Xoves 5 Marzo 2026

Un spray nasal como vacina para combater o Alzhéimer?

O Brigham and Women's Hospital porá en marcha o primeiro ensaio clínico en humanos dun tratamento contra a enfermidade tras 20 anos de investigación

Até fai escasos meses, os tratamentos contra o alzhéimer parecían unha realidade pouco probábel, ben por tratamentos fallidos, ben polo abandono das farmacéuticas. Así, as únicas esperanzas de mellora dos pacientes eran os paliativos que, durante un tempo limitado, diminuían os síntomas da enfermidade, como a perda de memoria, o insomnio e perda da linguaxe ou habilidades de razoamento.

Con todo, o Brigham and Women’s Hospital de Boston (EUA) vai comezar o primeiro ensaio clínico que tentará probar a seguridade e eficacia en humanos dunha nova vacina que, administrada por vía nasal, está destinada a previr e retardar a progresión do alzhéimer. Un fito após case 20 anos de investigación dirixida por Howard L. Weiner, co-director do centro Ann Romney para Enfermidades Neurolóxicas en Brigham.

Publicidade

“O lanzamento do primeiro ensaio humano dunha vacina nasal para o alzhéimer é un fito notable”, explica Weiner. “Ao longo das dúas últimas décadas, acumulamos evidencias preclínicas que suxiren o potencial desta vacina nasal fronte a enfermidade. Se os ensaios clínicos en humanos demostran que a vacina é segura e eficaz, podería representar un tratamento non tóxico para as persoas con alzhéimer, e tamén se podería administrar de xeito precoz para a prevención en persoas en risco“.

Combater as placas beta-amiloide

O ensaio baséase en décadas de investigación que suxiren que estimular o sistema inmunitario pode axudar a eliminar as placas de beta-amiloide do cerebro. Estas placas son unha marca distintiva da enfermidade do alzhéimer. Fórmanse cando se acumulan anacos de proteína beta-amiloide entre as células nerviosas, actuando de disruptivo na capacidade dunha persoa para pensar ou recordar información.

Publicidade

“Tras 20 anos, existe unha evidencia crecente de que o sistema inmunitario xoga un papel fundamental na eliminación do beta-amiloide. Esta vacina aproveita un novo brazo do sistema inmunitario para tratar a doenza”, explica Tanuja Chitnis, doutora en medicina, profesora de neuroloxía no Brigham e investigadora principal do ensaio. “A investigación nesta área abriunos o camiño para buscar unha nova vía para tratar potencialmente non só o alzhéimer, senón tamén outras enfermidades neurodexenerativas“.

A vacina usa o modulador inmunolóxico Protollin, un axente intranasal que estimula o sistema inmunitario. “A idea de activar as células inmunes é cada vez máis central na idea de tratar a enfermidade”, sinala Jeffrey Cummings, profesor de ciencias cerebrais na Universidade de Nevada. Amais, engade que un spray nasal podería ser mellor para administrar o modulador ás células inmunes que unha infusión ou un inhalador.

Composto de proteínas derivadas de bacterias, o Protollin está deseñado para activar os glóbulos brancos que se atopan nos ganglios linfáticos dos lados e parte posterior do pescozo, para migrar ao cerebro e desencadear a eliminación das placas beta-amiloide. O Protollin tense empregado con seguridade en humanos como adxuvante para outras vacinas.

Unha mostra reducida

Pese a todo, a mostra do ensaio é pequena. Así, serán só 16 persoas de entre 60 e 85 anos e con síntomas de alzhéimer as que reciban dúas doses da vacina, cunha semana de diferenza. Antes de que a vacina nasal poida avanzar a ensaios máis grandes, os investigadores deben determinar a súa seguridade, así como a tolerabilidade da dose a administrar.

Os resultados do ensaio poderían servir de indicadores sobre como impedir a progresión da enfermidade, xa que os participantes deben estar na fase inicial da mesma, amais de en boa saúde. O equipo de investigación tamén medirá o efecto do Protollin nasal na resposta inmune dos participantes, incluídos os seus efectos sobre os glóbulos brancos, examinando os marcadores da superficie celular, os perfís xenéticos e as análises funcionais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Doutora, non podo ulir: teño párkinson?

Cando o olfacto se desvanece: como se relaciona a perda do sentido do olfacto e a detección temperá do Párkinson

Os gatos con demencia, unha nova fiestra ao estudo do alzhéimer en humanos

Investigadores da Universidade de Edimburgo revela que os felinos desenvolven cambios cerebrais similares aos das persoas, o que os converte en modelos naturais prometedores para a investigación da enfermidade neurodexenerativa

A innovadora ferramenta galega que acelera o diagnóstico do alzhéimer e do párkinson

Neurocloud procesa de forma automática neuroimaxes e identifica zonas anormais do cerebro para axudar na detección de enfermidades neurodexenerativas

Identificado un mecanismo que contribúe ao desenvolvemento temperán do alzhéimer

As investigacións sobre a proteína SFRP1 indican que podería ser importante nas primeiras fases e abre a porta a novas dianas terapéuticas