Venres 26 Abril 2024

Abril, mes clave da vacinación: entre limitacións e primeiros sinais de esperanza

O descenso abrupto de casos graves nas residencias contrasta coa lentitude da protección ás persoas de maior idade, máis vulnerables fronte á Covid-19

Hai moitos aforismos relacionados cos medios de comunicación que sosteñen que as boas noticias no funcionan tan ben como as malas. A pesar do fito científico de obter varias vacinas contra a Covid-19 apenas un ano despois do estourido da pandemia, as limitacións na produción e outros factores xeopolíticos están a provocar un amplo malestar na sociedade. Ademais de que moitos países en vías de desenvolvemento se atopan, por agora, cun subministro mínimo de doses -o que freará a superación da pandemia nestes lugares- os primeiros prazos marcados por institucións como a Unión Europea non chegan a cumprirse, e ponse constantemente en dúbida o horizonte de que un 70% da poboación comunitaria estea protexida contra os casos graves de Covid-19 antes do último trimestre do ano. Neste escenario, e coa chegada de millóns de doses de Pfizer-BioNTech, Moderna, AstraZeneca e Janssen (as catro que xa superaron a revisión da Axencia Europea do Medicamento), abril vai ser o mes no que, de cumprirse as previsións, a vacinación da poboación acadará un maior ritmo.

Deste xeito, xa quedan lonxe os titulares que situaban avanzado 2022 ou mesmo 2023 o momento no que unha proporción de habitantes suficiente, tanto en Galicia como en España e Europa, acadase inmunidade fronte ao SARS-CoV-2. As últimas estimacións (que caducan en pouco tempo, polo aceleramento dos últimos días, con récords de doses inxectadas en España) sitúan xa esta data cara a finais de 2021 ou comezos de 2022. E probablemente se siga achegando a maior velocidade nas próximas datas.

Publicidade

Como está agora mesmo a vacinación?

Na tarde do luns, o Ministerio de Sanidad actualizou o informe de vacinación en España. En Galicia, cos datos pechados o domingo 4, un 6,3% da poboación, isto é, 171172 persoas, recibiron xa as dúas doses dalgunha das vacinas. Tal e como se pode ver nos últimos informes, facilítase tamén o número de xente que recibiu, canto menos, unha das doses. En Galicia son xa 369551 cidadáns e cidadás, o que supón preto do 13,7% do total. Esta é a evolución con datos do domingo 4 de abril:

Cómpre ter en conta, con todo, que na actualidade as vacinas só están autorizadas para persoas maiores de 16 anos (no caso de Pfizer-BioNTech) e 18 (para Moderna, AstraZeneca e Janssen). Deste xeito, o obxectivo de persoas a vacinar para as autoridades sanitarias enfócase na poboación maior desta idade. Así, no caso de Galicia a  son 2.362.643 persoas (de 2,7 millóns de habitantes) e algo máis de 40 millóns en España (47,3 millóns en total).

Por idades, Galicia xa supera o 80% de cobertura, con polo menos unha das doses, nas persoas maiores de 80 anos, o grupo etario que concentra máis do 80% dos falecementos por Covid-19. E un 37,7% xa recibiu as dúas inxeccións. Esta parte da poboación viu acelerada a súa protección nesta última semana, xa que segundo datos facilitados pola Consellería de Sanidade este luns, 37000 maiores desta idade recibiron a primeira dose e outros 15000, a segunda.

Neste rango de idade, segundo Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, onde se deberían facer maiores esforzos por parte de Sanidade. “A centralización das vacinacións nas cabeceiras de comarca, ás veces a 30 ou 40 km de onde viven estas persoas, dificulta o desprazamento e pode causar unha cobertura menor. Hai que poñer máis equipos e recursos a vacinar“.

