Galicia rexistra novos casos de silicose todas as semanas

Ao comezo, o po de sílice é un inimigo invisible. A través das vías respiratorias entra no corpo e, paseniño, vai invadindo os pulmóns, xerando unha pasta mesta e tóxica. Cando o afectado empeza a sentir que algo vai mal (falta de aire, tose persistente, fatiga, malestar xeral) xa é tarde; a silicose é irreversible e, no mellor dos casos, lastrará aos doentes de por vida. Non hai unha cura ou tratamentos específicos, alén do subministro de osíxeno, os medicamentos contra a tose, os broncodilatadores e os antibióticos contra as posibles infeccións pulmonares.

A enfermidade asociouse, sobre todo, coa minaría de carbón en Asturias. Chegou a ser unha auténtica epidemia, con preto de 600 mortos todos os anos durante os anos 60, segundo datos do fondo compensador de pensións. Pero en Galicia o seu impacto tamén foi, e é, bastante salientable. Nas canteiras de granito do Val da Louriña, no sur de Pontevedra, e nas explotacións de lousa no Courel, Lemos e Valdeorras rexistráronse hai centos de traballadores afectados debido á súa exposición á sílice en suspensión.

Publicidade

Interior dunha fábrica de lousa. Foto: Clúster da Pizarra.
Interior dunha fábrica de lousa. Foto: Clúster da Pizarra.

Juan Carlos Giráldez tiña só 35 anos cando lle diagnosticaron silicose. Levaba media vida, desde os 18, traballando nunha canteira de granito na provincia de Pontevedra. As medidas de seguridade eran escasas. “O mellor obreiro era o que menos se queixaba, o que non pedía máscaras para protexerse do po, o que pasaba máis tempo exposto”. Mozos, case nenos, hipotecando o seu futuro e a súa saúde a peito descuberto. Case vinte anos así, ata que nun recoñecemento médico, a Giráldez detéctanlle silicose en primeiro grao.

Hoxe, con só 49 anos, Juan Carlos cánsase como un ancián. “Subir á planta de arriba da miña casa é como subir seis pisos”. A súa silicose xa é de terceiro grao, e a súa capacidade pulmonar está limitada ao 50%. E coma el están moitos compañeiros da mesma xeración. “Case todos os que traballabamos expostos ao po naquel tempo temos hoxe silicose”. Para axudalos, e para evitar que se sigan repetindo casos coma o seu, Juan Carlos preside OSílice, unha asociación que conta con máis de 200 socios, todos enfermos de silicose.  A súa base de operacións está en Porriño, e reúne, sobre todo, a extraballadores do granito, aínda que tamén prestan apoio aos afectados pola minaría de lousa.

Publicidade

A CIG ten constancia de 17 casos só entre xaneiro e marzo de 2017

“Non hai semana na que non teñamos unha declaración de ‘non apto‘ por silicose, e só contando aos nosos afiliados”, denuncia Anxo Pérez, técnico en Prevención de Riscos Laborais e membro da CIG. Só entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste 2017, o sindicato tramitou 27 consultas, das que se diagnosticou silicose en 17: 10 casos de 1º grao, 6 de 2º e 1 de 3º.

Os datos aportados no último decenio polo Instituto Nacional de Silicose (INS) no referente a Galicia corroboran unha situación canto menos preocupante. Entre 2008 e 2012, os diagnósticos aumentaron nun 91,18%. De 34 novos casos en 2008 pasouse a 65 en 2012. Porén, neste último ano houbo un importante retroceso respecto ao 2011, cando se detectaron 90 novos enfermos. Así, o aumento do 2008 ao 2011 foi dun 164,71%. (40 en 2009 e 61 en 2010). E dentro destas cifras non están os diagnósticos feitos directamente polas mutuas, segundo advirten desde a CIG.

Outros estudos do INS centrados en Galicia amosan cifras pouco tranquilizadoras. En 2005, nas canteiras do Porriño, o 17,5% dos traballadores que se someteron a un exame médico (77 de 440) foron diagnosticados con silicose. En Valdeorras, en 2007, diagnosticáronse 25 casos nun total de 398 persoas estudadas (6,3%). Ademais, noutros 98 traballadores detéctanse alteracións radiolóxicas que poderían anticipar a aparición da doenza en próximos anos. Dous anos despois, en 2009, outro estudo en Valdeorras amosa 14 casos de silicose entre 103 traballadores (13,6%), e 22 máis con alteracións radiolóxicas.

