Un proxecto da UE financia a procura de fármacos antitumorais desde Santiago

A liña de traballo do grupo de Células Nai en Cancro e Envellecemento, do IDIS, podería achegar tratamentos contra o cancro máis potentes e menos tóxicos

O grupo de Células Nai en Cancro e Envellecemento do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago acadou financiamento a través do programa EU-OPENSCREEN-DRIVE da Unión Europea para desenvolver unha procura masiva de novos compostos que poderían ser útiles na terapia fronte ao cancro. Tal e como explica o director do grupo, Manuel Collado, a quimioterapia do cancro ten o potencial de controlar o crecemento tumoral e, combinada con radioterapia e cirurxía, pode conducir á erradicación dalgúns tipos de tumores. “Con todo, a quimioterapia ten algunhas limitacións, moitos dos medicamentos contra o cancro actuais non logran matar eficazmente as células tumorais e producen efectos secundarios severos nos pacientes”, explica Collado. Ademais, segundo engade o científico, “con frecuencia, os pacientes que mostraron unha resposta terapéutica positiva inicial sofren unha recaída, e os novos tumores amosan un comportamento máis agresivo”.

A investigación abordará deste xeito o vínculo entre o efecto da quimioterapia na senescencia celular, que podería estar detrás da maior agresividade dos tumores. Segundo explican desde o IDIS, moitos destes efectos atribuíronse á indución dunha resposta particular desencadeada pola quimioterapia nas células tumorales, a coñecida como senescenci. E abordar esta cuestión podería achegar novas oportunidades, xa que a combinación de quimioterapia con novos medicamentos que poden matar especificamente as células senescentes, coñecidos como senolíticos, promete novos tratamentos contra o cancro máis potentes e menos tóxicos.

Publicidade

Desde o laboratorio do IDIS, en colaboración co grupo BioFarma do CIMUS da USC que dirixe a catedrática Mabel Loza, conseguiron desenvolver un sistema de procura masiva de compostos químicos con actividade senolítica que xa deu os seus primeiros froitos. Usando este sistema, a finais do ano pasado, os investigadores identificaron unha familia de compostos, os glucósidos cardíacos, que demostraron ter capacidade senolítica.

Agora, a procura de novos fármacos senolíticos recibiu un pulo moi importante coa aprobación dun proxecto da Unión Europea que permitirá que os investigadores do IDIS usen o seu sistema na Unidade de Cribado do Leibniz Forschungsinstitut für Molekulare Pharmakologie (FMP) de Berlín. Trátase dunha das plataformas de cribado seleccionadas pola Unión Europea para realizar este tipo de proxectos, cunha librería de 120.000 compostos.

Publicidade

O laboratorio de Collado presentou un dos 12 proxectos seleccionados na convocatoria EU- OPENSCREEN- DRIVE e participou propoñendo a procura de compostos senolíticos para mellorar a terapia dos tumores máis agresivos de mama. Actualmente estes tumores benefícianse do recente desenvolvemento duns novos fármacos baseados na inhibición duns encimas responsables da división das células tumorais. “Con todo, observouse que con frecuencia esta terapia induce senescencia celular no tumor, o que podería limitar a súa eficacia. Atopar novos compostos senolíticos capaces de eliminar selectivamente a estas células supoñería un avance na terapia do cancro do cal se beneficiarían multitude de pacientes”, subliña Collado. A crise desatada como consecuencia da pandemia da Covid-19 atrasou o posta en marcha do proxecto que agora retoma a súa actividade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Como o abandono da dieta atlántica (e a falta de exercicio) converten Galicia no reduto da obesidade

A investigadora Ana Crujeiras coordina un congreso para abordar os novos avances e desafíos no tratamento da adipose

BioFarma, Alén Space e Neutron Insights reciben os Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Representantes institucionais, académicos e empresariais asistiron ao acto de entrega dos galardóns, que se celebrou en Santiago

BioFarma, a procura permanente da excelencia na investigación farmacéutica 

O grupo dirixido pola investigadora Mabel Loza obtivo o Premio GCiencia Galicia Spin-Off na categoría Grupos de Investigación