O consumo intesivo de alcol en adolescentes está relacionado con anomalías cerebrais

Un equipo de investigadores da USC revisaron 33 estudos de neuroimaxe para observar os cambios estruturais e as diferencias de xénero

Distintos estudos internacionais mostran que o alcol é unha das drogas máis dispoñíbeis e consumidas entre adolescentes e adultos novos en todo o mundo. Entre os diversos patróns, o consumo intensivo está xerando unha forte preocupación tanto na comunidade científica como na sociedade polas súas consecuencias.

O consumo intensivo de alcol defínese como o consumo de cinco ou máis bebidas estándar para os homes, catro ou máis para as mulleres, no transcurso de dúas horas. Este patrón adoita iniciarse en idades temperás polo seu carácter lúdico, a baixa percepción de risco e as expectativas positivas do alcol.

Publicidade

Adolescentes e primeiros adultos

Enquisas europeas mostran que arredor do 34% dos estudantes de entre 15 e 16 anos afirman ter realizado este patrón de consumo de alcol durante o mes anterior, o que supón unha gran preocupación especialmente por ter lugar nun período no que o cerebro aínda está pasando por un proceso de desenvolvemento, sendo máis sensibles aos efectos neurotóxicos do alcol.

Investigadores da USC analizaron estudos de neuroimaxe para comprender os efectos do consumo intensivo de alcol na estrutura do cerebro

Precisamente, con respecto a estes efectos negativos do consumo intensivo de alcol durante a adolescencia e primeira etapa adulta distintos estudos sinalan afeccións no control executivo e a memoria verbal, así como problemas de conduta —como conducir baixo os efectos do alcol—, prácticas sexuais inseguras, diminución do rendemento académico e un maior risco de desenvolver trastornos polo consumo de alcol na idade adulta.

Con todo, a día de hoxe ningunha revisión sistemática integrou os resultados obtidos utilizando técnicas de imaxe relativamente novas —como a imaxe de dispersión e densidade de orientación de neuritas e a conectividade funcional en repouso—, polo que un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) decidiu analizar exhaustivamente os estudos de neuroimaxe para comprender mellor os efectos do consumo intensivo de alcol en adolescentes e adultos novos.

O estudo

Este equipo de investigadores da USC buscaba abordar as anomalías neuroestruturais e funcionais asociadas co consumo intensivo de alcol durante a adolescencia e a primeira etapa adulta. Por outra banda, os científicos pretendían atopar unha posible evidencia de anomalías na actividade cerebral basal asociada con este consumo, así como do potencial aumento das anomalías observadas debido ao mantemento do consumo a medio ou longo prazo e as posíbeis diferencias de xénero nestes efectos no cerebro.

A análise de datos incluíu 33 estudos publicados entre o 2000 e o 2020 con participantes cun consumo intensivo de alcol

Para isto, os investigadores fixeron unha busca exhaustiva nas bases de datos de Pubmed e Web of Science dos artigos publicados entre o 1 de xaneiro do ano 2000 e o 31 de decembro de 2020. Entre os atopados, só se incluíron aqueles estudos nos que o grupo de bebedores comprendía participantes cun consumo intensivo, así como aqueles que avaliaron as consecuencias deste consumo nunha poboación nova sa que non experimentara ningún historial de trastornos por uso de substancias.

Neste sentido, José Manuel Pérez García, o investigador principal, sinala que “o estudo sobre o consumo intensivo de alcol foi medrando nas últimas décadas e hai unha gran cantidade de artigos que analizan a prevalencia do consumo en persoas novas. O que atopabamos na literatura era que as revisións que había integraban diferentes patróns de consumo ou a adolescentes que ademais tiñan un trastorno por abuso de alcol ou outro tipo de consumo máis severo. Críamos que era interesante ser moi estritos respecto ao criterio de inclusión para abordar o consumo intensivo de alcol”.

Así, a análise de datos final incluíu 33 artigos entre os que destacan os estudos volumétricos e de espesor cortical, de resonancia magnética de difusión, de memoria de traballo verbal e visual-espacial, de control inhibitorio, de toma de decisións e procesamento de decisións relacionadas con recompensas e de procesamento socioemocional.

Os resultados

Entre os resultados incluídos na revisión realizada polos investigadores da USC, existen algúns patróns que relacionan o consumo intensivo de alcol con anomalías cerebrais. No que respecta á materia gris, observáronse cambios tanto no volume como no grosor das estruturas corticais e subcorticais. Tamén hai evidencias de anomalías na conectividade en rexións asociadas ao procesamento de recompensas e os procesos de control inhibitorio.

