Sanidade revisa a lista de restricións: Mos e Cambados quedarán en nivel medio

O conselleiro de Sanidade anunciou un ensaio para a vacinación masiva na Cidade de Cultura de Santiago, na que participarán 1.000 persoas

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, anunciou este mércores novos cambios no mapa de medidas que se avanzara na noite do martes e entrará en vigor o venres. O conselleiro Julio García Comesaña informou que finalmente Mos e Cambados pasarán ao nivel medio co resto de concellos galegos. A mobilidade estará permitida, por tanto, entre 296 dos 313 municipios.

Serán 17 os que ficarán en maiores restricións:

Publicidade

  • Nivel máximo: Paradela, A Pobra do Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures. Estes municipios quedarán pechados perimetralmente e non se poderá saír deles agás causa xustificada, tamén pechará a hostalaría e limitaranse as reunións a persoas conviventes, entre outras medidas.
  • Nivel alto: Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado. A mobilidade limítase aos desprazamentos entre estes mesmos concellos, pero non se poderá ir, agás causa debidamente xustificada, ao resto de municipios de Galicia. Permítense as reunións de ata catro persoas non conviventes. A hostalaría está pechada no interior e aberta nun 50% nas terrazas.

Situación actual

Alén do anuncio das medidas, os responsables da Consellería de Sanidade analizaron, como todos os mércores, a evolución da pandemia en Galicia. García Comesaña falou de “boa tendencia”, mais mantivo o chamamento á “prudencia“.

Galicia baixou xa ata 90 casos por 100.000 habitantes na incidencia a 14 días, descenso máis acelerado nos últimos 7, con 37 casos. Segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, constátase unha diminución na incidencia a sete días do 21% e do 24% a 14 días. Porén, no comezo desta semana está a producirse un aumento de novos positivos, xa que este martes se confirmaron 142 casos por proba PCR, máis ca nas xornadas previas.

Publicidade

Diminúe tamén a presión asistencial, segundo expuxo o xerente do Sergas, José Flores Arias: a ocupación das camas de hospitalización sitúase nun 4,06%, cunha caída do 22%; e a ocupación das UCI é do 14%, cunha caída do 27%.

Destacou tamén Carmen Durán que en Galicia realizáronse na última semana 90.566 probas diagnósticas, sendo a comunidade autónoma que máis probas diagnósticas realiza, un total de 3.354 por 100.000 habitantes, mentres que a media española é de 1.644.

Proba piloto na Cidade da Cultura

Tamén se referiu García Comesaña á campaña de vacinación, que segue avanzando a un ritmo cada vez maior. Este martes xa recibiran as dúas doses máis de 76.300 persoas en Galicia, e administráronse en total 278.771 doses. No marco da inmunización, Sanidade xa traballa co escenario de que cheguen un maior número de doses, e con este obxectivo realizarase este xoves unha proba piloto de vacinación na Cidade da Cultura na que están citados 1.000 cidadáns da área de Santiago menores de 55 anos. A citación estase a facer por SMS, cunha posterior confirmación a través dunha chamada telefónica automática. Este procedemento levarase a cabo o vindeiro sábado no resto de áreas sanitarias, no que se citarán a un total de 20.000 persoas.

Cambios nas medidas

Ademais, dada a boa evolución da situación epidemiolóxica, o conselleiro anunciou que os albergues recuperan o seu funcionamento, cos dormitorios colectivos ao 30%, así como as actividades de turismo activo, como máximo 4 persoas (3 turistas e un monitor), e as clases de canto e instrumentos de vento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe