Venres 19 Abril 2024

Suspensión de patentes: vontade e recursos para acadar canto antes a fin da pandemia

A vontade dos Estados Unidos de abordar a medida xera un debate mundial, ao tempo que a vacinación nos países con menos recursos segue sen avanzar

A campaña de vacinación contra a Covid-19, con todo os beneficios que xa está xerando nunha parte do planeta, volve amosar as fendas dun sistema económico que segue deixando a moitos millóns de persoas atrás. O fito científico de estar, en pouco máis dun ano, administrando centos de millóns de doses que xa evitan miles de mortes todos os días queda, en parte, ensombrecido polo nulo acceso ás vacinas en moitos países. Nesta semana, o apoio por parte do Goberno dos Estados Unidos a suspender as patentes das vacinas para axilizar a súa produción de distribución, e a vontade da Unión Europea a debater este escenario, están a xerar moitas reaccións. Con todo, o asunto ten moitas arestas, que implican cuestións científicas, pero tamén económicas e políticas.

O anuncio dos Estados Unidos

A emerxencia global da Covid-19 levou a que desde hai meses, a medida que ían avanzando os ensaios clínicos das vacinas contra o coronavirus, numerosos países comezasen a mover fíos para suspender a propiedade intelectual das vacinas e garantir a súa distribución. Unha iniciativa liderada por India e Sudáfrica na Organización Mundial do Comercio (OMC) solicitaba esta medida, que foi apoiada pola meirande parte dos países en vías de desenvolvemento (en África, Centro e Suramérica e Asia), pero rexeitada polos países da UE e outras potencias como Estados Unidos, Brasil, Xapón ou Australia.

Publicidade

Porén, esta semana, o Goberno estadounidense dirixido por Joe Biden anunciou que mudaba a súa postura. Argumentaba que “as circunstancias extraordinarias da Covid-19 requiren medidas extraordinarias. A Administración cre fortemente na protección da propiedade intelectual, pero para conseguir que esta pandemia acabe, apoia a suspensión desta protección para as vacinas contra a Covid-19”, di o comunicado asinado pola súa representante de Comercio, Katherine Tai. Este movemento levou a que India e Sudáfrica modificasen a súa proposta, e a OMC aprazase a xuño a reunión na que se poderían dar pasos clave cara a posible suspensión das patentes.

A mensaxe xerou unha sucesión de reaccións en todo o planeta. O presidente da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, congratulouse do anuncio, expoñendo que a suspensión das patentes “será moi importante para incrementar a capacidade de produción a acadar a equidade no acceso ás vacinas; é o interese de todos os países. Estamos nisto xuntos”, dixo.

A Unión Europea, a través da presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, manifestou a súa vontade de debater a proposta do Goberno de Biden, tomando en consideración “calquera proposta que aborde a crise de maneira eficaz e pragmática”.

Mais tamén houbo reaccións negativas desde a industria farmacéutica. A Federación Internacional de Fabricantes e Asociacións Farmacéuticas (IFPMA) cualificou de “decepcionante” o anuncio dos Estados Unidos, o que “non aumentará a produción de doses”, ao seu xuízo, e “pode levar á desorganización“.

Queda por diante un longo camiño de diálogo, vontade e tamén recursos para conseguir superar a limitada protección contra a pandemia en boa parte do mundo. Porén, a realidade e os datos son claros: menos do 1% da poboación dos países de baixos ingresos recibiu ata agora a vacina contra o coronavirus.

Que pode pasar agora?

“É o primeiro de tres pasos”, explicou a Nature Rachel Cohen, directora nos Estados Unidos da iniciativa Drugs for Neglected Diseases, unha organización que avoga por facilitar o acceso a fármacos en doenzas desatendidas. Ademais da suspensión das patentes, Cohen engadía que o segundo paso era “transferir o coñecemento sobre como fabricar as vacinas e o terceiro paso, un investimento masivo na capacidade de produción“.

Na dificultade de superar estes dous obstáculos incidía a semana pasada, nun encontro con GCiencia, o investigador Federico Martinón, membro do comité asesor de vacinas da OMS. “Isto non é a tortilla de patacas da avoa; fabricar unha vacina é tremendamente complexo, aínda que teñas a pauta, os ingredientes… En Europa hai 30 fábricas capaces de producir vacinas, en España só unha, a de Biofabri-Zendal, pode producir antíxenos. Aínda tendo a fórmula e os cartos, o coñecemento e a capacidade para desenvolvelas non aparece debaixo das pedras, non hai esa formación. Non é tan sinxelo como parece”.

Con todo, as implicacións económicas e políticas do debate provocan que as visións sexan diversas. E moitas voces advirten que, alén do simbolismo da medida, o paso debe ser tamén efectivo para garantir un aumento da produción e distribución suficiente.

É a única opción?

Xa hai iniciativas internacionais en marcha, como o fondo COVAX (acrónimo en inglés de Fondo de Acceso Global ás vacinas contra a Covid-19), para remitir vacinas aos países con menor capacidade para adquirilas. Porén, as limitacións deste mecanismo, polo momento, son obvias, mentres a pandemia causa importantes estragos na India ou Brasil. Os últimos datos situaban a achega de COVAX a 121 países de todo o mundo en 54 millóns de doses, apenas algo máis do dobre das que recibiu España. Unha cantidade moi importante, e que salva vidas, pero claramente insuficiente para controlar a pandemia á mesma velocidade en todo o mundo.

Esta situación xera, a xuízo de entidades como Salud por derecho, unha vulneración do dereito humano á saúde para moitos millóns de persoas no mundo, segundo advertía nun artigo para a Axencia SINC Vanessa López. Neste sentido, apelaba tamén á responsabilidade social das empresas farmacéuticas, cuxo financiamento na procura de vacinas procedeu principalmente de fondos públicos, como a de AstraZeneca-Oxford.

Sobre posibles alternativas afondaba un recente editorial da revista Nature, que expoñía a opción de que as farmacéuticas cedesen, a cambio dun pagamento, as licencias para fabricar vacinas, o que permitiría aumentar a capacidade de produción, na liña cos grupos de traballo en común que xa impulsa a OMS.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia