Equipo investigador do Servizo de Farmacia, coa dirección da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela xunto a investigadores dos Servizos de Oftalmoloxía, Medicina Nuclear e USC.
Equipo investigador do Servizo de Farmacia, coa dirección da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela xunto a investigadores dos Servizos de Oftalmoloxía, Medicina Nuclear e USC.

Santiago recibe fondos para tratar a cistinose, unha doenza ocular rara que afecta a nenos

O Servizo de Farmacia da área compostelá acadou unha das axudas de investigación da Fundación Española de Farmacia Hospitalaria

O Servizo de Farmacia da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela  vén de conseguir unha das cinco axudas estatais concedidas pola Fundación Española de Farmacia Hospitalaria, que teñen como obxectivo fomentar e promover o desenvolvemento de proxectos de investigación en saúde. Co financiamento conseguido poderase dar continuidade a unha liña de investigación centrada no tratamento da cistinose ocular, unha enfermidade rara que afecta principalmente a nenos.

O Servizo de Farmacia de Santiago, liderado por Irene Zarra, xa desenvolvera con anterioridade un hidroxel de cisteamina que actualmente está a ser utilizado en pacientes de todo o territorio nacional. O obxectivo do actual proxecto é deseñar novos sistemas de administración que poidan incrementar a permanencia deste fármaco na superficie ocular e, deste xeito, mellorar a súa efectividade.

O investigador principal do proxecto é Anxo Fernández Ferreiro, un facultativo especialista en Farmacia Hospitalaria que actualmente se incorporou a un contrato Juan Rodés, unha liña de contratos que ten por obxectivo atraer persoal facultativo con experiencia en investigación en ciencias da saúde e aumentar a masa crítica de médicos que compaxinan actividades clínico-asistenciais e de investigación para reforzar a capacidade de translación do coñecemento aos pacientes.

Nos dous últimos anos, cinco facultativos do Sergas lograron estes contratos nas convocatorias competitivas estatais do Instituto de Saúde Carlos III. Deste xeito, logrouse impulsar a investigación biosanitaria galega, e concretamente con este proxecto, promover o desenvolvemento de novos sistemas oftálmicos destinados ao tratamento de enfermidades raras. Este proxecto levarase a cabo no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e para o seu desenvolvemento contarase cun equipo multidisciplinar formado por farmacéuticos do ámbito clínico-asistencial da área de Santiago e do ámbito académico pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela.

Por outra banda, tamén participarán no proxecto especialistas do Servizo de Oftalmoloxía e de Medicina Nuclear do centro, así como os coordinadores dos grupos de traballo de farmacotecnia e enfermidades raras da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria pertencentes ao Hospital La Fe (Valencia), Los Arcos del Mar Menor (Murcia) e o Instituto Oftalmolóxico Fernández-Vega (Oviedo).

A cistinose

A cistinose é unha doenza xenética de herdanza autosómica (non distingue entre sexos) e recesiva (precísanse dúas copias ‘afectadas’ dun xene para herdala) que afecta a un de cada 100.000-200.000 nenos.

Caracterízase pola acumulación dun aminoácido, chamado cistina, nos lisosomas das células, debido a un defecto no transporte desta substancia cara ao exterior. Ao acumularse e cristalizar, produce danos en diferentes órganos e tecidos, como é a córnea, xerando problemas de visión. Aínda que nas idades temperás apenas hai síntomas, a acumulación pode comezar aos 16 meses de idade, e aproximadamente aparecen os problemas arredor dos 10 anos, chegando a causar nalgúns casos cegueira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.