Un proxecto de biotecnoloxía da Fundación Profesor Novoa Santos, liderado polo investigador coruñés Germán Bou Arévalo, foi seleccionado pola Obra Social la Caixa e Caixa Capital Risc dentro do seu programa CaixaImpulse.
O proxecto da Fundación Novoa Santos -unha plataforma tecnolóxica para o deseño de vacúas bacterianas coas que tratar as infeccións, especialmente as causadas por microorganismos multirresistentes– é o segundo seleccionado dentro deste programa. Na súa edición anterior o Grupo de Oncoloxía Médica Transaccional do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Chus) traballou nun kit de diagnóstico de gran sensibilidade para a predición do cancro colorrectal metastásico.
CaixaImpulse é o primeiro programa integral en España para a creación de empresas biotecnolóxicas, e ten como obxectivo impulsar a transformación do coñecemento científico en empresas e produtos do campo das ciencias da vida e da saúde que xeren valor na sociedade.
Caixaimpulse é o primeiro programa integral para crear empresas biotecnolóxicas
Jordi Portabella, director da área de Investigación e Coñecemento da Fundación Bancaria la Caixa, e Carlos Trenchs, director xeral de Caixa Capital Risc, presentaron os 20 proxectos seleccionados na segunda convocatoria do programa CaixaImpulse.
O programa CaixaImpulse seleccionou 20 iniciativas entre as 73 presentadas por distintos centros de investigación, hospitais e universidades. Os proxectos pertencen a diferentes comunidades do Estado: Andalucía (1), Cataluña (16), Galicia (1), Navarra (1) e Valencia (1). Todas as propostas enmárcanse nos ámbitos das ciencias da vida e as ciencias médicas e da saúde, e queren achegar innovacións e produtos para tratar patoloxías como a fibrosis quística, o cancro endometrial, lesións de xeonllo, a leucemia, infeccións multirresistentes, etc.