Venres 26 Abril 2024

O galego Ricardo Cao dirixirá o comité de expertos matemáticos fronte ao coronavirus

O equipo que coordina o catedrático da Universidade da Coruña asesorará ao Goberno español na análise de datos sobre a pandemia

O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, acaba de ser nomeado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat) presidente do comité de expertos da iniciativa “Acción Matemática contra o Coronavirus”, que ten o obxectivo de axudar ao Goberno de España a atopar solucións ante a crise sanitaria orixinada polo coronavirus SARS-CoV-2, achegando conclusións e recomendacións dende o ámbito das matemáticas.

Así, este comité de expertos poñerá á disposición das autoridades a súa capacidade de análise e modelización para comprender o problema que está sufrindo a nosa sociedade coa doenza Covid-19. A partir dos datos facilitados polo Goberno sobre a evolución da pandemia, microdatos dos casos diagnosticados, recursos dispoñibles, ficheiros Big Data de mobilidade, etc., o comité elaborará a modelización matemática da pandemia para, a partir de aí, establecer previsións de evolución que permitirán a planificación óptima dos recursos.

Publicidade

Ricardo Cao é investigador da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC e membro do comité de dirección do centro, así como catedrático da área de Estatística e Investigación Operativa da UDC. É profesor na UDC desde 1991, e está especializado en Estatística non paramétrica, o bootstrap, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume (big data), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e a modelización estatística en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en xenómica, e neurociencia e en malherboloxía.

Na actualidade é o editor xefe da revista Journal of Nonparametric Statistics e editor asociado das revistas TEST e Computational Statistics. Tamén é docente no Mestrado Internuiversitario de Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades galegas, así como no Mestrado Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Informática da Universidade da Coruña.

O Comité Español de Matemáticas está formado polas sociedades científicas españolas no ámbito das Matemáticas: Real Sociedad Matemática Española (RSME), Societat Catalana de Matemàtiques (SCM), Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA), Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO), Sociedad Española de Investigación en Educación Matemática (SEIEM), Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas (SEHCYT).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

A UDC coordina o primeiro sensor automático en detectar zoonoses a escala mundial

O proxecto está liderado polo grupo do investigador Alejandro Criado. Chámase FLUFET e identifica un amplo espectro de obxectivos virais