A nivel funcional, este patrón de consumo intensivo está relacionado con anomalías na resposta neuronal asociada con todos os procesos avaliados a través dunha variedade de tarefas. Aínda que a dirección dos descubrimentos non está clara, os patróns máis comúns observados foron a hiperactivación de áreas cerebrais como a ínsulta e o recrutamento de áreas adicionais.

Son necesarios estudos que comparen distintos patróns de consumo de alcol

Pérez García explica que “cando englobas todos os estudos e sinalas como diana algunhas estruturas, sobre todo as prefrontais e as vinculadas con alteracións funcionais, acabas por atopar un patrón. Nós intentamos integrar todas estas alteracións para que se vexa onde converxen as diferentes técnicas. O gran valor desta revisión é illar os efectos do consumo intensivo de forma estrita para logo poder abordar un patrón que nos guíe”.

Aínda así, os investigadores inciden na necesidade de realizar estudos estruturais que comparen os distintos patróns como poden ser o consumo intensivo de alcol, os alcólicos dependentes e a poboación con trastorno por consumo de alcol. Tamén consideran fundamental realizar máis estudos lonxitudinais que permitan determinar se as diferenzas observadas cambiarán ao manter ou abandonar a longo prazo este patrón de consumo de alcol. Este modelo de estudos serviría para obter medicións antes do inicio deste patrón para comprender os factores de risco que poden contribuír ao consumo.

Polo momento, “este estudo é unha primeira parte que nos veu moi ben porque fixemos un estudo lonxitudinal que está á espera de publicación no que seguimos a poboación da USC de 18 anos que teñen un consumo intensivo de alcol durante dous anos. Entón, utilizamos as estruturas sinaladas nesta revisión sistemática como diana e onde imos poñer especial atención neste segundo estudo”, manifesta Pérez García.

Diferencias de xénero

Os 33 estudos incluídos na análise contaban con mostras formadas por homes e mulleres. Con todo, só nove deles avaliaron a influencia do xénero nos resultados de neuroimaxe, estabelecendo diferenzas na afectación das distintas zonas do cerebro.

Aínda que hai diferenzas na afectación cerebral polo consumo de alcol, a interpretación non está clara

Cinco destas investigacións revelaron diferenzas de xénero na función cerebral e na estrutura relacionadas co consumo intensivo de alcol na adolescencia. Dous deles, de resonancia magnética, informaron dun volume máis baixo e un grosor cortical menor en distintas rexións (frontal, estriatal, temporal media e parietal) nos homes con este patrón de consumo, mentres que nas mulleres observouse o contrario.

Con respecto aos estudos de resonancia magnética de difusión, un estudo mostrou un índice de anisotropía fraccionada (FA) máis baixo en varios tractos de fibra de materia branca en relación cos homes que non mostraban un patrón de consumo intensivo, mentres que as mulleres con antecedentes deste consumo mostraron valores de FA máis altos.

Non obstante, a interpretación destas diferenzas entre homes e mulleres non está clara. Os investigadores da USC suxiren que estas anomalías poden estar relacionadas co ritmo diferente nos procesos de neuromaduración en homes e mulleres, modulando os efectos do consumo intensivo de alcol na adolescencia. “A maioría destes estudos son transversais, só teñen unha única sección de imaxe e tampouco sabemos como estaba o cerebro antes dese consumo de alcol. Hai que ser moi cautos porque tamén son moi poucos estudos, que tamén habería que replicar, e non hai suficientes lonxitudinais.”, afirma Pérez García.


ReferenciaEffects of binge drinking during adolescence and emerging adulthood on the brain: a systematic review of neuroimaging studies (Publicado en Neuroscience & Biobehavioral Reviews)

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego cuantifica por primeira vez un “probable canceríxeno” en fórmulas para lactantes

O traballo, que vén de desenvolver e validar un novo método para analizar contaminantes nos alimentos, detectou acroleína en varias mostras

Detectada no norte de España a carracha que transmite o novo virus chinés

A investigadora da USC Rita Sánchez-Andrade revela que a especie 'Haemaphysalis concinna' identificouse en Asturias e Cantabria

Un estudo da USC valida a implantación clínica de medicamentos mastigables impresos en 3D

O traballo de Lucía Rodríguez aborda a tecnoloxía de extrusión para preparar remedios individualizados e fáciles de inxerir

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California