A eiva mantense, por agora, no grupo de entre 70 e 79 anos, que representou en Galicia case un 20% dos falecementos desde o comezo da pandemia, pero só o 1,7% recibiu canto menos unha das inxeccións e apenas un 1,5% ten xa as dúas. Amais, as previsións para as vindeiras semanas deixan un oco entre as persoas de entre 65 e 75 anos, que non poden recibir as doses de AstraZeneca segundo a estratexia de vacinación, e tampouco recibirán, por agora as de Pfizer-BioNTech e Moderna, centradas por agora nos maiores de 80 anos.

Estes son os datos da vacinación por idade ata o domingo 4.

Cales son os condicionantes para acelerar a vacinación?

Na comparecencia deste luns, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, situou “a mediados de abril” a data para acadar a inmunización coas dúas doses do 80% os maiores de 80 anos en España. E expuxo, do mesmo xeito, que se mantén o obxectivo do 70% de vacinación cara ao final do verán de 2021.

Para Federico Martinón, xefe de servicio de pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago e membro do comité asesor de vacinas da Organización Mundial da Saúde (OMS) “o principal colo de botella para cumprir con este  é a chegada de doses suficientes”. Explica que “ata agora non houbo problemas de capacidade do sistema para a administración de doses, isto é: se máis vacinas houbese, máis xente as recibiría”. Fronte á chegada dun maior número de fármacos, Martinón sostén que “tanto Galicia como España teñen capacidade suficiente para acometer a vacinación masiva” e cumprir así cos obxectivos marcados pola UE. Neste sentido, engade Martinón, os requerimentos das novas vacinas que vaian chegando, que non precisan de tanta refrixeración e poden conservarse durante máis tempo, permitirá axilizar tamén a administración.

As estimacións para as vindeiras semanas e meses, sumando a chegada das doses de Janssen a partir da semana que vén e a posible autorización da fórmula de CureVac en maio por parte da UE, poderían cuadriplicar o volume de doses respecto ao primeiro trimestre do ano e, deste xeito, dar un pulo moito maior ao ritmo de vacinación.

Nova campaña “masiva” e aumento no reparto

No marco da estratexia de vacinación marcada acordada polas comunidade autónomas e o Goberno español, a Consellería de Sanidade iniciará este martes unha nova “vacinación masiva” que durará ata o domingo 11 de abril. A novidade é que se acometerá a protección de 90000 persoas nacidas entre os anos 1942 e 1946 (entre 75 e 79 anos) coa fórmula de Pfizer-BioNTech, un grupo que ata agora recibiu unha proporción moi pequena destas doses. Ademais, tamén se citará a 55000 persoas que naceron entre 1956 e 1961 (entre 60 e 65 anos) coa de AstraZeneca. Para este obxectivo de inxectar 145000 doses en seis días habilitaranse 14 puntos de vacinación nas sete áreas sanitarias. Esta nova rolda é posible despois do reparto de máis de 163000 doses de Pfizer-BioNTech (105300) e AstraZeneca (58400) entregadas polo Goberno á Xunta desde o pasado venres.

Tal e como avanzou o Ministerio de Sanidad a pasada semana, despois da última actualización da estratexia, engadiranse aos grupos prioritarios de vacinación outros colectivos considerados de “moi alto risco”, como os pacientes con cancro, trasplantados, con VIH, en diálise, con algún tipo de inmunodeficiencia ou as persoas con síndrome de Down de 40 ou máis anos.

Sanidad priorizará vacinar a 350.000 persoas polas súas enfermidades

As residencias: case desaparecen os casos graves

Desde o pasado 25 de marzo, a Consellería de Sanidade non notifica ningún novo falecemento por Covid-19 nos centros residenciais de Galicia. Se no conxunto da pandemia a cifra de óbitos vinculados a estes centros suman arredor dun 40% do total, a inmunización das últimas semanas reduce estas mortes ao mínimo. Só se confirmaron dous óbitos vinculados ao brote da residencia de Silleda, con 33 usuarios, case todos asintomáticos que xa superaron a infección. Os dous falecidos tiñan diagnóstico positivo de Covid-19 pero, segundo varias fontes, poderían ter falecido por patoloxías non asociadas á infección. A última morte anterior a este brote produciuse a comezos de marzo na DomusVi de Laraxe (Cabanas).

