Menos do 5% da programación infantil diaria está en galego

Durante a semana, se un neno ou nena prende a televisión, só atopará na nosa lingua un 4,6% dos contidos dedicados ao público infantil. E na fin de semana, a porcentaxe descende ao 2,7%. Son os datos que achega un informe elaborado polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos, e que presentou A Mesa pola Normalización Lingüística, no que se alerta do “alarmante  retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva infantil malia as posibilidades técnicas da TDT”, sinala o comunicado que publica a entidade. Apunta a Mesa que os datos “son unha proba palpábel da falsa liberdade de escolla pois, na práctica, non existe opción de poder vivir en galego nin tan sequera unha crianza pode ver programas infantís en galego na maior parte do tempo”.

Para realizar o informe, A Mesa analizou os contidos das canles dedicadas ao público infantil, como son Clan, Boing ou Disney Channel, no conxunto de España, e a TVG2 en Galicia. A segunda canle pública autonómica, onde a CRTVG sitúa os contidos infantís, ten unha audiencia menor que as outras canles temáticas. E alén disto, a programación destinada a nenos e nenas na TVG2 só supón o 41,7% do tempo de emisión nos días laborables e un 24,3% nas fins de semana. Engade A Mesa que o Xabarín Club, “unha das máis importantes iconas da galega para varias xeracións, debilitouse fortemente” coa redución do seu tempo de emisión e, posteriormente, o seu traslado á segunda canle.

Publicidade

O presidente da entidade, Marcos Maceira, denunciou na presentación do informe que “a presenza do galego na grella televisiva é moi inferior hoxe do que hai 20 anos, afondando na exclusión e subordinación do galego e negando á infancia o mínimo acceso a contidos no noso idioma”.

Dobraxe infantil

O informe tamén pon o foco nos contidos que xa contan con dobraxe ao galego, mesmo en series e debuxos animados que gozaron de éxito na TVG, “desprezándose traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público”. Neste sentido, a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos , Elsa Quintas, asegurou que “é lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados”.

Publicidade

“A solución comeza, en primeiro lugar, por aproveitar as posibilidades que ofrece a canle pública, impulsando o seu obxectivo normalizador e activar por parte da administración os recursos cos que conta para ampliar substancialmente a oferta en lingua galega”, sinalou Quintas,  “mais tamén porque a administración actúe en todos os ámbitos”.

Os datos “son unha proba palpábel da falsa liberdade de escolla”, sinala a entidade

Ante isto, a Mesa solicita a actuación da Xunta, para “que cumpra a súa obriga de promover o galego de forma activa tamén no sector audiovisual dirixido ao público infantil e xuvenil de forma que garanta materialmente os dereitos lingüísticos destas franxas de idade amparados pola normativa”.

E para “comezar a corrixir esta situación”, a entidade propón sete medidas para conseguir unha maior presenza do galego na programación infantil: aumentar a oferta en galego destinada á infancia e a mocidade na TVG e a creación dunha terceira canle exclusiva para programación infantil; a inclusión da dobraxe ao galego en Clan, canle infantil de TVE; a adopción, por parte da Xunta, das medidas e accións precisas a través de acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada ao galego en todas as canles; activar as licenzas galegas de TDT existentes e crear outras novas como maneira de garantir a presenza da lingua galega e de contidos de produción galega con especial atención ao público infantil e xuvenil; garantir unha oferta mínima de DVD e outro material audiovisual en galego ou con opcións de lexendas en galego; a promoción de programas xogos informáticos e todo tipo de aplicación adaptadas ao galego por parte das autoridades, e a visualización en Galicia da RTP, segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Podes ler o informe A situación da lingua galega na programación televisiva infantil nesta ligazón.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados

Entre o “Teño, teño” e o “Carallo!”: a linguaxe da dor en Galicia (e en galego)

Dous documentos testemuñais de finais do século XX recompilan as expresións populares empregadas por pacientes para describir o seu malestar

Froallo, xistra ou trebón: estas son as 100 palabras en galego para falar da chuvia

A filóloga Elvira Fidalgo documentou unha ampla variedade de denominacións rexistradas en máis dun cento de localidades do noroeste peninsular

Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se puidese escoller

Unha investigación da RAG analiza as repercusións do Decreto 79/2010, que prohibe impartir en secundaria algunhas disciplinas científicas na lingua propia