Descuberta unha proteína que protexe o cerebro do alzhéimer

Investigadores do CSIC atoparon que os niveis de LRP3 diminúen nos pacientes ao iniciarse a neurodexeneración, perdendo o seu papel protector

Un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de demostrar que unha proteína pouco coñecida, denominada LRP3, controla os niveis de beta amiloide, a proteína que se acumula no cerebro das persoas con alzhéimer, formando as placas que caracterizan esta enfermidade.

Esta proteína podería ser unha nova diana terapéutica e unha vía ata o de agora inexplorada para unha enfermidade da que se diagnostican 40.000 novos casos cada ano só en España, supoñendo a principal causa de demencia e discapacidade nas persoas maiores en todo o mundo. Isto suporía atopar vías máis efectivas para lograr modificar ou frear o curso da enfermidade, un importante obxectivo aínda non acadado.

Publicidade

A investigación foi levada a cabo con mostras humanas de corteza frontal procedentes do Banco de Tecidos do Instituto de Neuropatoloxía do Hospital Universitario de Bellvitge (Barcelina) e analizou a expresión de LRP3 en persoas de mediana idade sas e con alzhéimer.

Así, o equipo científico foi quen de observar que nos cerebros dos pacientes coa enfermidade os niveis da proteína LRP3 estaba diminuídos ao comezo da neurodexeneración, polo que poderían perder este papel protector da proteína con respecto da beta amiloide ao comezo da demencia e isto suporía un lastre durante o desenvolvemento da enfermidade.

Publicidade

As chaves da proteína

A proteína LRP3 é un receptor capaz de unir unha proteína denominada apoE. O xene que expresa apoE está moi relacionado co alzhéimer de inicio tardío —o que comeza despois dos 65 anos—. A proteína apoE ten tres formas: apoE2, a menos común en humanos e que reduce o risco de padecer a enfermidade; apoE3, a forma máis común e que non parece incidir no risco; e apoE4, que vai asociada a un elevado risco de sufrir alzhéimer.

Os investigadores descubriron tamén que apoER2, outro receptor que, ao igual que LRP3, se atopa na membrana das neuronas, favorece o aumento de niveis de LRP3 e polo tanto o seu papel como regulador da formación de placas amiloides no cerebro.

ApoER2 e LRP3 pertencen a unha mesma familia de receptores de lipoproteínas de baixa densidade (LDL), que median a captación de lipoproteínas e foron estudados clasicamente polo seu papel no transporte e metabolismo do colesterol. Sábese que os membros da familia de receptores LDL están implicados na regulación da plasticidade sináptica e o desenvolvemento da enfermidade de alzhéimer como receptores de apoE.

O interese actual dos investigadores é estabelecer a relación entre apoE e LRP3, xa que cada persoa ten unha das formas de apoE, mais LRP3 está presente en todas.


Referencia: The apolipoprotein receptor LRP3 compromises APP levels (Publicado en Alzheimer’s Research & Therapy)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Unha análise de sangue e un novo escáner cerebral detectan sinais de alzhéimer anos antes dos síntomas

Os resultados de dous estudos publicados en 'The Lancet' abren novas posibilidades para mellorar o diagnóstico precoz da enfermidade neurodexenerativa

Así se distribúen os recursos contra a demencia: este é o mapa por concellos en Galicia

A plataforma dixital Demgal permite localizar centros e servizos sociosanitarios en toda a comunidade e facilita a orientación de pacientes e familias

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies