Venres 19 Abril 2024

Santiago implanta o marcapasos máis pequeno que existe

O Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) converteuse esta semana en pioneiro en implantar o marcapasos máis pequeno do mundo. Chámase ‘Micra‘ e mide 2,4 centímetros de lonxitude. Non require cables e implántase case sen cirurxía, utilizando un catéter na vea femoral. Santiago realizou xa catro implantes, dentro dun programa que comezou en dez hospitais españois.

Tamaño do marcapasos e dunha moeda de euro.
Tamaño do marcapasos e dunha moeda de euro.

En 2014, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) implantara tamén un micro-marcapasos sen cables, chamado Nanostim, pero lixeiramente maior, con 4 centímetros de longo. O ‘Micra’ resulta aínda máis cómodo. E a ausencia de cables garante a seguridade, pois evita infeccións como a miocardite. O pasado mes de abril, o ‘Micra’ foi aprobado pola Unión Europea. A Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) estima que, a finais deste ano, o uso desta tecnoloxía de estimulación cardíaca se utilice en máis dunha vintena de hospitais e que se implantasen máis de 100 dispositivos.
Segundo o estudo recentemente publicado no  European Heart Journal, que presentou os seus resultados na Heart RhythmSociety’s 36th Annual Scientific Sessions, o marcapasos sen cables máis pequeno do mundo cumpriu coas medidas de seguridade e rendemento: o 100% dos primeiros 140 pacientes que se beneficiaron desta tecnoloxía tiveron un procedemento de implante exitoso. Este estudo contou coa participación de 37 doutores de 23 hospitais de 11 países distintos entre os que se encontra o Hospital Clínic de Barcelona. Desde esta semana, o CHUS de Santiago entra neste selecto grupo europeo.

O novo marcapasos ten a décima parte de tamaño que os actuais

Cunha décima parte do tamaño do marcapasos actual, este dispositivo colócase directamente no corazón mediante un catéter inserido a través da vea femoral. A principal vantaxe desta tecnoloxía é que non require do uso de cables para ofrecer terapia de estimulación; máis ben, está unido ao corazón a través de pequenas patas e proporciona impulsos eléctricos a través dun electrodo no extremo do dispositivo.
En contraste co procedemento actual de implante do marcapasos, este non require de incisións cirúrxicas no peito nin da creación de ningún “peto” debaixo da pel. Esta novidade elimina as posibles complicacións derivadas do acceso dos electrodos e da colocación do xerador. Ademais, elimina calquera signo visible do dispositivo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous proxectos galegos de cardioloxía personalizada reciben dous millóns de euros

Un deles centrarase en investigar a cardiotoxicidade producida polos fármacos antitumorais e, o segundo, na fibrilación auricular

Un equipo de Santiago usa intelixencia artificial para previr riscos tras un infarto

Os pacientes empregan unha aplicación que lles permitirá levar un maior e mellor autocontrol da súa evolución e progresos

Galicia, pioneira en describir unha enfermidade do corazón

Fatiga ou inchazón de pernas son algúns dos síntomas cos que se presenta a amiloidose cardíaca, unha doenza pouco coñecida e de mal prognóstico

Identifican novos marcadores de cardiotoxicidade en pacientes con cancro de mama

A tese de María Cebro aborda algunhas complicacións cardíacas que xorden trala quimioterapia, unha das principais causas de morte en sobreviventes do cancro