Segundo os mesmos datos achegados pola Xunta a Sanidade, un 94,9% da poboación institucionalizada recibiu as dúas doses, e un 99,1% recibiu polo menos unha. As excepcións son, segundo destaca o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, os residentes e traballadores que se incorporan a estes centros, cuxa vacinación non se completou polo momento. A esta situación vincúlanse, segundo Vázquez, os brotes detectados en residencias de en Silleda e Xinzo. Así, este luns só había tres casos activos nas residencias. Os tres, de traballadores. Son apenas un 0,13% do total de Galicia, fronte ao preto do 30% que se acadou durante a terceira onda a finais de xaneiro.

Os casos activos en residencias son un 0,13% do total, fronte ao case 30% de finais de xaneiro

Deste xeito, o observado nas residencias de Galicia vai en consonancia cos primeiros estudos observacionais en colectivos e rexións cunha maior cobertura vacinal. “Estamos a ver claramente que unha altísima porcentaxe das persoas non van ter apenas síntomas en caso de infectarse. E aínda que hai dúbidas sobre a posible transmisión, a capacidade de contaxio sería moito menor nestas persoas”, engade Miguel Ángel Vázquez.

A porcentaxe para a ‘inmunidade de grupo: unha protección global

Desde o comezo das campañas de vacinación, as autoridades sanitarias marcaron como cifra de referencia para a chamada “inmunidade de grupo” o 70% da poboación. Mais, como destaca Federico Martinón, trátase dunha estimación “puramente teórica”. Explícao: “Ninguén sabe con exactitude o número ao que hai que chegar. O 70% está calculado a partir do índice de reprodución do virus, que no caso do SARS-CoV-2 é de entre 2 e 4 persoas infectadas por cada caso primario. Pero isto depende de moitos máis factores, como a posibilidade de que o virus experimente novas mutacións, dos grupos de persoas que se vacinen, de como se estenda a vacina polo planeta…”.

E tal e como lembra Martinón, a protección mantense tamén na meirande parte das persoas que xa superaron a infección e desenvolveron memoria inmunitaria contra o SARS-CoV-2, sobre todo no caso das persoas menores de 65 anos. Así, a evidencia dispoñible levou a establecer na estratexia de vacinación que a xente de menos de 65 anos que superase a Covid-19 reciba unha soa dose seis meses despois do diagnóstico, o que as sitúa fóra dos grupos de maior prioridade.

Deste xeito, Martinón avoga por “vacinar o maior número de persoas o máis rápido posible” para chegar canto antes a un escenario máis optimista. “Hai que ter en conta tamén a capacidade da vacina para interromper a transmisión. Aínda que non a elimina totalmente, xa estamos a ver datos preliminares que nos din que a vacinación pode ter un certo impacto na transmisión, porque a xente inmunizada contaxia menos”.

Esta protección, ao mesmo tempo, ten máis consecuencias, segundo destaca o experto. “O feito de centrar a vacinación nos grupos de máximo risco vai reducir o número de mortes e hospitalizacións, pero acadar unha protección ampla na poboación fará posible tamén que o virus deixe de multiplicarse e, deste xeito, ter menos oportunidades de mutar e xerar novas variantes. Por iso é tan importante”.

Fronte a isto, Martinón sinala que a cobertura de boa parte da poboación non se debe cinguir nin a Galicia, nin a España, nin a Europa. “Isto non vai acabar ata que a última persoa que teña que ser vacinada se vacine. Ten que haber unha protección global. Se non o facemos, o virus pode ter vía libre para evolucionar noutras rexións do planeta, chegar aquí e atoparse de novo con poboación susceptible a estes cambios”, advirte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid

Un estudo galego revela que as persoas con demencia teñen máis sensibilidade á música

O proxecto Sensoxenona evidencia que a música “afina” a expresión dos xenes alterados en pacientes con enfermidades neurodexenerativas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes