Xoves 25 Abril 2024

Un proxecto investiga os segredos do tumor máis antigo do mundo

O tumor máis antigo do mundo ten 11.000 anos e afecta a cans en calquera parte do mundo. Para sobrevivir durante todo este tempo agocha un segredo: trátase dun cancro transmisible, isto é, salta dun individuo a outro pero non hereditariamente nin por virus. No caso deste tumor en concreto faino por vía sexual, pasando dun can a outro. Os cancros transmisibles son pouco frecuentes, sobre todo seres humanos, pero “tremendamente interesantes”, explica o científico José Tubío, e por iso decidiu orientar a súa carreira investigadora a estudar as características desta enfermidade en diferentes especies. O Mineco vén de concederlle unha axuda de 177.000 euros a través do Programa Estatal de Fomento da I+D+i de Excelencia para investigar este tumor de 11.000 anos durante os próximos tres anos.

Especializado na xenómica do cancro, Tubío destaca que os cancros transmisibles en humanos son esporádicos e teñen unha orixe artificial, como un transplante de órganos enfermos ou dunha transfusión de sangue con leucemia, por exemplo. No caso dos animais dáse de xeito natural, e supón un campo de estudo moi interesante.

Publicidade

Antes de chegar neste 2016 á Universidade de Vigo, o científico galego estudaba en Cambridge o cancro transmisible que afecta ao demo de Tasmania, que está a poñer en serio perigo a supervivencia da especie. “O tumor afecta á cara e á boca e, dado que son animais moi agresivos, transmítense a enfermidade ao morderse nestas partes durante as pelexas”, explica e lembra que este cancro é recente, “só hai 30 anos que se ten constancia del”. O outro caso máis coñecido de cancro transmisible é o dos cans, que en contraste co dos demos de Tasmania, é o máis antigo do mundo. “Orixinouse hai arredor de 11.000 anos, cando os cans non eran animais domésticos e se semellaban máis aos lobos”, sinala Tubío, que engade que se estima que naquel momento habitaban posiblemente na zona de Mongolia. “Este tumor é moito máis interesante porque ten unha distribución global, está en todo o planeta e afecta a todas as razas de cans”e apunta que se trata dun cancro que afecta á zona xenital e se transmite a través das células canceríxenas durante o coito.

O estudo evolutivo deste cancro contaxioso foi publicado na revista Science

 A datación deste cancro fíxose a través dun estudo evolutivo no que tamén participou o propio investigador e que foi publicado hai dous anos na revista Science. Recadáronse 1000 mostras de todo o mundo e seleccionáronse dúas de zonas moi diferenciadas: Brasil e Australia. Secuenciouse o seu xenoma a través de metodoloxías de datación evolutivas baseadas en cambios xenómicos de ambos cancros, o que permitiu facer unha estima de cando se orixinou e púidose datar en hai 11.000 anos.

O xenetista destaca que “a única forma de que un cancro poida vivir tanto tempo é que se transmita dun individuo a outro, doutro xeito morrería ao falecer o paciente, que é o que pasa na especie humana”. Neste sentido sinala que o estudo se centrará en analizar como se comportan os elementos transpoñibles, “secuencias de ADN que teñen a capacidade de moverse, de saltar dun lado a outro”. Como explica o científico, nunha célula normal os elementos transpoñibles están parados, pero cando a célula se volve cancerosa “estes elementos comezan a saltar e a provocar mutacións que pensamos que poden ser importantes na orixe ou evolución do cancro en humanos”.

Afondar neste eido permitirá, segundo Tubío, averiguar como sería a relación entre cancro e doente nun tempo moi longo de evolución. “Xorden preguntas sobre o cancro en humanos que non podemos responder se non é estudando este tipo de cancros transmisibles e, para facelo temos un modelo estupendo neste cancro en cans, con 11.000 anos de vida”, xa que estas secuencias transpoñibles son moi semellantes ás dos humanos. Explica que “as secuencias cando se mobilizan son prexudiciais para nós, pero para o cancro poden ser beneficiosas, xa que canto máis muta máis asegura a súa pervivencia, precísao para medrar e evolucionar”. Isto sucede “ata un límite”, porque esas mutacións poden terminar por matar o cancro, de aí a súa importancia para o estudo do cancro humano. “Para manterse ao longo de tanto tempo cremos que tivo que darse un equilibrio, no que os elementos transpoñibles tiveron que baixar a súa agresividade e este equilibrio entre elementos transpoñibles e cancro non o vemos entre humanos, pero si se pode dar nun cancro de 11.000 anos”, salientando que coñecer ese punto intermedio pode axudar a obter un modelo dese equilibrio nun cancro humano se puidese vivir tanto tempo.

 As instalacións da UVigo permitirán que sexa un proxecto 100% vigués

 Este estudo, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros tres anos, avanzará en paralelo a outras liñas de investigación, principalmente centradas no eido mariño. “A miña principal liña de traballo nos próximos anos será o cancro transmisible en animais mariños, unha liña na que quero especializarme e que servirá para diferenciarme do resto dos investigadores”. Salienta que mentres que noutros estudos depende de mostras que deben ceder outras universidades e institucións, no caso dos animais mariños a Universidade de Vigo conta con instalacións que lle permitirá que o proxecto sexa 100% vigués, “e ese é un dos motivos que me fixo virme a Vigo”, conclúe.
De feito, esta nova liña é a súa aposta para convocatoria Starting Grant do ERC, que se resolverá ao longo do verán e na que está entre os finalistas para esta prestixiosa bolsa europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Ratos impotentes teñen ereccións tras aumentar unhas células do pene

A revista 'Science' publica un estudo en roedores transxénicos aos que se lles incrementou o número de fibroblastos