O Instituto Nacional de Silicose non aporta datos da doenza desde 2012

Non en tanto, non se pode saber nada sobre os últimos cinco anos xa que non hai datos. A pesar de varias peticións de información desde GCiencia, e tal e como confirman sindicatos e asociacións de afectados que tamén os solicitaron, o INS non publica as súas estatísticas anuais desde 2012.

Porén, a CIG fixo públicos desde entón os datos das consultas e os diagnósticos que xestionaban desde o sindicato. Apuntan que entre 2015 e 2016 enviaron ao Hospital General de Asturias, en Oviedo, onde está o centro de referencia para a doenza, a 100 traballadores para pasar consulta. “Temos constancia de que en máis dun 40 por cento os casos diagnosticouse silicose“. As cifras reais, non en tanto, poderían ser peores: “Nin todos os traballadores nos contan o resultado do diagnóstico, nin o feito de que este ano non estean diagnosticados quere dicir que non lle atopen a doenza ao ano seguinte”, explica Anxo Pérez.

Gumersindo Rego, neumólogo nacido na Fonsagrada, é, segundo a xente que coñece de preto a doenza, unha das persoas que máis sabe de silicose. Atendeu a moitos afectados durante decenios, xa que traballou media vida no Hospital General de Asturias, a onde chegaban mineiros aínda mozos cos pulmóns xa desfeitos pola sílice. Desenvolveu investigacións que se publicaron en revistas como o Journal of Occupational and Enviromental Medicine. Hoxe, xa xubilado, segue sendo unha voz autorizada.

Rego lembra que “cando comezamos a investigar sobre a silicose, non había nada feito; os traballadores enfermaban, pero ninguén sabía que había que facer nin como había que tratalos”. Co seu labor tamén conseguiu que as autoridades sanitarias puxeran tamén o foco na lousa e no granito. Antes, apenas se tomaban precaucións nestas industrias. “Descubrimos que nas canteiras había formas avanzadas de silicose que estaban pasando desapercibidas”.

“O organismo non ten mecanismos de defensa contra a sílice”, explica Gumersindo Rego

Neses casos xa era tarde, porque o po de sílice contaminara moitos pulmóns. Explica Rego que as partículas máis finas son “as máis agresivas”. A sílice é un elemento contra o que o organismo non ten mecanismos de defensa. Só se pode expulsar a través do sistema linfático, coa expectoración, pero a nivel celular, o organismo perde a batalla.

O po máis groso tropeza coas paredes do aparello respiratorio e sae de novo ao exterior antes de chegar aos pulmóns pero o microscópico segue o seu camiño. “As partículas son neutralizadas polos macrófagos, unhas células do sistema inmune, e pasan aos lisosomas”, explica Rego. Estes son uns orgánulos que deberían ‘dixerir’ e destruír este corpo estraño. Pero non son capaces.

Deste xeito, “o macrófago acaba destruído e libera nos pulmóns unhas enzimas e uns radicais que aumentan a inflamación”, conta o doutor. Estes últimos xeran novos radicais oxidantes e outras enzimas que non son quen de destruír a sílice, e que ademais lesionan o tecido pulmonar. Así, acelérase o deterioro no interior do órgano, e aparece a fibrose. Ao mesmo tempo – sinala Gumersindo Rego – aumenta o risco de padecer cancro de pulmón e tuberculose.

O aspecto dun pulmón danado pola silicose é, de xeito paradoxal, semellante ao dunha rocha de granito, tal e como se pode ver na imaxe que encabeza estas liñas. O órgano endurécese, perde capacidade para incharse e desincharse para recoller osíxeno, facer a respiración celular e pasar o osíxeno ao sangue. As consecuencias, son por tanto, bastante graves.

Ante esta situación, traballadores e sindicatos reclaman que se facilite a concesión da incapacidade permanente para os enfermos, así como medidas máis contundentes de prevención nos lugares de traballo. Abordaremos este tema en profundidade nunha próxima reportaxe.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os incendios do Courel destapan miles de fósiles mariños do Paleozoico

Un xacemento de 416 millóns de anos descobre unha grande población de crinoideos, o grupo máis antigo dos equinodermos

Os Ancares e O Courel, distinguidos como ‘Mellor destino de montaña 2023’

O selo Observer revalida a certificación aos dous espazos naturais, que xa recibiran o recoñecemento en 2019

O ‘que miras bobo’ de Samos e outras curiosas figuras dos canteiros galegos

Sorrisos pícaros, autorretratos medievais e traseiros a modo de desaugadoiros son algúns dos exemplos desta arte en pedra

A erosión do solo derivada dos lumes impedirá reforestar os espazos naturais

Investigadores da USC adiantan unha importante degradación das superficies queimadas e unha menor existencia de masa arbórea no futuro