A fin do estado de alarma decretado en outubro de 2020 para conter a segunda e terceira ondas da pandemia da Covid-19 no territorio español finaliza na medianoite deste sábado. Á espera de aclarar algúns dos aspectos que marcarán este novo escenario, que deixa, en boa medida, en mans xudiciais a autorización de normas que poidan vulnerar dereitos fundamentais, cada goberno autonómico está avanzando xa a súa estratexia para que a contención de posibles repuntas da pandemia non entre en conflito cunha progresiva volta á ‘normalidade’. En Galicia, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, criticou reiteradamente este xoves ao Goberno español pola situación que agromará a partir desta fin de semana, o comité clínico acordou dar novos pasos, que anunciou o propio Feijoo. Estas son algunhas das claves da realidade que, a partir da medianoite do sábado ao domingo, vivirán os 2,7 millóns de habitantes de Galicia:
Levantamento de restricións
A partir da medianoite do sábado 8 ao domingo 9, finaliza o confinamento nocturno que impoñía o estado de alarma. En Galicia, este horario cinguíase das 23 ás 6 horas, aínda que o decreto permitía atrasalo ata medianoite. Esta posibilidade é que a utilizará a Xunta para permitir que na noite do sábado xa non sexa obrigatoria a recollida nocturna. Segundo anunciou Núñez Feijoo, a batería de medidas aprobadas polo Goberno galego atrasará este sábado o confinamento ata a medianoite. É dicir, a madrugada do venres 7 ao sábado 8 será a última na que a cidadanía galega estea obrigada a ficar ás 23 horas na casa.
No referente ao peche perimetral da comunidade autónoma, a fin da vixencia do decreto de outubro de 2020 tamén permite que se restableza a mobilidade entre as diferentes comunidades autónomas. Respecto á fronteira con Portugal, coas fronteiras abertas, estaría permitido o tránsito cara ao país veciño. Con todo, manteranse os controis nos aeroportos, con cribados a disposición das persoas que cheguen nun voo a Galicia. E tamén se abre a porta a que os viaxeiros poidan acreditar a vacinación mediante un certificado.
No caso dos centros residenciais, nos que case o 100% de usuarios e persoal están xa inmunizados contra a Covid-19, anunciouse que os maiores poderán ir á casa coas súas familias, durante un mínimo de cinco xornadas. Á volta realizarase unha PCR ou proba de antíxenos. Permítese un máximo de cinco saídas por semana de ata 4 horas cada unha. E permitirase tamén o contacto físico entre familias e persoas usuarias.
Limitacións que se manteñen
Aínda que a limitación de reunión a un máximo de seis persoas non conviventes é unha medida que queda sen efecto coa fin do estado de alarma, a meirande parte das comunidades manterán estas restricións co obxectivo de evitar posibles surtos derivados de encontros multitudinarios sen as medidas de protección axeitadas. Así, en Galicia manterase a limitación en todos os municipios, independentemente da incidencia de casos, de reunións de catro persoas non conviventes en espazos pechados e seis en espazos abertos.
En relación a isto, e a pesar do levantamento do confinamento nocturno, o presidente da Xunta avanzou que se prohibirán, sempre que se conte con aval dos tribunais, as reunións de persoas non conviventes entre a 1 e as 6 da mañá.
Tamén seguirán vixentes as restricións de capacidade máxima na hostalaría e outras actividades, de acordo aos catro niveis de incidencia vixentes ata agora.
Mantéñense os catro niveis segundo a incidencia
A pesar do avance na ‘desescalada’, a Xunta decidiu manter sen cambios, polo momento, as limitacións dos catro niveis que, en función da incidencia, regulan a situación municipal. Así, no caso dos concellos con maior incidencia, manterase o peche perimetral, o confinamento nocturno entre as 23 e as 6 horas, a prohibición de reunións con persoas non conviventes e o peche da hostalaría. Serán, a partir do domingo, os concellos de Cambados, Cualedro, Laza, Vilanova de Arousa e Padrón, cuxa incidencia a 14 días supera os 500 casos/100.000 habitantes. Outros 9 concellos ficarán no nivel alto, 28 no medio, e o resto, 271, estarán no nivel medio-baixo.
E que pasará despois?
Á espera de que a publicación das novas normas no Diario Oficial de Galicia aclare todos os detalles da ‘nova normalidade’, a intención da Xunta é, como ata o momento, seguir revisando semanalmente a situación epidemiolóxica. Deste xeito, e sempre co aval xudicial, poderían decretarse confinamentos perimetrais ou nocturnos nos concellos onde se detecte unha maior transmisión.
Así, tal e como veñen advertindo as autoridades sanitarias e os gobernos nas últimas semanas, Feijoo apuntou este xoves que “remata o estado de alarma pero non remata a pandemia”, polo que instou á cidadanía a manter as medidas de prevención e protección fronte a posibles contaxios.














