Un parasito de “risco para a saúde humana”, presente nos ruminantes das granxas galegas

As granxas de ruminantes galegas, como as de vacas, teñen unha importante prevalencia do protozoo Cryptosporidium. Imaxe: sacratomato_hr - Moo - CC BY-SA 2.0.
As granxas de ruminantes galegas, como as de vacas, teñen unha importante prevalencia do protozoo Cryptosporidium. Imaxe: sacratomato_hr - Moo - CC BY-SA 2.0.

A criptosporiodiose é unha doenza que adoita provocar diarreas, febre, náuseas, vómito, dor no abdome e perda de peso. Está causada por parasitos do xénero Cryptosporidium, un organismo presente de forma habitual nos animais ruminantes das granxas galegas, como as vacas, as ovellas e as cabras. Este protozoo foi o causante, no ano 1993, dun importante brote na cidade estadounidense de Milwaukee que afectou a máis de 400.000 persoas, debido á deficiencias na potabilización de auga do lago Michigan, a onde se vertían augas residuais procedentes de granxas.

O protozoo adoita causar diarrea, febre, náuseas e vómitos en humanos

Sobre este parasito afonda a tese de doutoramento presentada pola bióloga Esther Navarro González na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC. Nela, advirte da presenza xeneralizada do Cryptosporidium nos ruminantes, aparentemente sans, das granxas galegas. Neste sentido, Navarro sinala que o contacto co gando vacún, ovino e caprino pode constituír unha fonte de infección e contaxio de procesos diarreicos entre os animais máis novos das citadas explotacións e tamén constitúe un risco para a saúde humana.

A tese, que leva por título Caracterización molecular e potencial zoonótico de illados de Cryptosporidium en ruminantes domésticos e a súa relación coa idade, é un detallado estudo sobre o protozoo, que con frecuencia agocha a causa de procesos diarreicos en animais e persoas de todo o mundo, especialmente, en individuos novos ou inmunocomprometidos, para os cales aínda non se dispón dun tratamento farmacolóxico eficaz.

Algúns estudos realizados previamente na cátedra de Parasitoloxía e Enfermidades parasitarias da Facultade de Veterinaria de Lugo xa demostraran a elevada prevalencia de Cryptosporidium en ruminantes domésticos sen destetar con diarrea, xa que este axente afecta ao 32% e o 63% dos tenreiros, cordeiros e cabritos, respectivamente. Porén, a investigación desenvolvida por Navarro González achega luz respecto do cometido que teñen na difusión e no contaxio desta enfermidade parasitaria os ruminantes de diferentes idades que non presentan diarrea. Cómpre destacar que os datos obtidos sobre a asociación entre a idade e as especies de Cryptosporidium no gando ovino e caprino son os primeiros realizados en Europa.

Esther Navarro (segunda pola dereita), cos directores da súa tese sobre os ruminantes. Foto: USC.
Esther Navarro (segunda pola dereita), cos directores da súa tese sobre os ruminantes. Foto: USC.

 

Nas análises realizadas para a tese constatouse que o Cryptosporidium está amplamente difundido en granxas de ruminantes de Galicia sen antecedentes de diarrea neonatal. As porcentaxes de animais positivos foron do 41,6%,  47%  e 50% nas explotacións de vacún, ovino e caprino, respectivamente. De feito, nestas tres especies de ruminantes domésticos, os animais adultos sen diarrea eliminaron ooquistes de C. parvum, o que ten un considerable interese epidemiolóxico. De feito, estes animais poden actuar como reservorios, contribuíndo a contaminar o medio e incrementando o risco de infección dos animais máis novos que son os máis propensos a padecer episodios de diarreas neonatais; polo que se aconsella manter os neonatos en cubículos individuais e separados dos animais adultos, a fin de evitar brotes de diarrea neonatal.

Ademais, nas 3 especies de ruminantes obxecto da investigación detectáronse os subtipos IIaA15G2R1 e IIaA16G3R1 de C. parvum, sendo o primeiro un dos principais subtipos responsables de criptosporidiosis humana, o que confirma que en Galicia o gando vacún, ovino e caprino, aínda que non presenten diarrea, poden constituír unha fonte de infección para as persoas, polo que, especialmente, os gandeiros deben extremar as medidas hixiénicas no manexo destes animais.

A tese de Esther Navarro foi dirixida polos profesores doutores do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Pablo Díaz Fernández, Mª Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños. O tribunal encargado de xulgar a tese estivo presidido por Caridad Sánchez Acedo, catedrática emérita da Universidade de Zaragoza, e o catedrático de Sanidade Animal da Universidade de Sassari (Italia) Antonio Scala e Rosario Panadero Fontán, profesora titular da Área de Sanidade Animal da USC, que actou como secretaria, completaron a composición do tribunal. Os tres outorgaron a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación. A nova doutora, que forma parte do Grupo de Referencia Competitiva (GR2015/003) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, acadou tamén a mención internacional grazas a unha estadía completada na Universidade de Nanjing logo de acadar unha achega do Consello Nacional de Bolsas de China.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.