Investigadores do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Foto: Sergas.
Investigadores do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Foto: Sergas.

Unha tese realizada en Vigo identifica posibles marcadores da esquizofrenia

A investigación de Daniela Rodriguez Amorim, do Instituto Galicia Sur, ten aplicabilidade inmediata na práctica clínica e repercusión directa no paciente

Aínda que a esquizofrenia é un trastorno en moitas ocasións incapacitante, o diagnóstico e o tratamento precoz permite reducir o impacto do trastorno e proporcionar unha mellor calidade de vida ao paciente. Neste contexto cobran especial relevancia os resultados de estudos como o levado a cabo pola científica Daniela Rodrigues-Amorim, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, autora dunha tese de doutoramento defendida na Universidade de Vigo na que conseguiu identificar varios biomarcadores en sangue que poden axudar aos psiquiatras nos seus diagnósticos e a decidir o mellor tratamento para cada paciente.

“Trátase de conseguir desenvolver un panel de biomarcadores en sangue que axuden aos psiquiatras no seu traballo diario para diagnosticar, tratar e entender a evolución desta enfermidade, cunha aplicabilidade inmediata na práctica clínica e unha repercusión directa no paciente”, explica a investigadora, ao que engade que o obxectivo era buscar moléculas en mostras de sangue que axudasen no diagnóstico, prognóstico e recoñecemento dun patrón neurodexenerativo da esquizofrenia.

As alucinacións, os delirios, a desorganización do pensamento e a linguaxe e comportamentos estraños son algúns dos síntomas máis comúns dunha enfermidade que acostuma traer consigo importantes dificultades, tanto a nivel persoal, como familiar e social para quen a sofre. A súa orixe asóciase a factores diversos, uns intrínsecos (como a herdanza xenética, por exemplo) e outros extrínsecos (como o estrés, abuso de substancias, infeccións virais ou complicacións obstétricas). Administrar un tratamento adecuado para frear ou retardar a progresión da doenza é un paso crucial para diminuír o deterioro cognitivo, funcional e social que sofre o paciente co paso do tempo.

Dirixida polos doutores José Manuel Olivares e Carlos Spuch do Grupo de Neurociencia Traslacional do IISGS, con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro, a tese deu lugar xa a diferentes publicacións científicas. Na primeira publicación describían tres moléculas que poderían medirse en sangue como potenciais biomarcadores de diagnóstico e prognóstico na esquizofrenia. Posteriormente, identificáronse outras tres moléculas asociadas á neurodexeneración nesta enfermidade, nun grupo particular de pacientes que presentaban unha evolución máis grave do trastorno, asociada á falta de resposta ao tratamento habitual. Este segundo achado, tamén publicado nunha prestixiosa revista da especialidade, supón un avance na comprensión da esquizofrenia e a identificación de tres potenciais biomarcadores de neurodexeneración e progresión do trastorno.

Por último, o grupo identificou outras catro moléculas asociadas ao dano neuronal, permitindo xerar unha nova teoría sobre a orixe da esquizofrenia, segundo a cal, compoñentes que están entre as células (denominado matriz extracelular) poderían provocar as alteracións no funcionamento das mesmas. Este último achado foi xa aceptado para a súa publicación na revista Cellular and Molecular Neurobiology (2021). Nesta liña o director do grupo, o doutor Olivares, conclúe que “como sucede cos traballos de investigación que buscan respostas a problemas científicos, esta tese ábrenos a porta a outras incógnitas aínda máis excitantes, xa que supón o primeiro paso para poder desenvolver sistemas de detección con axuda da nanotecnoloxía e os biosensores, e por que non, abrir a porta a unha nova hipótese sobre a posible orixe molecular da esquizofrenia”.


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.