unha vez preparadas as augas e o cultivo, engadiron as mostras de Scenedesmus sp ás augas e comezou a monitorización do proceso que probaría —ou non— a capacidade limpadora” das algas. Cal foi o comportamento da microalga en cada unha das augas? Validouse a hipótese de partida ou quedou refutada? Mellorou a calidade das augas analizadas ou non? Foi un comportamento idéntico en todos os casos ou rexistráronse resultados diferentes? 

Publicidade

As conclusións —e o camiño que lles levou a elas— serán presentadas na IX Feira da  Miniciencia-Pontenciencia 2022, que se celebrará na capital do Lérez os días 27 e 28 de maio, co lema Que o coñecemento non pare. “Spoiler”: si, a  micro-alga Scenedesmus  sp minora os nitratos, amonio e fosfatos, en distinta medida, nos diferentes tipos de auga contaminadas.

Traballo de laboratorio dos alumnos.

O interese pola ciencia e o coidado do medio ambiente guían este proxecto que opta aos Premios de Investigación Homenaxe á Muller Investigadora para alumnado de Secundaria de Pontenciencia, un evento promovido polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt). Os premios están patrocinados polas empresas Cristalería Pontevedresa, Marine Instruments, Hifas da Terra, Viaqua e  Setga.

Defensa dos seus traballos

En total son 13 as investigacións realizadas por alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato de 9 centros educativos da cidade presentadas ao certame. O venres 27, as autoras e autores defenderán os seus traballos diante do xurado cualificador e darán todo tipo de explicacións ás persoas que se acheguen ás casetas que terán na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, sede de Pontenciencia, a partir das 18.30 horas. Son conscientes de que a divulgación forma parte do método científico e que pode axudar a incentivar o interese dos mozos e mozas polo mundo da ciencia, a tecnoloxía e a innovación e, sobre todo, están orgullosos de compartir o traballo realizado: serio, rigoroso e profesional.

Pero a exposición de Pontenciencia-2022: Que o coñecemento non pare! abrirá as súas portas ao público ás 10.00 horas do próximo venres e durante dúas xornadas poderase coñecer, ademais dos proxectos realizados polos estudantes de Secundaria; as 18 investigacións desenvolvidas por alumnado de Primaria de dez centros educativos da cidade (sección Ciencia no cole) e as catro experimentacións feitas na casa por nenos e nenas e proxenitores e que involucrou a unha ducia de de grupos familiares (sección Ciencia en Familia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico