Fumar durante o embarazo pode producir serios problemas de saúde para o feto e a nai.
Fumar durante o embarazo pode producir serios problemas de saúde para o feto e a nai.

Unha de cada cinco mulleres en España fuma durante o embarazo

Unha investigación do Instituto de Salud Carlos III achega novos datos sobre o tabaquismo durante a xestación entre 1980 e o 2016

A Organización Mundial da Saúde (OMS) celebra este venres 31 de maio o Día Mundial Sen Tabaco. E co gallo desta data, o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) deu a coñecer novos resultados sobre as súas liñas de investigación sobre o consumo desta substancia, legal pero notablemente daniña para a saúde de quen a consume e da súa contorna, especialmente durante o embarazo.

A través dun traballo conxunto do ISCIII co Estudo Colaborativo Español de Malformacións Conxénitas (ECEMC), o Instituto de Investigación de Enfermidades Raras (IIER) e o Centro Nacional de Epidemioloxía, realizouse un estudo pioneiro en España co obxectivo de describir a situación actual e as tendencias do consumo de tabaco durante o embarazo en España, entre 1980 e 2016. E os datos son preocupantes: a porcentaxe de embarazadas fumadoras en 2016 foi de 20,4%, fronte ao 14,3% rexistrado en 1980.

A porcentaxe de mulleres que fuman durante o embarazo é do 20,4%, fronte ao 14,3% de 1980

O estudo tamén subliña que o tabaquismo durante o embarazo é superior en mulleres menores de 30 anos (28,7%) que nas de 30 anos ou máis (17,6%). E as embarazadas de nivel educativo máis baixo mostraron unha maior proporción (32,9%) cás de nivel intermedio (21,2%) e superior (14,4%). Ademais, un 66% das xestantes mantivo o consumo durante todo o embarazo e só un 22% deixou de fumar durante o primeiro trimestre. Os investigadores presentarán o estudo, aínda pendente de publicación, no próximo congreso nacional da Sociedade Española de Epidemiología ( SEE), que se celebrará en setembro.

O traballo subliña tamén que a evolución do consumo de tabaco entre 1980 e 2016 en España mostrou catro períodos diferenciados: desde 1980 a 1989 rexistrouse un incremento medio anual (medidas absolutas da porcentaxe de fumadoras) do 1,6%; desde 1990 ata 2001 obsérvase unha estabilización (meseta) nas medicións; a partir do cambio de século iníciase un descenso anual do 1,4% no consumo ata 2008 e, finalmente, xorde unha desaceleración posterior desta diminución, reducíndose só un 0,2% anual ata 2016.

A mostraxe foi de 40.934 mulleres embarazadas, nais dos controis participantes no estudo ECEMC (recentemente nacidos sen defectos conxénitos) rexistrados no devandito período en toda España.

No traballo participan no ISCIII Iñaki Galán, investigador Científico do Centro Nacional de Epidemiología, e Eva Bermejo, científica do Instituto de Investigación de Enfermidades Raras e Coordinadora científica do Estudo Colaborativo Español de Malformacións Conxénitas (integrado por unha Rede Clínica de máis de 300 pediatras de toda España). Tamén colaborou Ana Salinas, residente de Medicina Preventiva e Saúde Pública no Hospital Clínico San Carlos, de Madrid.

Danos polo tabaco no embarazo

Segundo subliña o propio ISCIII, cando unha embarazada fuma, o monóxido de carbono e a nicotina do fume de tabaco poden interferir coa subministración de osíxeno ao feto. Ademais, a nicotina cruza facilmente a placenta e as concentracións de nicotina no feto poden ser ata un 15% máis altas que os niveis maternos.

Os efectos adversos do hábito de fumar durante o embarazo inclúen complicacións do embarazo, morte fetal, parto prematuro, un atraso no crecemento fetal e baixo peso ao nacer (o que repercute sobre a saúde na infancia), así como varios tipos de defectos conxénitos graves asociados a discapacidade. Nalgúns casos, o fumar durante o embarazo tamén conleva un risco de sufrir abortos espontáneos e a síndrome de morte súbita do lactante entre outros problemas de saúde. Mesmo antes do embarazo, o tabaco é unha exposición que debe evitarse porque pode afectar á fertilidade da parella e á formación das células reprodutivas.

Neste senso, os investigadores do ISCIII Iñaki Galán e Eva Bermejo recomendan. “Os pais e demais membros das familias e a comunidade tamén deben tomar medidas para promover a súa propia saúde e a dos seus fillos, protexéndoos dos danos causados polo tabaco mesmo desde antes do embarazo. Nunca é demasiado tarde para deixar de fumar. A prevención é responsabilidade de todas as persoas e o tabaco é unha exposición evitable, polo que ninguén debe perder a oportunidade de previr e favorecer un desenvolvemento saudable”.

Día Mundial sen Tabaco

Este ano o Día Mundial Sen Tabaco céntrase na saúde pulmonar. As consecuencias negativas do tabaco neste ámbito van desde o cancro ata as enfermidades respiratorias crónicas, sumando outros problemas asociados. A campaña de 2019 destaca que os bebés expostos no útero ás toxinas do fume de tabaco, a través do tabaquismo materno ou da exposición materna ao fume alleo, experimentan con frecuencia unha diminución do crecemento dos pulmóns e da función pulmonar, e tamén pode afectar o cerebro. Os nenos pequenos expostos ao fume de tabaco alleo corren o risco de agravamento da asma, a pneumonía e a bronquite, así como infeccións frecuentes das vías respiratorias inferiores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.